Juan Carlos Touriño Cancela, nado en Buenos Aires o 14 de xuño de 1944 e finado na mesma cidade o 7 de marzo de 2017, foi un futbolista e poeta arxentino de orixe galega. Xogaba como defensa e foi internacional coa selección española.

Traxectoria

Orixe e primeiros anos Naceu no barrio bonaerense de Parque Patricios, sendo fillo de dous galegos que fuxiran do seu país durante a Guerra civil instalándose en Nueva Pompeya. Seu pai era natural da Coruña. Estudou para perito mercantil e aspiraba a traballar no negocio de importación de papeis que rexentaba seu pai. Ao mesmo tempo xogaba nun equipo de barrio, o Villa Modelo, do que pasou aos 18 anos ao Dock Sud.

Como futbolista Sen demasiado interese polo fútbol e despois de probar con River Plate e San Lorenzo, aos 21 anos ingresou no Quilmes. Con este equipo debutou directamente na Primeira división, sen ter pasado antes por outras categorías inferiores. Xogou no equipo de Quilmes ata 1970. En 1968 estivo a piques de fichar polo Pontevedra, debido ás boas referencias que tiña del o adestrador do club, o tamén arxentino de orixe galega Héctor Rial, pero o seu traspaso frustrouse por problemas de documentación. Ao ano seguinte reforzou ao Racing Club nunha xira por Europa e África.

Finalmente chegou ao fútbol español en 1970, cando fichou polo Real Madrid. Debutou na Primeira división española na xornada 9 da tempada 1970/71, contra o Ahletic de Bilbao no Santiago Bernabéu, saíndo de titular en lugar de Sanchís. Disputou nove encontros na súa primeira campaña no equipo dirixido por Miguel Muñoz, que contaba con defensas como Benito, Zoco, José Luis ou o propio Sanchís, ata que sufriu unha lesión. A situación mudou na seguinte campaña, na que foi titular en case todos os partidos, contabilizando 37 encontros entre todas as competicións, e conquistando a liga por diante do Valencia.

En febreiro de 1972, nun partido contra o Córdoba, fracturoulle a tibia e o peroné a Francisco Causanilles, o que o sumiu nunha depresión que estivo a piques de facerlle abandonar o fútbol. Con todo, foi convencido polos dirixentes do Real Madrid para continuar a súa carreira.

Mantivo a titularidade nas dúas seguintes tempadas, nas que debutou na Copa de Europa e gañou unha Copa do Xeneralísimo. Na 1974/75, xa co iugoslavo Miljan Miljanić no banco, xogou 22 partidos, gañando tanto a liga como a Copa, mentres que na seguinte só apareceu en tres encontros, sumando, con todo, unha terceira liga ao seu palmarés. Disputou un total de 134 partidos oficiais nas súas seis tempadas no Real Madrid.

En 1977 pasou brevemente por Colombia, onde xogou nas filas do Independiente Medellín, regresando a continuación a Quilmes. En 1978 fichou por Gimnasia y Esgrima, onde xogou antes de pasar polo San Lorenzo de Mar del Plata e polo Chacarita Juniors, onde colgou as botas en 1980.

Selección nacional Foi internacional coa selección española nunha ocasión, o 12 de xaneiro de 1972, nun partido amigable contra Hungría no estadio Santiago Bernabéu. Formou na defensa xunto con Sol, Gallego e Tonono, nun encontro no que España venceu por 1-0.

Como adestrador Trala súa retirada traballou no sindicato Futbolistas Argentinos Agremiados. Foi tamén adestrador e dirixiu na Arxentina ao Gimnasia y Esgrima e en España ao Palencia e ao Recreativo de Huelva, ambos da Segunda División.

Como poeta Amante da poesía, admiraba entre outros a Mario Benedetti, Miguel Hernández e Pablo Neruda. En 1993 publicou unha colección de poemas co título de Trigo y cardos.

Vida persoal Casou en Madrid con Graciela Martínez, coa que tivo cinco fillos: Daniel, nado en España; Caterina, nada en Colombia; e Alejandro, Javier e Elián, nados na Arxentina.

Obra literaria

Trigo y cardos (1993).

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1944 Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Arxentinos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Quilmes Atlético Club Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Deportivo Independiente Medellín Categoría:Xogadores do Gimnasia y Esgrima de La Plata Categoría:Xogadores do Chacarita Juniors Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Adestradores de fútbol da Arxentina Categoría:Adestradores do Recreativo de Huelva Categoría:Poetas da Arxentina