Cthulhu é un deus primordial do universo ficticio dos mitos de Cthulhu ideado por H.P. Lovecraft. A súa mitoloxía trata sobre estraños seres extraterrestres que habitaron a Terra moito antes de que os homes aparecesen, e sobre os seus intentos presentes por recuperala. Apareceu por vez primeira no relato A chamada de Cthulhu, publicado na revista pulp Weird Tales no ano 1928.
Características Cthulhu descríbese precisamente no relato de A chamada de Cthulhu como un enorme monstro con cabeza de polbo ou lura, con numerosos tentáculos e corpo de dragón, coas súas respectivas ás. Ten a capacidade de alterar a súa forma, aínda que case sempre é a mesma. O seu corpo escamento está composto dunha substancia distinta ás que se atopan no noso planeta, como unha especie de masa xelatinosa que o fai practicamente indestrutible. De tódolos xeitos, se algún día fose destruído por completo (cousa bastante improbable), a súa esencia fecundaría á súa propia filla, volvendo a nacer. Foi un dos conquistadores da Terra e dominouna dende as profundidades do océano.
Cthulhu é un primixenio, parte dun grupo de seres que, aínda que poderosos e inmortais, non acadan o poder dos deuses exteriores. Os seus principais seguidores son a Semente Estelar de Cthulhu. Tamén o adora a maior parte dos Profundos, seres metade humano, metade batracio, que habitan os océanos.
Segundo a mitoloxía, Cthulhu repousa soñando baixo un selo na cidade somerxida de R´lyeh (nalgún lugar do océano Pacífico). Agarda escapar algún día (o día no que "as estrelas estean de novo en posición") coa axuda de ocultistas e sectarios para volver estender o seu poder sobre a Terra. A el dedican o salmo "Ph´nglui mglw´nafh Cthulhu R´lyeh wgah-nagl fhtagn" que aproximadamente significa "na súa morada de R'lyeh Cthulhu morto agarda soñando".
Pronunciación Non existe acordo respecto á pronunciación do nome. Acéptanse K'zulju, K'tulú, K'zulú, C'tulú, Cethulhu (con "h" aspirada), Chulu, Tulu, Zulu ou Katulu, como pronunciacións válidas, pero convense en que a forma máis axeitada de facelo non pode ser pronunciada polo aparato fonolóxico humano.
Que a pronunciación de Cthulhu non sexa precisa é algo típico do estilo lovecraftiano: estilo da ambigüidade, do impreciso, do magmático (ata suxerir o caos -algo que provoca fobia no inconsciente-) nas súas descricións.
Cthulhu na cultura popular En cine e televisión Cthulhu aparece no capítulo "The Collect Call of Cathulhu" de The Real Ghostbusters. Aparece como un demo que provoca a tolemia en The Grim Adventures of Billy & Mandy, aínda que tamén aparece en dito episodio como un xogador de golf no seu tempo libre. Cthulhu aparece tamén nun capítulo da serie Freakazoid. Os alieníxenas do Terceiro Espazo que atacan a estación espacial Babylon 5 en Babylon 5: Thirdspace están baseados nos monstros estelares de Cthulhu. De feito na adaptación desta película para televisión, as persoas posuídas por estes alieníxenas recitan o famoso mantra de Cthulhu. Ademais os Pak'ma'ra, unha das razas extraterrestres da serie, aseméllanse a Cthulhu nas súas facianas. En Digimon Adventure 02 faise referencia a Cthulhu por medio do digimon maligno chamado Dagomon. Na serie Ben 10 o principal inimigo é Vilgax, o cal ten un gran parecido a Cthulhu.
Categoría:Mitoloxía literaria