Elisabetta ("Betty") Pierazzo, nada en Noale (Italia) o 4 de xullo de 1963 e finada o 15 de maio de 2011, foi unha experta en ciencias planetarias naturalizada estadounidense. Especializouse en modelización de impactos de meteoritos e nos seus posibles efectos sobre a aparición de vida extraterrestre no sistema solar.

Traxectoria Pierazzo naceu Italia e trasladouse aos Estados Unidos en 1989, e ao ano seguinte asistiu en Tucson ás clases para graduarse no Departamento de Ciencias Planetarias da Universidade de Arizona, na que obtivo o doutoramento en 1997, sendo distinguida a súa tese co Premio Gerard P. Kuiper Memorial.

Tras doutorarse, continuou na mesma universidade como investigadora asociada, e en 2002 incorporouse ao Planetary Science Institute, institución na que permaneceu polo resto da súa vida.

Compaxinou o seu labor docente na universidade cos seus traballos de investigación científica, entre os que destacan a modelización de impactos de meteoritos en todo o sistema solar e os seus efectos astrobiolóxicos e ambientais na Terra e en Marte. Tamén proporcionou información detallada sobre o impacto de Chicxulub, probable causante da extinción dos dinosauros, e investigou as características e o espesor da capa de xeo da lúa de Xúpiter Europa. No campo da exobioloxía, analizou a chegada de compostos orgánicos de orixe cometaria aos planetas e á lúa Europa, así como os sistemas hidrotermais subsuperficiais causados por impactos de aerólitos en Marte como posibles contornas favorables para a aparición de vida.

Como entusiasta divulgadora da astronomía, interveu nun documental en tres partes do National Geographic dedicado ao cráter Barringer, o famoso impacto meteorítico localizado no deserto de Arizona.

Na súa condición de experta en impactos meteoríticos e exobioloxía, colaborou asiduamente con distintos comités da NASA, exercendo tamén como editora asociada do Meteoritics and Planetary Sciences, intervindo na organización en 2007 do Congreso da Asociación Meteorítica celebrado en Tucson.

Faleceu en Tucson en 2011, vítima dun cancro que se lle diagnosticou seis meses antes do fatal desenlace. Estaba casada con Keith Powell.

Eponimia

O cráter lunar Pierazzo leva este nome na súa memoria. O asteroide (15339) Pierazzo tamén conmemora o seu nome.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Cráter de Chicxulub Cráter Barringer

Ligazóns externas Elisabetta "Betty" Pierazzo Obituary. (Legacy.com)

Categoría:Astrobioloxía Categoría:Alumnos da Universidade de Arizona Categoría:Alumnos da Universidade de Wisconsin-Madison Categoría:Nados en 1963 Categoría:Finados en 2011 Categoría:Astrónomos de Italia Categoría:Astrónomos dos Estados Unidos de América