miniatura|Primeira camisola de Ilves en 1932. Ilves é un equipo profesional de hóckey sobre xeo fundado o 10 de abril 1931 na cidade de Tampere, Finlandia. Ilves xogou o seu primeiro partido o 24 de xaneiro de 1932 no xeo do lago Näsijärvi, e conquistaron o seu primeiro campionato finlandés en 1936. En total o equipo proclamouse campión de Finlandia 16 veces, quince delas antes da profesionalización da liga, sendo o segundo equipo máis laureado do hóckey sobre xeo finlandés por detrás dos seus rivais locais de Tappara, que conta cun campionato máis.
Os primeiros partidos de Ilves disputáronse sobre o xeo dos lagos da cidade de Tampere. En 1945 construíuse a primeira pista exterior de hóckey sobre xeo de Finlandia, a Pista de xeo de Koulukatu, onde Ilves comparpartu feudo cos seus veciños de Tappara e Koovee ata a inauguración do primeiro estadio cuberto de Finlandia, o Tampereen jäähalli (máis coñecido como Hakametsä), o 29 de xaneiro de 1965. En decembro de 2021 o equipo se trasladará ao moderno Tampereen Kannen Areena, situado no centro da cidade e con capacidade para 13 330 persoas.
O Museo finlandés do hóckey sobre xeo introduciu ao redor de 50 personalidades relacionadas con Ilves no seu Salón da Fama (coñecido como Suomen Jääkiekkoleijonat, en galego Leóns do hóckey sobre xeo finlandés). O equipo retirou sete números en honor a outros tantos xogadores, e honrou a 24 personalidades do club no chamado "Ilves Hockey Legends".
Fundación e primeiras tempadas miniatura|O Tampereen lyseo, onde naceu Ilves en 1931. O Ilves foi fundado no instituto Tampereen Lyseo o 10 de abril 1931 por Niilo Tammisalo, que era profesor no centro, para que o alumnado puidera practicar deportes de pelota. Tammisalo acabaría converténdose no primeiro presidente do club.
Ilves xogou o seu primeiro partido no xeo do Näsijärvi o 24 de xaneiro de 1932, caendo por 2 goles a 1 fronte ao Tampereen Palloilijat (TaPa) marcando para Ilves Reino Lahtinen. Pouco despois o equipo debutou en competición oficial, de novo fronte a TaPa no mesmo escenario, o 6 de febreiro dese mesmo ano na primeira rolda do campionato finlandés, nun partido que finalizou co mesmo resultado que o disputado uns días antes. Na súa segunda tempada os de Tampere enfrontáronse en Helsinqui ao Helsingfors Skridskoklubb (HSK) o 12 de febreiro de 1933, caendo por cinco goles a dous nun partido eloxiado pola prensa local como o "o mellor partido de hóckey xogado nunca en Finlandia". O 6 de marzo dese mesmo ano Ilves enfrontouse a un combinado da capital finlandesa, gañando 4-3 para sorpresa da maioría, con este partido o equipo foi seleccionado para enfrontarse ao equipo sueco do Hammarby IF, contra o que perdeu pola mínima (1-0). En decembro de 1933 Ilves finalizou a súa pista de xogo á beira do Pyhäjärvi.
En 1934 Ilves acadou o terceiro posto do campionato finlandés, gañando a medalla de bronce. Esa tempada, a suxestión de Ilves, o campionato finlandés disputouse en formato de liga e non de copa, co cal unha derrota inicial non puña fin á participación dun equipo na competición. O equipo de Tampere comezou a súa andaina en Helsinqui fronte o Helsingin Palloseura (HPS), fronte ao que caeu por tres goles a un. O seguinte partido, celebrado en Tampere, empatou (1-1) co Helsingfors Skridskoklubb (HSK), mentres que o derradeiro partido supuxo a primeira vitoria da historia de Ilves logo de derrotar a Helsingin Jalkapalloklubi (HJK). O xogador de Ilves Jaakko Tiitola converteuse no máximo puntuador e compartiu o título de máximo goleador xunto con Holger Sarmola. En inverno dese ano Niilo Tammisalo puxo punto e final á súa carreira como xogador e converteuse en adestrador do equipo a tempo completo, así como en presidente da entidade. Ao final da tempada, o tamaño insuficiente da pista e os problemas causados pola patinaxe no xeo do lago levaron ao equipo a abandonar o novo campo logo de tan só unha tempada e a decidir construír unha nova pista de xeo.
