Antonio García Villarán, nado en Aznalcázar, Sevilla, o 11 de xullo de 1976, é un profesor de arte, pintor, creador de contido, youtubeiro e escultor sevillano. É coñecido pola súa canle de Youtube a través da que explica, crítica e opina sobre distintos tipos de pintura. Ten unha academia en Sevilla, CREA 13. Ademais imparte cursos a través de Internet.

É autor do libro El arte de no tener talento. Revolución Hamparte en que, xunto co seu vídeo "Manifesto Hamparte", explica o concepto de "Hamparte", unha crítica á arte conceptual moderna. É coñecido pola súa canle de Youtube, onde realiza críticas a artistas recoñecidos, como Joan Miró, Antonio López, Marina Abramović ou Yoko Ono. Considérase a si mesmo epicúreo e feminista.

Traxectoria Naceu en Aznalcázar, Sevilla, o 11 de xullo de 1976 e comezou a pintar cando tiña trece anos. Licenciouse e doutorouse en Belas Artes na Facultade de Belas Artes de Sevilla na especialidade de pintura (1998) e de escultura (1999). Tamén exerceu a docencia na devandita institución.

García Villarán comezou a súa canle de Youtube en 2009 e empezou a subir vídeos en 2013. Nun primeiro momento subía cursos de pintura e non foi ata 2016 cando empezou a subir críticas artísticas a Youtube. En xullo de 2019 declarou que dos seus subscritores, un 50% miraban con frecuencia o contido que subía, o cal «é moitísimo», segundo as súas palabras. En xaneiro do ano seguinte mencionou que, grazas á súa actividade en YouTube, estaba a relegar cada vez máis os seus cursos e rexeitou postos na universidade. Acadou 1 millón de subscritores a principios de 2021.

A súa postura acerca da arte conceptual foi explicada nun manifesto, onde introduciu o concepto de "hamparte", e no seu libro "El arte de no tener talento. Revolución Hamparte". A temática principal dos seus vídeos é unha crítica á arte contemporánea en defensa da sublimidade na arte, con foco na crítica de artistas contemporáneos e artistas históricos. Foi fundador, xunto con Nuria Mesquita de Haro, da editora Cangrejo Pistolero Ediciones. Tamén organizou en Sevilla o festival de Perfopoesía.

En 2021 comezou a facer cryptoarte e foi defensor dos NFT e da súa utilidade artística. Nese ano tamén comezou a facer streams en Twitch, con máis de 50 000 seguidores, cun contido principalmente centrado en pintar e debuxar en directo.

Realizou colaboracións con distintos youtubeiros, como o xornalista Carles Tamayo, o youtubeiro Jordi Wild ou o físico Javier Santaolalla, entre outros.

Publicacións

El maestro escarabajo: ideas para una nueva pedagogía de las artes plásticas del siglo XXI (2011) Historia de las academias y escuelas de dibujo: de Vasari a nuestros días (2012) El arte de no tener talento. Revolución Hamparte (2019)

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Blog de Antonio García Villarán Antonio García Villarán en YouTube

Categoría:Nados en 1976 Categoría:Nados en Sevilla Categoría:Personalidades de YouTube