Eduard Karl Max Ritter von Zambaur, nado o 11 de maio de 1866 en Podgórze, Cracovia, e finado o 10 de outubro de 1947 en Graz, foi un orientalista, numismático e oficial do exército austríaco."Eduard von Zambaur, 1866-1947 ". Institut dominicain d'études orientales.

Traxectoria

Como militar Eduard von Zambaur era fillo dun xeneral do exército austríaco. Logo de recibir a súa educación secundaria militar inferior en Koszeg (actualmente en Hungría) e a superior en Hranice (hoxe na R. Checa), von Zambaur asistiu entre 1880 e 1883 á Academia Militar Teresiana en Wiener Neustadt. En agosto de 1886 acadou o grao de tenente e en 1890 o de tenente primeiro.Osman Gazi Özgüdenli (2013). Páxina 116.

De 1890 a 1893 foi instrutor na escola de cadetes de Viena, desde 1897 na Academia Militar Teresiana e a partir de 1913 na Escola Militar de Maribor.

Paralelamente á súa actividade militar, entre 1890 e 1895 frecuentou a Academia Real e Imperial de Linguas Orientais (Kaiserlich-königliche Akademie für Orientalische Sprachen) en Viena, onde aprendeu árabe, turco e persa.

Durante a primeira guerra mundial foi o representante militar do Imperio Austrohúngaro en Constantinopla. En 1917 foi ascendido ao rango de coronel e dous anos despois retirouse do servizo activo. Con todo, entre 1920 e 1925 foi o responsable do servizo de tradución da sección austríaca da Comisión Interaliada de Reparacións.

Como orientalista e numismático Os intereses de von Zambaur como orientalista non se limitaron ao coñecemento das linguas orientais, senón a aspectos históricos e numismáticos dos pobos da área islámica.

As moedas que adquiriu durante unha viaxe a París, entre as que había algunha de orixe persa, foron a base do seu interese pola moeda oriental, non só no relativo ao seu estudo senón tamén como coleccionista. O seu artigo de 1915 "Nouvelles contributions à la numismatique orientale"Von Zambaur, E. (1915). "Nouvelles contributions à la numismatique orientale". En Numismatische Zeitschrift. 47. Páxinas 115-190. tivo moita repercusión nos círculos numismáticos da época e abriulle as portas para ser considerado unha autoridade na numismática do mundo islámico.

Ao seu regreso a Austria logo do seu retiro como representante militar en Constantinopla, en outono de 1918, unha boa parte da súa colección de moedas perdeuse preto da fronteira austríaca en Galicia, e os exemplares que conservou viuse na obriga de venderllos ao Museo de Historia da Arte de Viena, por mor das dificultades económicas que padecía. Nesta época foi cando escribiu o traballo máis salientable da súa traxectoria: Manuel de généalogie et de chronologie pour l’histoire de l’Islam.Véxase (1927) en "Publicacións".Osman Gazi Özgüdenli (2013). Páxina 117.

En 1901 ingresou na Sociedade Numismática Austríaca e en 1929 foi elixido o seu presidente, posto que mantivo ata pouco antes da súa morte, en 1947.Osman Gazi Özgüdenli (2013). Páxinas 116-117.

Recoñecementos

Condecoracións militares (1908): Cruz Militar do Xubileu. (1898): Medalla Militar do Xubileu. Medalla ao Mérito Militar (bronce e prata). Cruz do Mérito Militar, clase III. Cabaleiro da Orde Imperial da Coroa de Ferro, clase III.

Premios numismáticos (1928): Medalla Huntington, da American Numismatic Society, de Nova York."Recipients of the Huntington Medal Award ". American Numismatic Society. (1947): Medalla da Royal Numismatic Society, de Londres."The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.

Publicacións (1927). Manuel de généalogie et de chronologie pour l'histoire de l'Islam. H. Lafaire, Hannover. (1968). Die Münzprägungen des Islams. Zeitlich und örtlich geordnet. 1. vol.: Der Westen und Osten bis zum Indus mit synoptischen Tabellen (editado por P. Jäckel). F. Steiner, Wiesbaden.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Demel, H. (1949). “Eduard Ritter von Zambaur”. En Numismatische Zeitschrift. 73. Páxinas 154-155. Osman Gazi Özgüdenli. (2013). "Zambaur, Eduard Ritter von (1866-1947). Avusturyali nümismat ve sarkiyatçi". En Islâm Ansiklopedisi. Páxinas 116-117. Weber, C. (2004). Das Militär-Jubiläumskreuz: Die Ritter von Zambaur und der Offiziersadel in der Donaumonarchie (1800-1918/45). Kovac, Hamburgo. Páxinas 264-284. ISBN 978-3830015574

Categoría:Nados en 1866 Categoría:Finados en 1947 Categoría:Nados en Cracovia Categoría:Numismáticos de Austria Categoría:Militares de Austria Categoría:Galardoados coa medalla da Royal Numismatic Society Categoría:Galardoados coa medalla Huntington Categoría:Orientalistas Categoría:Etnólogos Categoría:Coleccionistas Categoría:Personalidades sen imaxes