O ano seguinte o equipo de Tampere mellorou a súa clasificación final logo de conseguir a medalla de prata tras finalizar en segunda posición por detrás de HJK. O equipo do lince gañou a metade dos catro partidos disputados, vencendo todos os encontros que disputou como local e perdendo nas súas dúas visitas á capital. Esa tempada debutou o primeiro reforzo estranxeiro do equipo, o turco Feyzi Ahsen-Böre. Ademais o equipo mudou a súa pista ao extremo sur de Koulukatu e Mariankatu, nuns terreos do Club de Tenis de Tampere, xunto á Escola de Economía.
Primeiros títulos miniatura|esquerda|Os irmáns Jussi e Risto Tiitola (con camisetas a raias) durante un partido entre Ilves e HJK disputado na pista de Koulukatu-Mariankatu (Tampere) o 30 de xaneiro de 1937. Os membros da familia Tiitola foron pezas chave na consecución dos primeiros títulos do equipo. En 1936, tan só dous anos despois da súa primeira medalla proclamouse campión por primeira vez na súa historia. Esa tempada o daquela único equipo representante de Tampere gañou tres dos seus seis encontros, empatando os outros tres. Entre as caras novas do equipo, que perdera a tres dos cinco irmáns Tiitola que xogaran a tempada anterior, salienta o turco Murat Ahsen-Böre, que se uniu a seu irmán. Á vitoria inicial fronte a HSK (5-0) seguíronlle outras dúas fronte a HJK en Kamppi (Helsinqui) Poor 3-4, e outra nova vitoria na casa fronte a KIF (3-0). Nos tres últimos partidos o equipo colleitou tres empates fronte a HSK e KIF (1-1) en Helsinqui fronte a KIF en Tampere (6-6), un partido trepidante que non se puido decidir sequera logo da prórroga. Deste xeito Ilves e KIF finalizaron empatados a puntos na clasificación. Se ben estaba preparado para que se xogara o partido de desempate en Tampere o domingo 3 de marzo. O equipo de Helsinqui considerou que o lugar no que se debía disputar o encontro non era axeitado, e aínda que se propus atrasar a hora do mesmo, KIF negouse a jogar por diversos motivos. Finalmente o campionatoo resolveuse de xeito infrecuente mediante votación da Asemblea de Hóckey, que finalizou cun resultado de 22-19 favorable a Ilves. A nivel individual volveu salientar Jussi Tiitola, que conseguiu un rexistro de 10+0 puntos, así como o maior rexistro de goles nun único partido (catro), pola súa banda o seu irmán Risto conseguiu o maior rexistro de puntos nun único partido con catro.
Na tempada seguinte Ilves conquistou de novo o campionato nacional sen perder ningún partido. O equipo comezou a tempada adestrando durante o verán e o outono, mantendo case o mesmo bloque que se proclamara campión a tempada precedente, coas únicas baixas de Matti Tiitola, que deixou o equipo, e Lasse Melart, que morrera no exército, e coa chegada de Seppo Jaakkola. A tempada volveu estar marcada pola loita entre Ilves e KIF polo campionato, e de feito os dous partidos que xogaron contra o equipo de Helsinqui foron os únicos que non gañaron, rexistrando dous empates: 3-3 no primeiro choque da tempada disputado na capital finlandesa, e no que os de Tampere remontaron un 2-0 en contra para poñerse cun 2-3 que acabaría sendo neutralizado por un disparo dende 20 metros do xogador local Sjöberg; e 2-2 en Tampere. Ese ano o equipo logrou a maior goleada da súa daquela curta historia logo de derrotar a Åbo IFK (ÅIFK) de Turku en Helsinqui. A pesar da igualdade entre KIF e Ilves, o título caeu do lado de Ilves logo de que HJK sorprendera a KIF (3-2) no derbi da capital no derradeiro partido da tempada. Novamente Jussi Tiitola volveu ser o xogador máis salientable da tempada, ao rexistrar 14 puntos e 11 goles en total, liderando o seu equipo en ambas facetas. miniatura|Equipo de Ilves campión de Finlandia en 1938. Tan só catro partidos se xogaron na tempada 1937-38, que Ilves contou por vitorias. Logo de que Niilo Tammisalo deixara o cargo de adestrador ao final da tempada precedente, Risto Lindroos fíxose cargo dun equipo que tan só contou coa baixa de Jaakku Huhti. Durante a tempada, que comezou como local en Tampere fronte a ÅIFK, o equipo gañou todos os seus partidos por canto menos dous goles de diferenza. No segundo partido, disputado tamén en Tampere, o equipo rexistrou unha audiencia récord, con en torno a 600 persoas nas bancadas da pista de Koulukatu-Mariankatu para presenciar o encontro fronte ao gran rival de Ilves nas dúas tempadas anteriores, KIF Helsinqui, nun partido que os linces remontarían logo do 0-2 inicial dos capitalinos. Logo da vitoria en Turku fronte a Riento Turku, Ilves chegaba á derradeira xornada igualado co HJK de Helsinqui, co cal o equipo que gañara o partido proclamaríase campión. Ilves acabaría gañando o encontro por catro goles a un, e con el o campionato. Matti Wasama liderou esa tempada o equipo en goles (5) e puntos (7).
