En lingüística histórica, a deglutinación é unha mudanza no aspecto fónico dunha palabra resultante dun corte non etimolóxico debido, na maioría das veces, á fusión ou confusión da vogal inicial co artigo definido.
Exemplos en galego inclúen bispo < obispo, reloxo < (h)orologio e botica < apot(h)eca.
Deglutinación na toponimia A deglutinación é un trazo moi característico da evolución da toponimia galega, presente en numerosas formas actuais con artigo procedente dun A ou O que orixinariamente formaba parte da palabra que hoxe anteceden. Por exemplo:
A Baña < Avania
A Grela < Agrela (agra pequena)
O Grove < Ogrobe < Ocobre
O Incio < Onitio
O Porto do Son < Porto de+o Son < Porto Doçon.
No proceso de estandarización dos topónimos oficiais galegos, a Comisión de Toponimia da Xunta optou por respectar a deglutinación se está consolidada na fala e a escrita. De seguir un criterio etimolóxico, os lugares anteriores denominaríanse Avaña, Agrela, Ogrobe, Oíncio e Porto Dozón.
Preto da metade dos topónimos galegos presentan artigo, mais non todos son resultado da deglutinación da vogal inicial. Nos máis dos casos consisten nun substantivo procedente do léxico común (A Caniza, A Laxe, A Veiga, O Carballiño, O Seixo). Este é tamén o caso, con distintos graos de certeza, doutros topónimos con significado léxico menos aparente: A Fonsagrada (fonte sagrada), A Laracha (leira ancha), O Vicedo (lugar no que abundan as vezas) ou O Valadouro (val do ouro).
Notas
Categoría:Lingüística