Elizabeth Alyse Cuthbert, nada en Merrylands (Nova Gales do Sur) o 20 de abril de 1938 e finada en Mandurah (Australia Occidental) o 6 de agosto de 2017, foi unha atleta australiana, cuádrupla campioa olímpica. Foi alcumada "a rapaza de ouro" de Australia. Durante a súa carreira, estableceu récords mundiais nos 60 metros, 100 yardas, 200 metros, 220 yardas e 440 yardas. Cuthbert tamén contribuíu a que os equipos de remudas australianos conseguisen vitorias nos 4×100 metros, 4×110 iardas, 4×200 metros e 4×220 iardas. Cuthbert tiña un estilo de carreira distintivo, cunha alta elevación do xeonllo e coa boca moi aberta. Foi nomeada en 1998 Tesouro Nacional Australiano e foi incluída como lenda no Salón da Fama do Deporte de Australia en 1994 e no Salón da Fama de Atletismo en Australia en 2000.

Traxectoria Primeiros anos Bety Cuthbert era filla de Leslie e Marion e tivo unha irmá xemelga non idéntica, Marie 'Midge'. Tamén tivo outra irmá, Jean e un irmán, John. Betty naceu vinte minutos antes de Marie. Segundo Midge, as xemelgas non eran iguais, mais si moi especiais para a outra. Filla de propietarios de viveiros, naceu en Merrylands, Nova Gales do Sur, e creceu no barrio de Ermington, en Sydney, onde asistiu á Ermington Public School.Anna (class 4S), Ermington Public School History , Ermington Public School Website (consultado o 19 de xuño de 2006) Da súa educación, Cuthbert afirmou: "Os meus pais sempre me animaron e tiven unha boa vida na casa. Sempre nos ensinaron a respectar as cousas e as demais persoas".

Marion asistía á igrexa e enviou os seus catro fillos á escola dominical. Cando era adolescente, Cuthbert asistiu á Parramatta Home Science School. Deixou a escola aos 16 anos para traballar na escola infantil familiar.

Carreira atlética miniatura|Betty Cuthbert na final dos 100 metros nos Xogos Olímpicos de 1956 Cuthbert era membro do Western Suburbs Athletic Club. Aos 18 anos, cos Xogos Olímpicos a piques de celebrarse en Melbourne, estableceu un récord mundial nos 200 metros, converténdose nunha das favoritas ao ouro nese evento. Cuthbert alcanzou primeiro a final dos 100 metros, marcando un récord olímpico de 11,4 segundos na súa serie (tamén a súa mellor marca persoal), mentres que a récord mundial australiana Shirley Strickland foi eliminada.

Cuthbert gañou a final e foi entón a gran favorita para o título dos 200 metros. Estivo á altura das expectativas e converteuse na "Golden Girl" australiana. A terceira medalla de ouro para Cuthbert chegou cando corría a última manga na final de 4×100 metros, que a selección australiana gañou establecendo un novo récord mundial.

Durante 1958 Cuthbert estableceu récords mundiais de 100 e 220 yardas, mais foi batida en ambas as probas pola súa rival e dobre medallista olímpica de bronce Marlene Mathews nos campionatos australianos. Máis tarde ese ano, nos Xogos do Imperio Británico e da Commonwealth de 1958 en Cardiff, Gales, Cuthbert só puido colocarse cuarta nas 100 iardas e segunda nas 220, de novo por detrás de Mathews.

Estableceu un récord mundial das 440 yardas, que foi batida en setembro de 1959 pola soviética Maria Itkina.

Antes dos Xogos Olímpicos de 1960, en Roma, Cuthbert estableceu un récord mundial das 220 iardas e dos 200 metros con 23,2 segundos na vitoria nos campionatos australianos. Nos Xogos de Roma, sufriu unha lesión e foi eliminada dos cuartos de final dos 100 metros. Posteriormente, retirouse do atletismo.

Non obstante, a súa retirada non durou moito, xa que regresou aos Xogos do Imperio Británico e da Commonwealth de 1962 en Perth, axudando a Australia a conseguir unha medalla de ouro na proba de remudas.

Despois, concentrouse nos 400 metros, e competiu nesa proba nos Xogos Olímpicos de 1964 en Tokyo, cando entrou no programa olímpico por primeira vez para as mulleres. A pesar de non facer series impresionantes, Cuthbert gañou a súa cuarta medalla de ouro olímpica, superando a Ann Packer de Gran Bretaña cun récord olímpico de 52,01. É a única deportista olímpica que gañou unha medalla de ouro en todas as probas de sprint (100, 200 e 400 metros). Posteriormente, verificou definitivamente a súa retirada despois de Tokio. Tamén en 1964 recibiu o premio Helms polas súas contribucións deportivas.

Foi adestrada por June Ferguson, que foi a súa profesora de educación física no instituto.

Vida persoal Cuthbert sufiru de esclerose múltiple dende 1969 e en 2002 tivo unha grave hemorraxia cerebral. Ela afirmou que, a pesar da súa EM, nunca lle preguntou a Deus "Por que eu?", senón que pola contra "soubo que Deus quería usala para axudar outras persoas". En 1985, Cuthbert volveu ao cristianismo aos 47 anos. Sempre crendo que era cristiá, o orador nun mitin público dixo que había cristiáns practicantes presentes. Sentiuse entón obrigada a declarar publicamente a súa fe. A partir dese momento, Cuthbert intentou compartir o evanxeo coa maior cantidade de xente posible. Non obstante, quixo ser curada inicialmente da súa EM e alguén animouna a ir á igrexa onde podería ser curada. Afirmou que foi, buscando ser sandada, no canto do Sandador. Segundo as súas propias palabras: "Descubrín o Sandador e logo non me importaría menos a sandación. Iso é o mellor. Quédame tanta ledicia e quero contalo a outras persoas. Penso que por iso tiña a intención de volver aos Xogos Olímpicos en 1964 porque agora son famosa e axúdame a falar á xente sobre Xesús".

Despois do seu diagnóstico de esclerose múltiple, Cuthbert converteuse nunha defensora dedicada sobre a doenza e foi un factor importante na creación de MS Research Australia, asistindo á inauguración da organización en 2004 xunto ao entón primeiro ministro John Howard. Foi unha incansable defensora da conciencia nacional sobre a doenza e trala súa morte en 2017 o director executivo de MS Research Australia, o doutor Matthew Miles, recoñeceu que tivo un incrible impacto no recoñecemento e comprensión australiana da EM.MS advocate

En 1991, Cuthbert deixou o seu estado natal, Nova Gales do Sur, e marchou a Australia Occidental, establecéndose en Mandurah. Cuthbert foi unha das portadoras do facho olímpico na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de 2000 en Sydney. Sentada nunha cadeira de rodas e acompañada de Raelene Boyle, levou o facho olímpico no estadio, como un dos corredores do segmento final, antes do acendemento da chama olímpica por Cathy Freeman.. Names visible on the big screen at 5:42.

Cuthbert morreu en 2017, aos 79 anos, en Mandurah. Nunca casou nin tivo fillos. Rhonda Gillam, nai de tres fillos de 78 anos, dedicou os últimos 26 anos da súa vida a coidar a Cuthbert. Gillam afirmou que a EM de Cuthbert tamén lle quitou a audición. A irmá xemelga de Cuthbert, Midge Johnston, afirmou que Betty estivo loitando contra a demencia nos últimos anos, e preocupábaa que Betty non a lembrase. Porén, Betty sempre dicía "Midge, por suposto que te lembro".

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Sport Australia Hall of Fame Athletics Australia Hall of Fame Betty Cuthbert at Australian Athletics Historical Results Australian Olympic Committee Profile

Categoría:Nados en Nova Gales do Sur Categoría:Nados en 1938 Categoría:Finados en 2017 Categoría:Atletas olímpicos de Australia Categoría:Medallistas olímpicos en atletismo Categoría:Medallistas olímpicos de ouro por Australia Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1956 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1964 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1956 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1960 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1964