O 23 de febreiro de 1938 Ilves xogou o seu primeiro partido internacional ao enfrontarse na casa ao Telefon Club Romania de Bucarest, caendo por 3-5 ante un equipo que na práctica era o combinado nacional de Romanía.
Tempos de guerra Na 1938-39 tan só se disputaron seis partidos, dos cales Ilves perdeu en dous, fronte a KIF e HJK, ambos partidos foron disputados en Tampere e finalizaron co mesmo marcador (1-2). Feyzi e Murat Ahsen-Böre e Naim Nasib deixaron o equipo, e chegaron o desfensa Henry Kvist, así como os defensas Heikki Lahdelma e Osmo Huhti, mentres que Teuvo Hellén completou a portería dos linces. A primeira derrota do equipo chegou o 6 de xaneiro de 1939, cando KIF acabou coa xeira de vitorias de Ilves, que se prolongara dende o 19 de xaneiro de 1936. Todas as opcións de revalidar o título por cuarto ano consecutivo acabáronse na penúltima xornada da competición, coa derrota fronte a HJK. Ese ano Erkki Rintala converteuse, con cinco goles e seis puntos, no máximo goleador e puntuador do equipo. Logo de finalizar a liga, o equipo xogou dous partidos amigables contra os seus veciños do TBK, aos que xa derrotaran no ano anterior, perdendo o primeiro deles (1-2) e gañando o segundo, disputado no mes de marzo, por 4-0.
Co estalido da Guerra de Inverno que enfrontou a Finlandia e a Unión Soviética o 30 de novembro de 1939, suspendeuse a competición de hóckey sobre xeo no país e o equipo non disputou ningún outro encontro. Durante a contenda, o que fora tres veces máximo goleador do campionato finlandés e que daquela ocupaba o posto de presidente do club, Jussi Tiitola, así como o dianteiro internacional Erkki Rintala (que viña de ser o máximo goleador do equipo) faleceron na fronte. Co falecemento de Tiitola, o seu posto foi ocupado por Väinö Teivaala.
O ano seguinte, coa guerra xa concluída, Ilves volveu á competición. Á morte de Rintala sumóuselle a lesión de Seppo Jaakola, que impediu a súa participación. Con todo, o equipo viu o regreso de Feyzi Ahsen-Böre e Naim Nasib, aos que se uniron Matti Majanen e Matti Rintakoski, ademais Ilves trasladouse á pista de Eteläpuisto. O primeiro partido logo da contenda celebrouse o 20 de decembro de 1940, cando o equipo perdeu fronte a TBK (4-2). Esa tempada, de novo, os linces non foron capaces de superar a KIF e HJK, fronte aos que caeu con contundencia na casa nas dúas primeiras xornadas (1-4 e 1-5 respectivamente). Logo de dúas vitorias consecutivas na casa fronte a Tarmo e TPS, e outra a domicilio en Turku fronte a Riento, Ilves pechou a tempada con dous empates como visitante de novo en Turku (2-2 ante ÅIFK), e na capital (0-0 fronte a HSK), asegurándose a medalla de bronce. Ese ano Osmo Huhti foi o máximo goleador e puntuador (7 goles e outros tantos puntos), mentres que Matti Wasama foi o máximo asistente con catro.