O Turun Palloseura Naiset ou TPS Naiset é un equipo feminino de hóckey sobre xeo da cidade de Turku, Finlandia. Actualmente compite na máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés, a Auroraliiga. Xoga os seus partidos como local no Kupittaan jäähalli, coñecido por motivos de patrocinio como Rajupaja Areena, un pavillón con capacidade para 3 000 persoas.
Historia O equipo feminino da Turun Palloseura fundouse en 1989 e comezou a súa andaina esa mesma tempada na I-divisioona. Da man de xogadoras como Tarja Lång (8+7=15), Virpi Willman (8+7=15), ou Maarit Kaukovaara (8+5=13), máximas puntuadoras na primeira tempada do equipo, o TPS conseguiu o ascenso á Naisten SM-sarja, a máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino en Finlandia.
Debutou na máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés na tempada 1990-91, finalizando na quinta posición dun total de sete equipos, e non se clasificou para a postempadaa. Con todo, na tempada 1992-93, logo de tres tempadas consecutivas na elite, o equipo descendeu de novo á I-divisioona e estivo durante toda esa década e a dos anos 2000 movéndose entre diferentes categorías ata que na tempada 2017-18 o equipo proclamouse campión da Naisten Mestis e regresou á máxima categoría, recentemente renomeada "Naisten Liiga". As principais artífices do ascenso foron Maija Otamo (20+16=36), Pauliina Salonen (3+16=19) e Pinja Koskinen (9+6=15).
O equipo volveu competir na máxima categoría na tempada 2018-19 xunto con Vaasan Sport, ampliándose deste xeito o número de equipos participantes na Naisten Liiga a dez.
En 2022 o TPS fixo historia logo de clasificarse por primeira vez para os play-offs, mais caeu nas semifinais fronte o K-Espoo e finalizou a tempada na cuarta posición.
Personalidades Xogadoras Cadro actual
Notas
Referencias
Véxase tamén
Ligazóns externas Sitio web oficial
Categoría:TPS Naiset