O Real Club Náutico de Sanxenxo é un club náutico situado en Sanxenxo e fundado en 1951.
Historia Fundouse o 8 de xuño de 1951 para promover todas as posibilidades turísticas e deportivas que ofrece a ría de Pontevedra. Entre os seus 197 socios fundadores atopábanse entre outros o actor Manolo Morán e o físico Julio Palacios. Tras varias xestións e a mediación do ministro José Solís, conseguiuse a cesión de 343 metros cadrados de terreo no porto de Sanxenxo para a construción do edificio social. O 25 de xullo de 1961 inauguráronse as súas instalacións no porto pesqueiro.
En 1968 organizou o Campionato Galego da clase Vaurien e as probas puntuables para o Campionato de España de Motonáutica, e durante as seguintes décadas continuou organizando campionatos galegos e españois en diferentes modalidades. Varios dos seus deportistas proclamáronse campións de España, e en 1976 o regatista do club Pedro Campos conquistou o Campionato do Mundo de Vaurien. O propio Campos foi elixido novo presidente do club en 1999.
No 2001 foi galardoado co Premio Nacional de Vela como mellor club náutico de España. O 5 de novembro de 2005 organizou a regata costeira previa á saída da Volvo Ocean Race 2005-06.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Web oficial
Categoría:Clubs náuticos Categoría:Deporte en Sanxenxo