Camilo Vila Rodríguez, nado na Habana o 26 de xullo de 1915 e finado en San Xoán (Porto Rico) en 1997, foi un empresario cubano, de orixe galega, que foi o derradeiro presidente do Centro Galego da Habana.
Traxectoria Naceu en Cuba, sendo o maior dos tres fillos dunha parella de inmigrantes galegos, natuaris da parroquia Santa María de Mosteiro, no concello lucense de Guntín. Estudou no Centro Galego da Habana e fundou varios negocios, participando nas actividades da emigración galega na illa. Foi presidente de honra da asociación Naturales de Ortigueira, e en 1959 presentou a súa candidatura á presidencia do Centro Galego, polo partido Acción Social, sendo elixido presidente. Foi o primeiro presidente do Centro Galego nacido en Cuba.
Presidiu o Centro Galego durante dous anos, ata a intervención do centro en 1961 polo goberno revolucionario de Fidel Castro. Ese mesmo ano enviou a Miami ao seu fillo Camilo, dentro da Operación Peter Pan organizada polo goberno dos Estados Unidos, despois de ter enviado xa á súa filla Araceli. En 1962 fóise a súa muller, e en 1964 o propio Camilo marchou para España, instalándose finalmente en Porto Rico, onde morreu en 1997.
O seu fillo Camilo Vila, é cineasta, e un dos seus filmes, City of Gardens, foi estreado no Festival Internacional de Cannes.
Notas
Categoría:Nados na Habana Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1915 Categoría:Cubanos de ascendencia galega Categoría:Finados en 1997