Xesús Constela Doce, nado en Ferrol o 2 de xaneiro de 1963, é un escritor galego.

Traxectoria Licenciado en Filoloxía inglesa pola Universidade de Salamanca en 1986, onde tamén participou en revistas de creación literaria. Residente na localidade de Poio, foi profesor de inglés de secundaria até 2022 e tamén colaborador habitual do suplemento Nordesía do Diario de Ferrol entre os anos 2004 e 2009.

En 2008, baixo o título de Como se fixo o primeiro alfabeto, publicou en Edicións Embora a tradución e adaptación de dous contos de Rudyard Kipling. Gañador da XV edición do Premio Torrente Ballester fallado na Coruña en decembro de 2003 co libro de relatos As humanas proporcións, obra publicada pola Editorial Galaxia no ano 2004 e galardoada no ano 2005 co premio da Asociación Española de Críticos Literarios na modalidade de Narrativa en Galego.

As humanas proporcións é unha colección de doce relatos escritos con técnicas diversas. O libro percorre distintas facetas da vida humana: o nacemento e a vellez, o corpo humano cambiante, e tamén a desesperación e a morte, o poder e a procura da liberdade, a violencia individual e a social, o amor e a parella.

No ano 2007 publicou na Editorial Galaxia a novela Libro das alquimias. Concibida coma un agasallo para os seus fillos, a quen está dedicada, presenta a historia dun rapaz que descobre no baixo da súa casa a presenza dun misterioso vello que acabará por cambiar para sempre a súa vida. O rapaz vai asistir, entre outras marabillas, á traballosa construción da Biblioteca de Alexandría e logo á súa decadencia e destrución, e tamén vai coñecer a fascinante vida da matemática e astrónoma Hipatia. Vai saber ben máis do que trae a enciclopedia que consulta decote. E o mecano, que era o seu xogo preferido, vai quedar esquecido no cuarto diante deste novo mundo tan atractivo que se lle abre.

En 2008 resultou gañador do XX Premio de Novela Manuel García Barros do Concello da Estrada coa obra Shakespeare destilado, publicada pola Editorial Galaxia en 2008, unha metáfora irónica en clave humorística sobre o mundo da literatura. Trátase dun extenso monólogo escrito nunha linguaxe directa e coloquial que pon en dúbida a ficción tradicional como convención xogando coa tradición literaria de William Shakespeare.

En 2012 publicou a novela 15.724 en Edicións Xerais de Galicia. Trátase dunha alegación contra as oligarquías. Cun enorme poder metafórico, a novela transpórtanos a unha Patria «asentada a lombos dunha ave durmida», presidida pola figura do Gran Mariscal e que ten como símbolo intocable o armadillo da súa bandeira. Este é o contexto no que se desenvolven as vivencias dunha familia marcada por un destino certamente negativo, onde o máis relevante quizais non resida nas idas e voltas que xiran arredor dun suposto crime, senón no aviso sobre as verdadeiras intencións que rexen os resortes do mecanismo xudicial vixente nese espazo e, en xeral, do conxunto de normas e regras impostas desde a instancia dun poder intocable e tantas veces arbitrario.

En 2014 publicou a novela Apoteose das perchas en Edicións Embora, un "divertimento napolitano" escrito en clave de humor e ironía, onde un personaxe moi singular, o mendigo Tommaso Bonnano, un día decide mallar nun personaxe que pasa pola rúa onde vive na cidade de Nápoles. A través do interrogatorio que a policía lle fai tras a súa detención, coñecemos a súa particular visión do mundo.

Dende o ano 2021 publica artigos sobre viaxes no xornal dixital Pontevedra Viva nunha sección propia titulada "Retallos de Mundo".

Obra Narrativa As humanas proporcións (2004). Galaxia. Libro das alquimias (2007). Galaxia. Shakespeare destilado (2008). Galaxia. Traducida ao castelán. 15.724 (2012). Xerais. 248 páxs. Apoteose das perchas (2014). Edicións Embora. 96 páxs. A rotura das paisaxes (2016). Xerais. 304 páxs. Lisa deitada (2018). Edicións Embora. 108 páxs. O peso do cerebro (2021). Xerais. 216 páxs. ISBN 978-84-9121-841-8. ePub: ISBN 978-84-9121-854-8. Doce voz de megafonía (2025). Vigo: Xerais. 144 páxs. ISBN 978-84-1110-634-4. ePub: ISBN 978-84-1110-642-9.

miniatura|Presentación de Lisa deitada, con Manuel Lourenzo González e Miguel Toval (editor). Casa da Luz, Pontevedra, 09/04/2019

Traducións Como se fixo o primeiro alfabeto, de Rudyard Kipling, 2008, Edicións Embora.

Obras colectivas Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros, 2015, Concello de Pontevedra/Galaxia, Plug & Play. Antoloxía galega de ciencia ficción erótica, 2015, Urco Editora/Contos Estraños. Contos do Sacaúntos. Romasanta, o reo. 2017 Urco Editora/Fundación Vicente Risco. Contos do Sacaúntos. Romasanta e as mulleres. 2018. Dr. Alveiros/Fundación Vicente Risco Contra o vento. 30 anos do premio Manuel García Barros. 2018. Galaxia Miño. Antoloxía do relato galego actual. 2023. Xerais

Premios Premio Torrente Ballester no 2003, por As humanas proporcións. Premio da Crítica da Asociación Española de Críticos Literarios no 2004, por As humanas proporcións. Premio García Barros no 2008, por Shakespeare destilado.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina web do autor Tiñádelo que ver, blog do autor Ficha do autor na páxina de Editorial Galaxia Entrevista realizada polo alumnado de Literatura galega do século XX do IES Manuel García Barros.