Patricia Fernández Goberna, nada en Donostia o 14 de febreiro de 1957 e finada en Madrid o 27 de setembro de 2016, foi unha cantante española. Fíxose coñecida como cantante do grupo Trigo Limpio, co que obtivo grandes éxitos e co que representou a España no Festival de Eurovisión de 1980. Posteriormente tivo unha carreira en solitario co nome artístico de Patt Governa.

Foi filla do histórico futbolista galego Pahiño e irmá de Nacho Fernández Goberna, cantante e compositor de La Dama se Esconde.

Traxectoria Naceu en Donostia, sendo filla de Pahiño, histórico futbolista de Celta de Vigo, Real Madrid e Deportivo da Coruña, e de Inés Goberna. Seu tío Eduardo Goberna foi tamén futbolista do Deportivo da Coruña. Ao rematar o bacharelato formou xunto a unha amiga o dúo Sunrise, co que gañaron o premio de dúos nun festival de músicos da provincia de Guipúscoa. Con todo, a amiga deixou o dúo, polo que Patricia entrou no grupo Senda, que gravou un só LP, Llamo a la juventud, antes de disolverse.

Púxose a estudar arte e decoración e en 1979 recibiu a chamada de Carlos Gil para ofrecerlle o posto de cantante feminina en Trigo Limpio, despois da marcha de Amaya Saizar. Con este trío participou ao ano seguinte no Festival de Eurovisión, quedando na 12ª posición de 19 participantes, e gravaron 16 discos, acadando gran fama en América Latina, onde pasaban grandes tempadas.

A finais de 1987 deixou o grupo e regresou a España, onde comezou unha carreira en solitario co nome de Patt Governa, gravando dous álbums. Traballou tamén na radio e no teatro, e colaborou coa cupletista Olga María Ramos. Nos seus últimos anos formou un grupo musical xunto á súa filla Isis, chamado Isis & the Momster.

Morreu de cancro o 27 de setembro de 2016.

Notas

Véxase tamén Outros artigos España no Festival de Eurovisión

Categoría:Nados en 1957 Categoría:Nados en Donostia Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Finados en 2016 Categoría:Finados por cancro Categoría:Cantantes do País Vasco Categoría:Españois de ascendencia galega