Juan Miguel Diz Guedes, nado en Tui o 24 de outubro de 1953, é un político galego.
Traxectoria Licenciado en dereito, foi alcalde de Tui (1987-1990) por Unión Tudense, deputado no Parlamento de Galicia (1990-1996) polo PPdeG, conselleiro de Xustiza e Interior (1993-1996). En maio de 1996, foi designado Delegado do Goberno en Galicia, cargo que exerceu ata que foi nomeado, en xuño do 2000, conselleiro sen carteira para Relacións Institucionais. Desencadeada a denominada crise das vacas tolas, asumiu a titularidade da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural (2001-2004) tras o cesamento de Cástor Gago. Regulou as agrupacións de defensa sanitaria gandeira en Galicia (Decreto 91/2001 de 19 de abril), redactou o proxecto de lei polo que se regula a promoción e defensa da calidade agroalimentaria, reformou a Lei de Concentración Parcelaria mediante a Lei 1/2001, do 10 de setembro, aumentou a superficie cualificada para proxectos de agricultura ecolóxica, elaborou a Estratexia galega de desenvolvemento rural cubrindo a totalidade do territorio con programas xestionados por grupos de acción local coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, creada durante o seu mandato, e formulou o Programa de Investigación e Desenvolvemento AgrarioGalicia 2003, Xunta de Galicia pp. 357 a 370. ISBN 84-453-3459-X
A raíz do afundimento do Prestige, Diz Guedes é dos conselleiros que se situaron con Xosé Cuíña a favor dunha acción autónoma fronte ao Goberno central e a dirección nacional do Partido Popular. Isto marcou o inicio do seu declive político. Un ano despois, renunciou á súa carteira de conselleiro e, en setembro de 2006, anunciou a súa baixa do Partido Popular tras 16 anos de militancia.
Continuou a súa actividade política en Tui, e foi elixido concelleiro nas eleccións municipais de 2007 por Tudense Unidos Independentes, manténdose na corporación ata 2011. En 2018 afiliouse a Cidadáns, e nas municipais de 2019 foi elixido concelleiro na lista electoral dese partido, encabezada por el. En xuño de 2020 anunciou que deixaba a vida política por motivos persoais.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Tui
Ligazóns externas Ficha en galegos.info
Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PPdeG Categoría:Delegados do goberno en Galicia Categoría:Conselleiros da Xunta de Galicia Categoría:Alcaldes de Tui Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Tui Categoría:Nados en 1953 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Deputados da III Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da IV Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Concelleiros de Tui