Vanja Milinković-Savić (en ), nado en Ourense o 20 de febreiro de 1997, é un futbolista galego-serbio que xoga como porteiro no Napoli, da Serie A, cedido polo Torino. É internacional coa selección serbia, coa que disputou o Mundial de 2022.
É fillo do exfutbolista Nikola Milinković e irmán do tamén futbolista Sergej Milinković-Savić.
Traxectoria
Comezos Naceu en Ourense o 20 de febreiro de 1997, na época en que seu pai, Nikola Milinković, xogaba como dianteiro no Chaves portugués e vivía ao outro lado da Raia, en Verín. Uns meses despois o pai fichou polo CD Ourense, no que militou ata 1999, polo que Vanja pasou os primeiros dous anos da súa vida en Galicia. Súa nai é Milana Savić, antiga xogadora profesional de baloncesto. É ademais o irmán máis novo do centrocampista Sergej Milinković-Savić, nacido en Lleida, e da xogadora de baloncesto Jana Milinković-Savić.
Deu os seus primeiros pasos futbolísticos na canteira do Grazer AK da cidade austríaca de Graz, club no que xogou seu pai entre 2001 e 2004, e no que se iniciou tamén o seu irmán Sergej. Trala retirada de Nikola, a familia regresou a Serbia e Vanja ingresou na canteira do Vojvodina, subindo durante os seguintes anos polas diferentes categorías inferiores do club.
Vojvodina En abril de 2014 asinou o seu primeiro contrato profesional co Vojvodina, cunha duración de tres anos. O mes seguinte, o Manchester United anunciou que o club chegara a un acordo co Vojvodina para o traspaso de Milinković-Savić, pero que quedaría no club serbio unha tempada máis. O acordo pechouse o 5 de agosto de 2014 por unha cifra de 1,75 millóns de euros.
Debutou profesionalmente co Vojvodina o 10 de agosto de 2014, nunha vitoria por 3-0 ante o OFK Beograd. Xogou completos os 15 partidos de liga na primeira parte da tempada 2014-15. Despois do parón invernal perdeu o seu posto como primeiro porteiro ante o máis experimentado Srđan Žakula, facendo só dúas aparicións máis na liga.
Lechia Gdańsk Tras non conseguir un permiso de traballo para xogar en Inglaterra, foi liberado polo Manchester United en novembro de 2015 e asinou un contrato de catro anos e medio co Lechia Gdańsk polaco. O contrato iniciouse o 1 de xaneiro de 2016.
Torino O 30 de xaneiro de 2017, o Torino anunciou a súa fichaxe, uníndose ao club en xullo. Disputou os partidos da Copa Italia, mentres que nos de liga o gardameta titular foi Salvatore Sirigu. Estivo a piques de marcar un gol durante o partido de Copa contra o Carpi, no que lanzou unha falta no tempo de desconto que bateu no longueiro. Debutou na Serie A na derradeira xornada contra o Genoa, con vitoria por 1-2, encaixando un gol anotado por Pandev.
No verán de 2018 saíu cedido ao SPAL por unha tempada. No equipo de Ferrara o primeiro porteiro era Alfred Gomis, polo que só xogou dous partidos, nun dos cales foi expulsado ao recibir dous cartóns amarelos con poucos segundos de diferenza.
En xaneiro de 2019 foi cedido ao Ascoli, da Serie B, ata final de tempada, onde disputou oito encontros. Na seguinte tempada saíu de novo cedido, esta vez a Bélxica, ao Standard de Liège, co que non chegou a debutar en liga, pero si na Europa League, disputando tres encontros contra Vitoria de Guimarães, Arsenal e Eintracht Frankfurt.
De regreso en Turín, durante a tempada 2020/21 estivo á sombra de Salvatore Sirigu, pero trala marcha deste ao Genoa, Milinković-Savić fíxose coa titularidade, na que se afianzou durante os seguintes anos por diante dos outros gardametas do equipo, como o capitán da selección albanesa, Etrit Berisha ou o italiano Luca Gemello. Na tempada 2021/22 xogou 27 partidos de liga e un da Copa Italia e no verán o Torino anunciou a renovación do seu contrato até xuño de 2024.
Na campaña 2022/23 foi un dos únicos tres xogadores da Serie A que disputaron completos os 38 partidos de liga, xunto aos tamén gardametas Marco Silvestri (Udinese) e Wladimiro Falcone (Lecce), e foi titular tamén nos catro partidos que xogou o seu equipo na Copa Italia. Continuou afianzado na titularidade nas seguintes campañas e na 2024/25 conseguiu atallar catro lanzamentos de penalti, converténdose no segundo gardameta con máis penaltis parados nunha soa tempada da Serie A, só por detrás dos seis de Samir Handanovič na 2010/11.
En xuño de 2025 a súa cesión por unha campaña ao Napoli, que pagou pola operación uns 15 millóns de euros, cunha opción de recompra por 6,5 millóns. Debutou co equipo partenopeo o 13 de setembro, saíndo como titular nunha vitoria por 1-3 no estadio da Fiorentina. Cinco días despois disputou o seu primeiro encontro na Liga de Campións, nunha derrota por 2-0 ante o Manchester City. de Guardiola.
Selección serbia
Categorías inferiores Milinković-Savić foi seleccionado para representar a Serbia na Eurocopa sub-19 de 2014. Foi suplente de Predrag Rajković, e non chegou a disputar ningún minuto no torneo, no o seu equipo foi eliminado por Portugal na quenda de penaltis das semifinais. Foi de novo suplente de Rajković na Copa do Mundo sub-20 de 2015, onde a selección serbia se proclamou campioa.
Selección absoluta O 11 de novembro de 2021 debutou coa selección serbia absoluta nun partido amigable contra Qatar no Nagyerdei Stadion de Debrecen, en Hungría. Comezou a aparecer máis asiduamente durante os seguintes encontros internacionais e acabou por quitarlle definitivamente a titularidade a Predrag Rajković.
Foi un dos 26 homes escollidos polo seleccionador Dragan Stojković para o Mundail de 2022 en Qatar, no que participou xunto ao seu irmán Sergej. Aínda que representando a Serbia, foi o único futbolista nacido en Galicia en participar en dita edición torneo e no segundo xogador nacido na provincia de Ourense en toda a historia da Copa do Mundo, máis de catro décadas despois de que o tamén gardameta Miguel Ángel acudise con España aos Mundiais de 1978 e 1982.
Defendeu a portería serbia nos tres partidos que a súa selección xogou no Mundial, sendo o elixido por Stojković por diante dos outros dous gardametas do equipo, Rajković e Dmitrović. Serbia quedou eliminada na fase de grupos, ao rematar na última posición cun só punto, despois de perder contra o Brasil e Suíza e de conseguir só un empate ante o Camerún.
Palmarés Serbia sub-20
Campionato europeo da UEFA Sub-19 (1): 2014.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador en Soccerway . Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en 90minut.pl .
Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados en Ourense Categoría:Futbolistas de Ourense Categoría:Futbolistas de Serbia Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do FK Vojvodina Categoría:Xogadores do Manchester United FC Categoría:Xogadores do Torino FC Categoría:Xogadores do SPAL Categoría:Xogadores do Ascoli Calcio 1898 Categoría:Xogadores do Standard de Liège Categoría:Xogadores do SSC Napoli Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Serbia Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2022 Categoría:Xogadores da Eurocopa de Fútbol de 2024