Alberto Benito Correa, nado en Altafulla o 13 de xuño de 1992, é un futbolista español que xoga de lateral dereito no Reus, da Terceira División RFEF.
Traxectoria Formouse na canteira do Gimnàstic de Tarragona e na tempada 2010/11 debutou co seu filial, o Pobla de Mafumet, na Terceira División. No verán de 2012 foi ascendido ao primeiro equipo do Nàstic en Segunda División B, aínda que mantivo ficha do filial. Foi o lateral dereito titular no equipo aquela tempada, disputando 29 partidos.
En xullo de 2013, despois de rematar contrato, asinou por dous anos co Sporting de Gijón B, da mesma categoría. Xogou 48 partidos no club asturiano e marcou un gol contra o Celta de Vigo B.
Na tempada 2015/16 fichou polo CF Reus Deportiu, tamén de 2ªB. Disputou 28 partidos de liga no equipo de Natxo González, contribuíndo a que o conxunto se proclamase campión do Grupo III, e disputou tamén os dous partidos da promoción contra o Racing de Santander, logrando o primeiro ascenso á Segunda División nos máis de 100 anos de historia do club. Debutou na categoría de prata na primeira xornada da tempada 2016/17, na vitoria por 0-1 contra o RCD Mallorca en Son Moix, marcando el mesmo o primeiro gol do club na categoría. Foi o lateral dereito titular durante toda a tempada, exceptuando os 11 encontros que perdeu debido a unha lesión de nocello e outra de ombreiro, contribuíndo a que o equipo lograse a permanencia de xeito cómodo.
No verán de 2017, tanto el como o lateral esquerdo do Reus, Ángel Martínez, seguiron os pasos de Natxo González e ficharon polo Real Zaragoza, tamén en Segunda. Xogou 56 partidos no club aragonés, 54 deles como titular, e disputou unha fase de ascenso a Primeira División, na que caeron eliminados contra o Numancia.
O 28 de xuño de 2019, asinou por dúas tempadas polo Albacete Balompié, tamén de Segunda División. Xogou nel 57 partidos, descendendo ao remate da tempada 2020/21.
En xullo de 2021 fíxose oficial a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, para competir na primeira edición da Primeira División RFEF. Debutou co club galego na vitoria por 0-1 da segunda xornada fronte ao Tudelano no Ciudad de Tudela. Con todo, non atopou oco no equpo dirixido por Borja Jiménez, que contaba con outros tres xogadores para o lateral dereito (Víctor García, Trilli e Valín), polo que en xaneiro de 2022 o seu contrato foi rescindido e asinou coa Cultural Leonesa, da mesma categoría.
No club leonés apenas tivo participación, disputando só cinco partidos. Ao remate da tempada baixou seis categorías para xogar co equipo do seu pobo, o Altafulla, na Terceira Catalá. En 2023 fichou polo Reus, da Terceira División RFEF.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Altafulla Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do CF Pobla de Mafumet Categoría:Xogadores do Gimnàstic de Tarragona Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón B Categoría:Xogadores do CF Reus Deportiu Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa