Salvador Barbeito Doval, nado en Portonovo (Sanxenxo) o 1 de setembro de 1946 e finado en Buenos Aires (Arxentina) o 4 de xullo de 1976, foi un docente e relixioso palotino de orixe galega e nacionalidade arxentina asasinado canda outros catro membros da Sociedade do Apostolado Católico no chamado "Masacre de San Patricio". Traxectoria

Mocidade e formación Naceu en Portonovo (Sanxenxo), fillo de Salvador Barbeito Martínez, mariñeiro, e Rosario Doval Solís. Xunto cos seus pais e unha irmá máis nova, emigrou á Arxentina en 1949 instalándose en Lanús, antes de trasladarse á Buenos Aires. Ingresou no Seminario Menor e, logo, en 1965 completou a súa formación eclesiástica no Seminario Maior da arquidiocese de Buenos Aires. Tamén fixo estudos de Filosofía e Pedagoxía no Centro Superior de Educación Católica para exercer como profesor.

Participou como catequista en diferentes colexios e na parroquia de San Patricio, levada polos palotinos irlandeses, onde tamén lideraba un grupo xuvenil chamado Ateneo. Profesionalmente, con 27, en 1974, asumiu a reitoría do colexio San Marón da capital arxentina, ligado á Igrexa Católica Maronita. Decidido a ordenarse como sacerdote, en novembro de 1975, ingresou no noviciado palotino que a comunidade do Sociedade do Apostolado Católico abrira en San Patricio.

Asasinato miniatura|Fotografía forense dos corpos dos falecidos no Masacre de San Patricio e a tira de Mafalda Logo do golpe de Estado contra María Estela Martínez de Perón, e a implantación da ditadura militar, o párroco de San Patricio, padre Kelly, fixo unha homilía na que alertaba da deterioración da convivencia cívica e a pobreza. As súas palabras foron polémicas entre algúns sectores do barrio de Belgrano e sinalou á comunidade palotina.

Na madrugada do 4 de xullo de 1976 foron asasinados os membros da comunidade palotina de San Patricio na reitoral da parroquia, na rúa Etcheverría con Estomba. Os cadáveres foron atopados polo organista á primeira hora da mañá aliñados e boca abaixo, sobre o corpo de Salvador Barbeito fora colocada unha tira de Mafalda na que se sinalaba a unha porra dicindo "este é o pauiño de abolar ideoloxías". Con xiz escribírase na porta "Polos camaradas dinamitados en Seguridade Federal. Venceremos! Viva a Patria!" en referencia a un atentado dos Montoneros contra unha comisaría de policía uns días antes. E, tamén, nunha alfombra "Estes zurdos morreron por seren adoutrinadores de mentes virxes e son M.S.T.M" en referencia á corrente Movemento de Sacerdotes do Terceiro Mundo, que dentro da Igrexa católica arxentina buscaba participar na renovación teolóxica de logo do Concilio Vaticano II incidindo na reivindicación social. O episodio, coñecido co nome de "Masacre de San Patricio" foi o maior ataque violento contra a Igrexa Católica na Arxentina.

As investigacións xudiciais posteriores non lograron aclarar os feitos, aínda que se considera que o asasinato foi responsabilidade dun grupo de tarefas da Escola de Mecánica da Armada.

Considerados mártires pola súa orde, en 2005 o entón cardeal arcebispo de Buenos Aires, Jorge Bergoglio, logo papa Francisco, impulsou a súa beatificación facéndose eco das peticións de canonización que existían na Arxentina dende 2001.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Masacre de San Patricio

Ligazóns externas

Páxina web de homenaxe ás vítimas do Masacre de San Patricio (en castelán) El caso de los padres palotinos. Informe Nunca Más, CONADEP, 1985. (en castelán) Mártires Palotinos, de Carmen Lynch da Comisión Permanente para a Memoria dos Mártires Palotinos. (en castelán)

Categoría:Nados en 1946 Categoría:Finados en 1976 Categoría:Relixiosos católicos da Arxentina Categoría:Nados en Sanxenxo Categoría:Palotinos Categoría:Asasinatos na Arxentina