Miguel Juane Sánchez, nado o 17 de xuño de 1965 en Vigo, é un avogado e ex xogador de baloncesto galego. Con 2,00m de altura, a súa posición natural era a de ala. Foi internacional coa selección española.

Dende setembro de 2023 é o Xuíz Único do Comité de Apelación da FGB.

Traxectoria

Traxectoria deportiva Comezou a súa carreira no baloncesto no Club Bosco da Coruña, co que competiu na Primeira B (segundo nivel do baloncesto español) dende 1982. No verán de 1985 fichou polo Obradoiro, da mesma categoría, no que militou dúas tempadas baixo a batuta de Pepiño Casal.

En 1987 marchou xunto con Ricardo Aldrey para o OAR Ferrol, tamén da Primeira B, onde se reencontrou con Alberto Abalde que fixera o mesmo camiño a tempada anterior. O equipo ferrolán, no que destacaba tamén Anicet Lavodrama, conseguiu regresar á Liga ACB ese mesmo ano. Juane debutou na máxima categoría do baloncesto español na tempada seguinte e ao remate desta deixou o club verde para ingresar polo Valladolid, nunha polémica fichaxe ao negarse o presidente do club ferrolán, Juan Fernández, a deixalo libre. Foi o primeiro deportista español en romper o seu contrato unilateralmente acolléndose ao famoso Real Decreto 1006/85, e en pagar a cláusula de rescisión, que foi dun millón de pesetas.

Nas dúas campañas nas que militou no Valladolid, o club púrpura e dourado realizou dúas das mellores actuacións da súa historia, acadando a sexta e a sétima praza da liga respectivamente e xogando unha final da Copa Príncipe de Asturias. Foi titular naquel equipo, no que militaban entre outros Arvydas Sabonis, Valdemaras Chomičius e Miguel Ángel Reyes, e fixo unha media de 11 puntos.

No verán de 1991 deixou o Valladolid e fichou polo Baskonia, onde xogou unha tempada. A continuación xogou no Oximesa de Granada e pechou a súa carreira no CAB Coruña na tempada 1993/94.

Selección española Xogou coa selección española júnior e coa sub-23 antes de debutar coa absoluta en 1989. Disputou un total de tres partidos co combinado español.

Tras a retirada deportiva Licenciado en Dereito, tras deixar o baloncesto exerceu como avogado no seu propio bufete na Coruña e Vilagarcía. Especializouse no campo do deporte e foi presidente do Comité Galego de Disciplina Deportiva entre 2012 e 2020, presidente da Asociación Galega de Dereito Deportivo entre 2016 e 2020, membro do Tribunal de Arbitraxe, mediador do COE e vicepresidente da Asociación Española de Mediación Deportiva.

En 1999 formou parte do equipo xudicial que tomou as rendas do Atlético de Madrid por orde da Audiencia Nacional, tras a destitución de Jesús Gil. En 2009 foi presentado como director xeral do Obradoiro, na súa nova etapa na ACB.

En marzo de 2021 converteuse no novo secretario do Consello de Administración do Deportivo da Coruña, despois de que Abanca forzase a saída do presidente Fernando Vidal, sendo substituído por Antonio Couceiro. Ocupou dito cargo ata que todo o Consello foi cesado ao remate da tempada 2022/23, tralo fracaso na promoción de ascenso a Segunda. En setembro de 2023 pasou ocupar o cargo de Xuíz Único do Comité de Apelación da Federación Galega de Baloncesto.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha de Juane na web da ACB .

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1965 Categoría:Xogadores de baloncesto de Galicia Categoría:Xogadores do Obradoiro CAB Categoría:Xogadores do OAR Ferrol Categoría:Xogadores do CD Oximesa Categoría:Xogadores do CB Valladolid Categoría:Xogadores do Saski Baskonia Categoría:Xogadores de baloncesto da ACB Categoría:Xogadores da selección de baloncesto de España