O Partido Comunista pola República Galega (PCRG) é un partido político galego de ideoloxía marxista-leninista e independentista, fundado en decembro de 2021. Defende a construción dunha República Socialista Galega e sitúa a clase traballadora como suxeito central da emancipación nacional e social. A súa estratexia combina a loita polo dereito de autodeterminación de Galicia coa defensa do internacionalismo proletario, manifestando solidariedade con Cuba, Venezuela e Palestina, e rexeitando a pertenza de España á OTAN. Inclúe como un dos seus eixes fundamentais a liberación da muller traballadora desde unha perspectiva de clase.
O PCRG organízase segundo os principios do centralismo democrático. A súa máxima instancia é o Congreso, que se celebra cada tres anos e elixe o Comité Central, que exerce a dirección do partido entre congresos. Publica a revista teórica Embate e o xornal Faísca. No eido sindical, defende a creación dun Sindicato Único Galego e colabora con organizacións como a CIG e a CUT.
Historia A organización foi fundada nun congreso constituínte durante o 18 e 19 de decembro de 2021, onde segundo a organización participaron máis de 120 persoas, pois aprobáronse a totalidade dos relatorios e a dirección proposta con 121 votos a favor, ningunha abstención e ningún voto en contra. O PCRG naceu dunha escisión da FPG, sendo considerado unha continuación da súa organización de mocidade Xeira, aínda que incorpora militancia de diversas orixes como MpB, Movemento Galego ao Socialismo, Galiza Ceive-OLN, Assembleia do Povo Unido, pequenos grupos locais e varios militantes de primeira hora do PCLN.
Congreso Constituínte (2021) No seu congreso constituínte (2021) propuñan unir todos os comunistas de Galiza nunha soa formación; traballar a prol dun sindicato único en Galicia; "reconstruír un movemento estudantil popular, democrático, republicano e asembleario" así como impulsar as relacións internacionais cos "estados socialistas e populares que resisten ao imperialismo", como coas organizacións "obreiras, revolucionarias e insurxentes de todo o mundo", rechazando as posturas tanto de Israelcomo de Ucraína.
I Congreso do PCRG (2024) O I Congreso Ordinario do Partido Comunista pola República Galega celebrouse na primavera de 2024, despois de dous anos e medio da súa constitución. Celebrouse en Ourense e homenaxeou ao dirixente comunista Benigno Álvarez, morto en 1937. Durante o congreso, a dirección do partido reafirmou a súa aspiración de unificar as forzas comunistas galegas. O Congreso, definido como a "máxima expresión democrática da militancia comunista", foi considerado un éxito polo Comité Central pola elevada participación e o carácter construtivo dos debates. O balance do período intercongresual salientou avances cuantitativos e cualitativos en todo o país, coa incorporación de cadros de distintas procedencias e xeracións e o cumprimento dos obxectivos políticos marcados no Congreso Constituínte.
Principais liñas políticas aprobadas
Penetración no movemento obreiro e sindical. O partido destacou a súa participación activa e constructiva en conflitos laborais reais (como as folgas do Metal, Inditex, Limpeza, Servizo de Axuda no Fogar e Supermercados). O Congreso reafirmou como obxectivo final a construción do Sindicato Único Galego, unha reivindicación histórica do comunismo galego desde a década de 1970. Reforzo do internacionalismo. O PCRG acordou reforzar as relacións con partidos e organizacións obreiras e revolucionarias internacionais, así como a súa participación en plataformas solidarias. O Congreso condenou a criminalidade do imperialismo ianqui e europeo, así como os seus "proxys" Israel e Ucraína. República Socialista Galega e liberación nacional. O partido reafirmou a súa aposta pola República Socialista Galega, cunha óptica proletaria e republicana, rexeitando calquera esencialismo ou interclasismo. Subliñou o papel central da clase obreira como suxeito da emancipación e a necesidade de elevar o proletariado a "clase nacional". Liberación da muller traballadora. O Congreso saudou o reforzo da liña pola liberación da muller traballadora, tanto polo enriquecemento do debate ideolóxico como pola incorporación efectiva de mulleres do mundo obreiro e estudantil ás fileiras do partido e a súa participación protagonista nos conflitos sociais.
Presidencia honorífica Dende 2023, Ramón González Costas é o presidente honorífico do PCRG. Coñecido como Moncho Barreras, González Costas é un histórico dirixente sindical e militante comunista galego.
Convocatorias O PCRG organiza e participa en diversas mobilizacións políticas ao longo do ano, con especial relevancia nas convocatorias do 25 de xullo, Día da Patria Galega, na homenaxe a Moncho Reboiras e na homenaxe a Abelardo Collazo.
25 de xullo: Día da Patria Galega Dende a súa fundación en 2021, o PCRG convoca anualmente a mobilización pola República Galega o 25 de xullo de maneira ininterrompida. Nesta primeira convocatoria no 2022 convocou de maneira conxunta con Causa Galiza e Agora Galiza-UP baixo o lema "Comunismo galego unido". Interviron Carlos Morais (Agora Galiza-UP), Gabriel Lopes (Causa Galiza) e Lucía España (PCRG), nun acto presentado por Inma Alonso e Narciso Pérez. Actuaron os 'Tres Pes' e recitou poesía Luz Fandiño. Nesta convocatoria o partido agradeceu os saúdos dos Consulados da República de Cuba e da República Bolivariana de Venezuela por parte dos cónsules Yahima Martínez Millán e Martín Pacheco Morillo.
En 2023, o partido mobilizou aos seus militantes e achegados nun percorrido que partiu da Alameda e rematou na Praza do Pan, onde tivo lugar un acto político con discursos de representantes do partido. A xornada culminou cun xantar de confraternización en Chaián, no que participaron organizacións solidarias como a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e forzas políticas como Jardun, Red Roja ou o Partido Obrero Reunificado.
En 2024, a manifestación partiu novamente da Alameda e duplicou a asistencia con respecto ao ano anterior. No acto político interviron representantes do partido e de organizacións como a CIG ou a CUT. O xantar en Chaián contou coa presenza de preto de 200 persoas e durante a xornada presentouse o quinto número da revista Embate.
En 2025, a convocatoria superou as 250 persoas, incluíndo delegacións de colectivos como o sindicato estudantil Fervenza, a organización veciñal SINTRAHOCU ou o colectivo cultural Artefacto. O acto contou coas intervencións de Paulo Rubido (CIG), Cati Collazo (CUT), Lucía Sánchez (Fervenza), Amalia (SINTRAHOCU) e Antón Dobao (Artefacto). A xornada incluíu un recital poético coa participación de Antón Blanco, Inés Mosquera Calvo, Alba Mourillós e Xaquín Silva e un concerto con varios grupos como Punk'on Keixo, Pecha a Cansela, Os Rosmóns e D'Fodase. O partido agradeceu nesta convocatoria o apoio de Xosé Luís Méndez Ferrín.
En 2026, o PCRG participou na convocatoria unitaria "República das asembleas, república das desposuídas, república galega". A manifestación, que mantivo o punto de encontro na Alameda, foi convocada baixo un manifesto que reivindicaba a "unidade, asemblea e república" como premisas para conquistar a democracia. O xantar en Chaián contou coa presenza de militantes de distintas organizacións e cun recital poético no que participaron Alba Mourillós, Antón Dobao, Moncho Lareu e Alexandra Cabana Outeiro, ademais das actuacións musicais de Xosé Allegue, Malheira e DJ Propa.
Homenaxe a Moncho Reboiras O PCRG tamén convoca anualmente un acto en homenaxe a Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho Reboiras no barrio de Teis, en Vigo, onde Reboiras viviu, e inclúen acto político, ofrenda floral e un xantar de confraternización.
En 2022, o acto contou coa intervención de Óscar Pampillón, Abraám Alonso Pinheiro e Pancho Niño Ricoi. En 2023, a homenaxe presentada por Paula Rivera reuniu a un centenar de persoas. Interviron o presidente honorífico Ramón González —Moncho de Barreras— e Eva Pallas. O acto incluíu a lectura dun poema de Darío Xohán Cabana dedicado a Reboiras e a actuación do grupo Os Cuncheiros. En 2025, co 50 aniversario do seu asasinato, o partido sumouse á convocatoria da Asociación Memoria, Verdade e Xustiza para unha homenaxe popular en Vigo o 9 de agosto. Nese acto, o PCRG reivindicou a figura de Reboiras como "un soldado caído en combate" e reafirmou a súa militancia no partido que Reboiras axudou a construír. En 2026, a homenaxe contou coas intervencións de Marina Quintillán e Carlos Botana —quen transmitiu un saúdo e parabéns no nome de X. L. Méndez Ferrín—, ademais de coa recitación de poemas a cargo de Anxo Angueira e Charo Lopes.
Homenaxe a Abelardo Collazo O PCRG tamén realiza homenaxes anuais a Abelardo Collazo Araujo, militante comunista e fundador dos GRAPO, asasinado en 1980. Os actos teñen lugar no cemiterio de Teis, onde se lembran a súa vida e a súa militancia. En 2022, no 42 aniversario do seu asasinato, o camarada Paulo Vila leu un texto sobre a súa vida.
Publicacións No plano comunicativo, o Partido leva publicando dende xullo de 2022 a segunda xeira da revista política Embate con periodicidade semestral. Defínese como ferramenta de axitación, propaganda e loita ideolóxica; concibido para dar resposta ás necesidades actuais do proletariado, rachar co monopolio da prensa oficial e construír unha voz propia e colectiva. Dende maio deste 2024, tamén publican o xornal informativo Faísca con periodicidade mensual baseándose no xornal político fundado por Lenin (Iskra) e presentado como xornalismo de clase.
No plano formativo, comezaron a edición, tamén baixo o selo Embate, das “Publicacións de Educación Política” das que levan dous cadernos descritos como ferramenta para "fortalecer a militancia galega, activa e construtiva, para a loita sindical, cultural e estudantil".
Internacionalismo e política exterior O PCRG define o seu compromiso internacionalista como un eixe central da súa identidade, aliñado coa súa orientación marxista-leninista e antiimperialista. A organización manifesta o seu apoio a aqueles estados e movementos que considera que resisten a agresión imperialista e loitan pola autodeterminación dos pobos.
Apoio a estados socialistas e antiimperialistas O partido amosa unha solidariedade activa coa Revolución Bolivariana de Venezuela e denuncia o que considera unha ofensiva do imperialismo norteamericano contra o país.
O partido tamén colabora activamente coa Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil facilitando a venda de café e azucre cubanos, a maiores da distribución de información sobre a situación da illa, como mostra do seu apoio práctico á economía cubana. O partido sitúa a defensa de Cuba dentro do marco máis amplo de loita pola soberanía dos pobos e contra a aplicación extraterritorial das sancións estadounidenses. O 19 de abril de 2026, o PCRG participou na manifestación convocada pola asociación en Santiago de Compostela. A convocatoria, que coincidiu co 65 aniversario da vitoria na batalla de Girón e tiña o lema "Galiza contra o asedio imperialista. Deixade vivir a Cuba", contou co apoio de 38 organizacións políticas, sindicais e sociais. Fontes da organización sinalaron a participación dunhas 3500 persoas de toda Galicia.