Mette Frederiksen, nada en Aalborg o 19 de novembro de 1977, é unha política dinamarquesa do Partido Socialdemócrata e primeira ministra de Dinamarca dende o 27 de xullo de 2019. Foi membro do Folketing entre 2014 e 2015. O 28 de xuño de 2015 sucedeu a Helle Thorning-Schmidt como dirixente do Partido Socialdemócrata.
Traxectoria Frederiksen naceu en Aalborg; o seu pai era tipógrafo e a súa nai era profesora. Estudou no instituto Aalborghus Gymnasium; posteriormente cursou administración e ciencias sociais na Universidade de Aalborg. Despois de graduarse en 2000, traballou como asesora de mocidade para LO, a confederación dinamarquesa de sindicatos.
Frederiksen foi elixida como parlamentaria polo distrito de Copenhague nas eleccións xerais que tiveron lugar o 20 de novembro de 2001. Despois de ser elixida foi nomeada voceira do seu partido para a cultura, os medios de comunicación e a igualdade de xénero. Converteuse na voceira do seu partido para asuntos sociais tralas eleccións parlamentarias de 2005. Tamén tralas eleccións de 2005, pasou a ocupar o cargo de vicepresidenta do grupo parlamentario do Partido Socialdemócrata.
En maio de 2010, descubriuse que a filla de Frederiksen xunto con varios fillos doutros políticos prominentes do Partido Socialdemócrata, estudaba nun colexio privado. Frederiksen e os seus colegas foi acusada de hipocrisía pola prensa dinamarquesa, xa que unha das políticas clave do seu partido era a promoción do ensino público. Ademais en 2005 Frederiksen criticara abertamente os proxenitores que enviaban os seus fillos a colexios privados. Frederiksen respondeu as críticas afirmando que a súa opinión sobre a educación privada cambiara dende os seus comentarios en 2005, e que o que sería hipócrita pola súa parte sería pór a súa carreira política por riba do que máis podía beneficiar a súa filla.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina persoal Biografía por CIDOB
Categoría:Nados na rexión de Nordjylland Categoría:Nados en 1977 Categoría:Primeiros ministros de Dinamarca