miniatura|Torre Juche, en Pyongyang miniatura|Desfile en Pyongyong coa Torre Juche ó fondo

O Juche (en coreano: 주체, pronunciado /tɕutɕʰe/), oficialmente designado como a idea Juche é a base ideolóxica do estado de Corea do Norte. Unha frase atribuída ó líder norcoreano Kim Il Sung define o jucheísmo do seguinte xeito: "En poucas palabras, a idea Juche significa que os propietarios únicos da revolución e da construción posterior son as masas".

Fundamentos O Juche é un sistema filosófico e ideolóxico cuxo desenvolvemento atribúese ó propio Kim Il Sung. O seu fillo e continuador na xefatura de Estado de Corea do Norte, Kim Yong Il, é oficialmente o encargado da súa interpretación. Vén a ser unha adaptación do comunismo leninista á cultura coreana e ás necesidades propias do Goberno da República Democrática Popular de Corea.

A súa idea principal é que o individuo é responsable do seu propio destino. Esa máxima, nun sistema revolucionario, traslada á suma de individuos que compoñen as masas populares a autoría da revolución e o seu desenvolvemento. Desa forma, cada norcoreano ten a súa parte de responsabilidade no destino da colectividade. A revista norcoreana "Korean Review" sinala que "Juche significa adoptar o papel de mestre da revolución e reconstrución do teu propio país. Isto significa un proceder independente e creativo de cadaquén coa fin de adaptar as solucións ós problemas que poidan aparecer no proceso de revolución e construción".

Algunhas características de Juche son: Defensa da independencia económica e política respecto a países estranxeiros. Songun: o aspecto militar é o máis importante da política. Voluntarismo. Nacionalismo e defensa da homoxeneidade étnica. Kim Jong-il considera que unha característica da nación é a unidade de sangue. Respecto e defensa da cultura tradicional.

Teóricos Juche toma o nome dunha teoría filosófica tradicional. Dícese que Juche foi inspirado a Kim Il Sung polo monte Paektu, un cumio mítico para os coreanos e todo un símbolo da nación.

Kim Il Sung foi o ideólogo e promotor, con decenas de volumes publicados. Outros, como Wang Yan Yop, encargáronse de dar un sentido práctico ás súas obras. Kim Il Sung e Kim Jong-il están considerados como os auténticos responsables do desenvolvemento da doutrina Juche, o primeiro creándoa e o segundo actualizándoa segundo os novos retos da revolución.

Kim Il Sung expuxo unha doutrina autodefensiva, contraposta á dependencia que adoptaba Corea do Sur respecto aos Estados Unidos. Juche loa a bandeira da soberanía nacional popular, poñendo o sistema político á marxe de influencias externas que poidan acabar co bo desenvolvemento da transición ó comunismo. Deste xeito, Kim Jon-il segue configurando unha doutrina que dá un sentido ideolóxico á práctica política da República Democrática Popular de Corea.

Citas En 1975, tras aprobarse a Constitución da República Democrática Popular de Corea de 1972, Kim Il Sung publica ¡Juche!22, obra na que se pon a base da teoría que dá sentido ideolóxico á estrutura estatal norcoreana. Mostras do seu pensamento son as seguintes frases incluídas no libro: -Estamos facendo a revolución coreana. E todo o que a ela afecta, os coreanos saben como afrontalo mellor que ninguén. O aspecto fundamental da revolución coreana, e que os coreanos decidimos, é que a nosa forza é o factor decisivo na nosa vitoria. -Ningún estranxeiro pode darnos a receita de que facer coa nosa revolución. Para poder levala a bo fin con éxito, os coreanos, eles mesmos, deben empregar o seu cerebro, resolver os problemas co seu enfoque, un enfoque que debe facerse conforme ós intereses da revolución coreana. -O noso partido adoptou con forza a idea Juche, para resolver os problemas da revolución e a construción do socialismo con independencia, segundo as condicións propias do noso país, cos nosos propios enfoques; e nós, todo o pobo, formaremos unha piña ó redor do espírito dunha autoafirmación que nos chama a crearmos unha revolución e construción do socialismo e o comunismo no noso país, cos nosos enfoques e os recursos do noso país, afastándonos da idea de depender doutros.

O Juche no exterior Os intentos de Corea do Norte de espallar o Juche como fórmula resultaron un fracaso. De tódolos xeitos, atópanse grupos de estudo do jucheísmo en países como Reino Unido, España, Brasil, Xapón, Perú ou Australia, entre outros.

O calendario Juche Tras a aprobación da constitución de 1972, Corea do Norte oficializou o calendario Juche, baseado no calendario gregoriano e que fixa o ano un no 1912 despois de Cristo, ano do nacemento de Kim Il Sung. Corea do Norte fixaba así o seu propio calendario revolucionario. Polo xeral, nos textos coreanos figuran en primeiro lugar o ano juche e despois o cristián: Juche 95 (2006).

Véxase tamén Outros artigos

Kim Il Sung

Corea do Norte

Ligazóns externas Instituto Internacional da Ideoloxía Juche (en español) Juche Idea Study Group of England (en inglés) Songun Politics Study Group USA (en inglés) Young Juche League UK (en inglés) Young Juche League forums (en inglés)

Categoría:Corea do Norte Categoría:Comunismo Categoría:Réximes de forza