Na'Taki Osborne Jelks, nada en Walnut Grove, é unha científica ambiental estadounidense. É profesora asistente de ciencias ambientais e da saúde en Spelman College e profesora visitante de saúde pública en Agnes Scott College. É coñecida polo seu activismo na xustiza ambiental e a sostibilidade urbana, polo que foi nomeada Campioa do Cambio pola Casa Branca en 2014.
Traxectoria Jelks naceu en Walnut Grove, Mississippi; a súa familia trasladouse posteriormente a Baton Rouge, Louisiana. Obtivo un bacharelato universitario en ciencias no Spelman College, un máster de saúde pública en saúde ambiental e ocupacional na Universidade Emory, e un doutoramento na Escola de Saúde Pública da Universidade Estatal de Xeorxia.
Conseguiu o seu doutoramento en 2016, pola tese titulada Combined Environmental and Social Stressors in Northwest Atlanta's Proctor Creek Watershed: An Exploration of Expert Data and Local Knowledge (en galego, Combinación de factores de tensión ambiental e social na conca de Proctor Creek do noroeste de Atlanta: Unha exploración de datos de expertos e coñecementos locais). A asesora de doutoramento de Jelk foi a científica estadounidense especializada en saúde ambiental Christine Stauber. Os seus estudos céntranse na participación da comunidade para identificar os factores de tensión ambiental nas concas urbanas.
En 2001, Jelks cofundó o Programa Atlanta Earth Tomorrow, un programa da Federación Nacional de Vida Silvestre que conecta aos mozos urbanos coa natureza, o compromiso cívico e o desenvolvemento do liderado. Ademais, é a presidenta da xunta de West Atlanta Watershed Alliance, unha organización que axudou a fundar.
É a copresidenta do Proctor Creek Stewardship Council, unha organización de base centrada na restauración da saúde ecolóxica da conca de Proctor Creek no Oeste de Atlanta. Tamén forma parte da Xunta Directiva da Asociación de Ciencia Cidadá.
En 2018, Jelks foi nomeada membro do Comité Asesor Nacional de Xustiza Ambiental (NEJAC) da Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos. Ademais, é a xerente dos Programas de Desenvolvemento Comunitario e de Liderado da Federación Nacional de Vida Silvestre.
O activismo ambiental de Jelks apareceu na revista People e no diario The New York Times.
Recoñecementos 2014: Campións do cambio da Casa Branca.
Notas
Categoría:Xeógrafos dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en Mississippi Categoría:Nados en ano descoñecido