Mauro García Juncal, nado en Moaña o 21 de maio de 1971, é un exfutbolista galego, que xogaba en diferentes posicións na banda dereita.

Destacou principalmente no Pontevedra, no que xogou nove tempadas, e no Compostela, onde militou cinco anos, tres deles na Primeira División. Disputou 470 partidos oficiais entre os dous equipos e xogou tamén co Rayo Vallecano en Primeira e na Copa da UEFA.

Traxectoria Formouse na canteira do Alondras, subindo ao primeiro equipo de Terceira División na tempada 1987/88. Na seguinte campaña foi fichado polo Pontevedra, que militaba na Segunda División B. Xogou seis tempadas na banda dereita do club pontevedrés, principalmente en funcións ofensivas, disputando máis de 200 partidos e marcando 23 goles.

A súa fichaxe en 1995 polo Compostela provocou un enfrontamento entre os presidente dos dous clubs, Ramón Crespo e José María Caneda, polo xeito no que esta se levou a cabo. Debutou co equipo santiagués na primeira xornada da tempada 1995/96 da Primeira División, no derbi contra o Celta de Vigo en Balaídos, onde entrou na segunda parte para substituír a Iñaki Eraña. Na primeira parte da tempada, a pesar de xogar case todos os partidos, fíxoo habitualmente saíndo dende o banco. Isto cambiou a partir de decembro, cando se fixo coa titularidade, colocándoo Fernando Vázquez en labores defensivos, no lateral dereito. Marcou o seu primeiro gol na máxima categoría nunha vitoria por 2-1 contra o Athletic Club en San Lázaro.

Foi unha das pezas máis habituais da defensa compostelanista durante os seguintes anos, xunto a Bellido, Villena e Nacho, e militou no club ata o ano 2000, sumando 190 partidos en cinco tempadas (tres en Primeira e dúas en Segunda). A continuación fichou polo Rayo Vallecano de Juande Ramos, na Primeira División. Militou tres tempadas no club madrileño, co que xogou a Copa da UEFA, perdendo a categoría na última delas.

No ano 2003 regresou ao Pontevedra, adestrado por José Aurelio Gay. Titular indiscutible, na súa primeira tempada contribuíu ao primeiro ascenso do club á Segunda División en case 30 anos. Xogou no club granate ata a súa retirada en 2006, alcanzando os 280 partidos oficiais co club.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1971 Categoría:Nados en Moaña Categoría:Futbolistas de Moaña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Alondras CF Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano