Alberto Quiles Piosa, nado en Huelva o 27 de abril de 1995, é un futbolista español que xoga de dianteiro no Tianjin Jinmen Tiger, da Superliga chinesa.
Traxectoria Formouse como futbolista nas canteiras do Recreativo de Huelva e do Celta de Vigo. En xullo de 2014 chegou ao Córdoba CF, sendo asignado ao filial da Segunda División B.
Debutou con este o 7 de setembro de 2014 nunha vitoria por 1-0 contra o Granada B. O 30 de xaneiro seguinte, foi cedido ao Marbella FC ata xuño. Disputou 11 encontros e marcou catro goles.
Ao volver da cesión anotou 22 goles na campaña 2015-16, na que o seu equipo logrou regresar a Segunda B. Debutou co primeiro equipo do Córdoba o 20 de novembro de 2016, entrando como substituto de Alejandro Alfaro nun empate a un gol contra o Mirandés no campionato de Segunda División.
En xullo de 2017 foi ascendido definitivamente ao cadro de xogadores do primeiro equipo para a tempada 2017/18. Con todo, o 1 de agosto foi cedido ao UCAM Murcia CF por un ano. Xogou 22 encontros co equipo murciano, marcando cinco goles.
Foi recuperado para o equipo cordobés en xaneiro de 2018, pero durante o resto da tempada xogou principalmente co filial. En agosto foi cedido novamente, esta vez ao Recreativo de Huelva. Co club decano acabou como campión do seu grupo pero sen conseguir ascender a Segunda ao perder na promoción contra o Mirandés.
En xullo de 2019 desvinculouse do Córdoba e asinou un contrato co Recreativo, no que militou ata 2021. Nas súas tres tempadas no club disputou 89 partidos e marcou 23 goles.
O 12 de xuño de 2021 foi anunciado como novo xogador do Deportivo da Coruña, para disputar a nova Primeira División RFEF. Debutou no primeiro partido da tempada, marcando o segundo dos cinco goles do equipo fronte ao Celta B en Riazor (5-0). Titular indiscutible na dianteira coruñesa, pechou a súa primeira tempada como branquiazul con 22 goles, 18 deles na liga regular, sendo o máximo goleador do Grupo I e o segundo de toda a categoría só por detrás do xogador do Barcelona B Ferran Jutglà. Converteuse así no máximo goleador do Deportivo da Coruña nunha tempada dende Roy Makaay dúas décadas antes. Marcou dous goles nas semifinais da promoción de ascenso ante o Linares, pero o seu equipo caeu na final ante o Albacete, continuando así un ano máis en Primeira RFEF.
Na seguinte campaña anotou 16 goles, sendo o terceiro máximo anotador da categoría, por detrás de Rodri Ríos e Arribas, a pesar de perder varios partidos por unha dobre fractura na cara, o que o obrigou a unha operación cirúrxica e a xogar con máscara tralo seu regreso. Outra lesión, esta de xeonllo, impediulle disputar a promoción de ascenso, na que o Deportivo volveu quedar eliminado. O seu gran rendemento no Deportivo fixo que recibise ofertas de superior categoría, e no verán de 2023 aceptou a súa fichaxe polo Albacete, de Segunda División. Deixou o club galego cun total de 72 partidos e 38 goles.
Debutou co equipo de Rubén Albés na primeira xornada da tempada ante o Espanyol, saltando á herba do Carlos Belmonte na segunda parte como substituto de Higinio, e logrou o gol do empate no tempo engadido (1-1). Militou durante un ano e medio no Albacete, sendo unha peza clave do conxunto castelán-manchego, ao participar en todos os partidos que xogou o club nese período. Disputou así os 43 partidos da tempada 2023/24 e os primeiros 23 da seguinte, marcando un total de 16 goles.
En xaneiro de 2025 foi traspasado ao Tianjin Jinmen Tiger, da Superliga chinesa. Debutou no fútbol asiático na primeira xornada do campionato doméstico, anotando os dous goles do seu equipo no empate 2-2 ante o Meizhou Hakka, sendo elixido mellor xogador da xornada. Ao longo da tempada foi elixido dúas veces máis como mellor xogador da xornada e pechou a liga como o cuarto máximo anotador do campionato, con 16 goles. O equipo rematou a liga na sexta posición da táboa.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en LaPreferente.com . Datos do xogador en Soccerway.com .
Categoría:Nados en 1995 Categoría:Nados en Huelva Categoría:Futbolistas de Andalucía Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Córdoba CF B Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do Marbella FC Categoría:Xogadores do UCAM Murcia Categoría:Xogadores do Recreativo de Huelva Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Albacete Balompié