Diego Villares Yáñez, nado en Samarugo (Vilalba) o 17 de xuño de 1996, é un futbolista galego que xoga de centrocampista no Deportivo da Coruña, da Primeira División, club do que é o capitán. Disputou máis de 200 partidos oficiais co club e é un dos únicos dous xogadores, xunto a Álex Bergantiños, en defender a camiseta do Deportivo en catro categorías diferentes (Primeira, Segunda, Segunda B e Primeira Federación).
Traxectoria
Racing Vilalbés (2006-2018) Formouse futbolisticamente no Racing Vilalbés, comezando nas categorías inferiores ata chegar ao primeiro equipo, co que debutou en Terceira División na parte final da tempada 2013/14 estando aínda en idade xuvenil. Na seguinte tempada continuou no equipo xuvenil pero xogando con máis asiduidade no primeiro equipo, co que disputou 24 partidos, anotando 5 goles. Na súa etapa xuvenil xogaba como pivote ofensivo, mentres que na escuadra sénior o adestrador Óscar Gilsanz escorouno cara a banda dereita.
Xa asentado no primeiro equipo, xogou os seguintes tres anos en Terceira, sendo titular en case todos os partidos. Nesta etapa disputou unha fase de ascenso a Segunda B na 2017/18 e converteuse no xogador máis importante do equipo.
Fabril (2018-2021) En maio de 2018 fichou polo Deportivo Fabril, en Segunda División B. Debutou na primeira xornada de liga fronte ao Internacional de Madrid e marcou o seu primeiro gol na categoría en Pasarón, fronte ao Pontevedra. Con todo, no filial deportivista adestrado primeiro por Tito Ramallo e logo por Sergi Pellicer, non tivo continuidade, e no inverno foi cedido ao seu antigo club, o Racing Vilalbés.
Cesión ao Racing Vilalbés (2019) Cando volveu ao Racing Vilalbés, o equipo atopábase nunha situación moi diferente á que había cando marchara, co equipo ocupando postos de descenso a Preferente. Disputou co club lucense os 19 partidos restantes da tempada, anotando catro goles, e logrou a salvación comodamente, ao rematar no 11º posto.
De regreso no Fabril (2019-2021) Na tempada 2019/20, co Fabril en Terceira, gañou a titularidade dende o principio tendo un rendemento notable, pero foi na seguinte campaña cando se converteu no capitán e líder indiscutible do equipo, adestrado por Juan Carlos Valerón. Disputou 41 partidos co Fabril, anotando cinco goles e gañando a Copa Deputación 2019.
Deportivo da Coruña (2021-presente) O 1 de febreiro de 2021, último día do mercado invernal, o Deportivo da Coruña anunciou a tramitación das fichas de Rayco e Diego Villares co primeiro equipo, como reforzos invernais no peor momento deportivo da historia do club, na Segunda División B e fóra dos postos de ascenso. Debutou co Deportivo o 7 de febreiro no Campo do Vao fronte ao Coruxo, con derrota por 2-0. Foi titular en todos os restantes partidos, converténdose nun dos piares do equipo adestrador por Rubén de la Barrera e sendo galardoado ao remate da tempada como Xogador Estrella Galicia, tras unha votación entre os afeccionados do club para elixir o mellor xogador da tempada.
Continuou sendo un dos xogadores máis importantes do equipo durante as seguintes dúas campañas na nova Primeira División RFEF, pero o club viviu dúas novas decepcións ao perder o ascenso en senllas promocións frustradas. Na tempada 2023/24 incorporouse ao equipo o andaluz José Ángel, co que Villares formou un excelente pivote no centro do campo, sendo o bo traballo de ambos unha das claves do ascenso do equipo de Imanol Idiakez á Segunda División. Disputou un total de 40 encontros, 38 deles como titular, e anotou catro goles. O seu rendemento fixo que recibise o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do club durante a tempada, o segundo da súa carreira.
Na tempada 2024/25 debutou na categoría de prata, e aínda que lle custou un tempo adaptarse, acabou sendo un imprescindible no centro do campo xunto a José Ángel. En xaneiro de 2025, trala saída de Lucas Pérez do Deportivo, Villares converteuse no novo capitán do equipo, aínda que xa levaba usando ocasionalmente o brazalete dende 2022. Pechou a tempada con 41 partidos e 4 goles, igualando a súa mellor marca anotadora no Deportivo. Na tempada 2025/26 continuou como habitual nos onces iniciais de Antonio Hidalgo, ocupando de novo diferentes posicións no centro do campo. A chegada de Riki no mercado invernal aumentou a competencia por u posto, pero Villares continuou saíndo como titular na maioría de partidos. Na xornada 38 ante o Leganés acadou os 200 partidos oficiais co Deportivo, co que acabou logrando o ascenso na penúltima xornada ante o Valladolid en Zorrilla. Unhas semanas despois o club anunciou a renovación do seu contrato ata xuño de 2028.
Debutou na Primeira División na primeira xornada da tempada 2026/27 contra o Elche en Riazor, converténdose así no segundo xogador na historia en xogar en catro categorías diferentes coa camiseta do Deportivo, despois de Álex Bergantiños.
Palmarés
Fabril Copa Deputación da Coruña (1): 2019.
Deportivo da Coruña Primeira Federación (1): 2023/24.
Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopa do ReiOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Segunda División e a Segunda División B e final de campións de Primeira Federación.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesRacing Vilalbés2013/14Terceira30----302014/15Terceira241----2412015/16Terceira335----3352016/17Terceira375----3752017/18Terceira374--404142018/19Terceira194----194Total club15319004015719Fabril2018/19Segunda B101----1012019/20Terceira243----2432020/21Terceira122----122Total club4660000466Deportivo da Coruña2020/21Segunda B12000--1202021/221ª RFEF 34 1 1020 3712022/231ª RFEF 33 4 102 0 3642023/241ª RFEF36420204042024/25Segunda40410--4142025/26Segunda36210--372Total club19115606020315Total carreira 390 40 6010 0 40640
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente.com .
Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nados en Vilalba Categoría:Futbolistas de Vilalba Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Racing Vilalbés Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña