A Asociación de Electores de Schleswig Merdional (en alemán Südschleswigscher Wählerverband, abreviado SSW; en dinamarqués Sydslesvigsk Vælgerforening; e en frisón setentrional Söödschlaswiksche Wäälerferbånd) é o partido político alemán da minoría dinamarquesa e frisoa en Schleswig-Holstein. A SSW intégrase no partido político europeo da Alianza Libre Europea.

Ideoloxía A SSW naceu para a representación e defensa dos intereses das minorías culturais de lingua frisoa e danesa de Schleswig-Holstein, rexeita integrarse no eixo esquerda-dereita aínda que se di inspirado no modelo nórdico no relativo ás políticas culturais, medioambientais, benestar e ensino. Na década de 1950 o partido incorporou nos seus documentos programáticos o dereito de autoderminación e á autonomía política, na actualidade insiste na descentralización a nivel local e é un exemplo de partido representante dunha minoría integrada no sistema político do Estado que a alberga.

Traxectoria O partido fundouse en 1948 baixo o patrocinio das autoridades militares británicas co albo de representar á colectividade dinamarquesesa residente no sur de Schleswig, os frisóns incorporáronse á formación unha vez creada. Ten o seu antecedente na Liga de Schleswig creada na década de 1920 e que defendía un referendo para anexionar a rexión de Flensburgo a Dinamarca, tal e como sucedera co norte de Schleswig logo do Tratado de Versalles.

Durante a primeira lexislatura do Bundestag da República Federal Alemá (1949-1953) o partido mantivo un deputado en Bonn. Con todo, o establecemento da barreira electoral do 5% dos votos para conseguir escano nos lexislativos, aprobado en 1950, supuxo que o partido perdese a súa representación federal en 1953 e no Landtag de Schleswig-Holstein. Posteriormente, as Declaracións de Bonn-Copenhague en 1955, permitiron excluír á SSW, como representante dunha minoría cultural, da barreira do 5% para obter representación. Isto permitiu que o partido volvese ao parlamento de Schleswig-Holstein en 1958 sen perder nunca a representación. A partir da década de 1960 o partido coñeceu unha mingua de apoios, caendo a menos do 1,5% dos votos, se ben dende principios do século XXI gañou novos apoios permitíndolle superar o 3% e o 4% nas eleccións de Schleswig-Holstein. Aínda que a SSW deu apoio parlamentario a varios gobernos do seu Estado federado, en 2012 incorporáronse a unha coalición de goberno canda o SPD e Os Verdes, que se mantivo ata 2017. Doutra parte, en 1961 optou por non participar nas eleccións ao Bundestag, unha decisión que foi revisada en 2020, cando se decidiu concorrer ás eleccións federais de 2021, nas que logrou que Stefan Seidler fose electo.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Páxina web oficial da SSW (en alemán)

Categoría:Partidos políticos de Alemaña Categoría:Partidos rexionalistas