miniatura|250px|O SPOT 5. SPOT (acrónimo de Satellite Probatoire de l'Observation de la Terre) é unha serie de satélites de recoñecemento civís franceses.

SPOT 1, 2 e 3 Os tres primeiros satélites SPOT foron construídos usando o bus SPOT de primeira xeración cun tempo estimado de vida de tres anos. Os tres satélites eran idénticos, cada un levando a bordo dúas cámaras de alta resolución no rango visible que podían funcionar simultaneamente ou por separado. Cada cámara tiña dous modos de funcionamento: pancromático ou multiespectral, o primeiro cunha resolución de 10 metros e o segundo de 20. SPOT 3 levaba, ademais, o instrumento POAM-II (Polar Ozone and Aerosol Measurement) proporcionado polo Laboratorio de Investigación Naval dos Estados Unidos (NRL) para medir a distribución vertical de ozono na atmosfera, así como do vapor de auga, dióxido de nitróxeno, aerosois e a temperatura. SPOT 1 foi lanzado mediante un Ariane 1 o 22 de febreiro de 1986, mentres que SPOT 2 e 3 o foron mediante sendos Ariane 4 o 22 de xaneiro de 1990 e o 26 de setembro de 1993, respectivamente. SPOT 1 quedou fóra de servizo en 2003, mentres que SPOT funcionou ata xullo de 2009 e SPOT 3 avariouse en novembro de 1996.

SPOT 4 SPOT 4 foi o único SPOT de segunda xeración, cun bus mellorado cunha maior esperanza de vida (ata 5 anos) e un módulo de servizo capaz de acoller o dobre de instrumentación científica. O módulo de propulsión contiña 158 kg de hidracina. O instrumento principal era a cámara HRVIR (High-Resolution Visible and Infrared sensor) con dous sensores de barrido e dous modos de funcionamento: pancromático e multiespectral, o primeiro cunha resolución de 10 m e o segundo de 20 m. Levaba tamén o sensor VMI (Vegetation Monitoring Instrument), cunha resolución de 1 km, para estudar a vexetación. A bordo ían tamén os instrumentos DORIS, para localizar o satélite con precisión, SILEX (un experimento de comunicacións ópticas), PASTEC (PASsager TEChnologique de SPOT 4, para estudar a contorna orbital do satélite) e POAM-III (Polar Ozone and Aerosol Measurement, para estudar a distribución vertical de ozono e outras substancias). SPOT 4 foi lanzado o 24 de marzo de 1998 a bordo dun Ariane 4, finalizando a súa misión o 29 de xuño de 2013.

SPOT 5 SPOT 5 foi o único SPOT de terceira xeración. Levaba a bordo o instrumento mellorado HRG (High Resolution Geometric) con dous sensores de barrido, e o instrumento HRS (High Resolution Stereoscopic) para obter imaxes estereoscópicas do terreo cunha precisión altimétrica de entre 10 e 15 m. SPOT 5 tamén levaba os instrumentos VMI e DORIS a bordo. Foi lanzado o 4 de maio de 2002 a bordo dun Ariane 4.

SPOT 6 e 7 SPOT 6 e 7 son capaces de obter imaxes cunha resolución de 2 m en franxas de 60 x 60 km e teñen un tempo estimado de vida de 10 anos. Levan a bordo os instrumentos NAOMI (New AstroSat Optical Modular Instrument) e cámaras de barrido cunha resolución de 2 m (en modo pancromático) e 8 m (en modo multiespectral). Os dous satélites están no mesmo plano orbital que os satélites Pléiades de alta resolución. SPOT 6 foi lanzado o 9 de setembro de 2012 e SPOT 7 o 30 de xuño de 2014, ambos a bordo de foguetes PSLV-CA. En decembro de 2014 Airbus chegou a un acordo coa empresa Azercosmos para transferirlle o SPOT 7, renomeado Azersky.

Historial de lanzamentos

MisiónData de lanzamentoFoguete lanzadorNotasSPOT 122 de febreiro de 1986Ariane 1ÉxitoSPOT 222 de xaneiro de 1990Ariane 4ÉxitoSPOT 326 de setembro de 1993Ariane 4ÉxitoSPOT 424 de marzo de 1998Ariane 4ÉxitoSPOT 54 de maio de 2002Ariane 4ÉxitoSPOT 69 de setembro de 2012PSLV-CAÉxitoSPOT 7 / Azersky30 de xuño de 2014PSLV-CAÉxito

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Ariane 1 Ariane 4 PSLV-CA

Categoría:Satélites artificiais