Ferenc Plattkó, nado en Budapest o 2 de decembro de 1898 e finado en Santiago de Chile o 2 de setembro de 1983, tamén coñecido como Ferenc Platko ou Francisco Platko, foi un futbolista e adestrador húngaro de orixe austríaca. Durante as décadas de 1910 e 1920 xogou como porteiro en varios equipos húngaros, austríacos, serbios e españois, sendo o FC Barcelona o equipo no que máis anos militou. Foi 6 veces internacional coa selección húngara entre 1917 e 1923.Ferenc Plattkó at EU-Football.info
Posteriormente traballou como adestrador en Europa e América do Sur, destacando o seu paso polos bancos do FC Barcelona, do Colo-Colo, do River Plate, do Boca Juniors e da selección chilena. Foi unha das primeiras lendas do FC Barcelona e foi compañeiro de equipo de Paulino Alcántara, Josep Samitier e Sagibarba. A súa valentía como porteiro foi inmortalizada por Rafael Alberti no poema Oda A Platko. Despois de retirarse como xogador volveu ao club como adestrador en dúas ocasións (1934–35, 1955–56), aínda que os seus maiores éxitos como técnico logrounos en Chile, gañando tres veces o campionato chileno á fronte do Colo-Colo.
Era irmán dos tamén adestradores István Plattkó e Károly Plattkó.
Traxectoria
Como futbolista
Comezos Iniciou a súa carreira como gardameta de fútbol na súa Budapest natal, xogando no Vasas SC entre 1917 e 1920. Despois dun breve paso polo Wiener AF de Viena, volveu ao Vasas, onde xogou unha tempada máis. Entre 1917 e 1923, foi seis veces internacional con selección de Hungría, Na tempada 1921/22 foi adestrador e porteiro do KAFK Kula da cidade serbia de Kula onde gañou o campionato da subasociación Subotica obtendo o ascenso á Segunda División do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos. En 1922 o MTK xogou dous amigables contra o FC Barcelona, rematando ambos con empate a 0-0. O FC Barcelona, impresionado con Plattkó, ofreceulle un contrato.
Barcelona esquerda|miniatura| Un Plattkó ferido durante a final da Copa do Rei de 1928 contra a Real Sociedad inspirou ao poeta Rafael Alberti a escribir a súa Oda a Plattko. Chegou ao FC Barcelona como substituto do mítico Ricardo Zamora, pero pronto se consolidou como unha lenda por dereito propio. Militou sete anos no FC Barcelona entre 1923 e 1930. Durante ese tempo gañou seis Campionatos de Cataluña, tres Copas do Rei e o primeiro título de liga da historia. O momento máis lembrado da súa carreira foi a final da Copa do Rei de 1928. O FC Barcelona enfrontábase á Real Sociedad en Santander, e Plattkó sufriu un choque contra uns xogadores da Real, quedando sen sentido e coa cabeza ensanguentada. Sacado do campo, reapareceu minutos despois, coa cabeza vendada, e aínda que recibiu novos golpes, conseguiu acabar o partido, sendo ovacionado polos seareiros. O poeta Rafael Alberti quedou tan impresionado coa súa valentía, que uns días despois escribiu un poema na súa honra titulado Oda a Platko. Tamén se encontraba na bancada Carlos Gardel, que incluíu unha mención a Plattkó no seu tango "Patadura".
Deixou o Barcelona en 1930 e rematou a súa carreira como xogador no Recreativo de Huelva, en 1931.
Selección húngara Debutou coa selección húngara o 15 de xullo de 1917, nunha vitoria por 1-4 sobre a selección austríaca en Viena, compartindo equipo con xogadores como Schaffer ou Schlosser. Disputou un total de 6 partidos con Hungría, sendo o derradeiro deles unha goleada por 1-6 contra Suíza o 11 de marzo de 1923.
Como adestrador
Inicios en Europa Trala súa retirada, axiña comezou a súa carreira como adestrador, traballando en Francia co FC Mulhouse e o Racing Club de Roubaix, antes de regresar ao FC Barcelona como adestrador para a tempada 1934/35. A pesar de guiar ao club a outro Campionato de Cataluña, só puido ser sexto na liga española, e para a tempada seguinte foi substituído polo irlandés Patrick O'Connell.
A continuación pasou por equipos de diferentes países europeos, e tivo un breve paso pola selección olímpica dos Estados Unidos. Adestrou o Académico do Porto en Portugal e o Venus București, co que conquistou a liga romanesa na tempada 1936/37. Tamén en Romanía, dirixiu o Dacia Unirea e o Gloria Galați, e máis tarde o Cracovia polaco.
América do Sur En 1939 emigrou a América do Sur, onde se acabou consolidando como adestrador. En 1939 comezou a primeira das súas tres etapas no Colo-Colo, guiando o equipo a gañar o Campionato de Chile, o segundo da historia do club. En 1940 dirixiu ao River Plate na Arxentina antes de regresar ao Colo-Colo en 1941, gañando un novo Campionato de Chile. En 1941 fíxose cargo da selección chilena, á que dirixiu tanto no Campionato Suramericano de 1942 como no de 1945, acadando no segundo deles o terceiro posto, só por detrás da Arxentina e o Brasil. Durante esa época tamén adestrou outros dous clubs chilenos, o Magallanes e o Santiago Wanderers. En 1949 pasou polo banco do Boca Juniors e en 1953 volveu a Colo-Colo por terceira vez, gañando o seu terceiro Campionato de Chile. Dirixiu á selección chilena noutras dúas etapas máis, en 1950 e 1953.
Regreso ao Barcelona Para a tempada 1955/56 regresou ao FC Barcelona. Liderado no campo por Ladislao Kubala e Luis Suárez, o Barcelona gañou 10 partidos consecutivos de Liga, récord que o club non volveu superar ata medio século despois, cando o conseguiu Frank Rijkaard en 2005. A pesar desta marca, o CF Barcelona só puido ser segundo na Liga por detrás do Athletic de Bilbao. Na tempada seguinte, despois dunha derrota por 1-3 contra o Espanyol nos cuartos de final da Copa, o club rompeu o seu contrato e foi substituído por Josep Samitier.
Últimos anos Despois duns anos no Brasil como observador de xogadores. regresou a Chile, onde en 1965 asumiu o posto de adestrador do San Luis de Quillota, da rexión de Valparaíso, na primeira división, onde puxo fin definitivamente á súa carreira. Faleceu en Santiago de Chile o 2 de setembro de 1983.
Vida persoal Tivo dous irmáns, István Plattkó e Károly Plattkó, que o seguiron a España, onde se consolidaron como adestradores. István adestrou, entre outros, ao Real Valladolid, Granada CF e RCD Mallorca, mentres que Károly pasou tamén polo Valladolid, Celta de Vigo, Girona e Sporting de Gijón.
Palmarés
Como futbolista FC Barcelona Primeira División de España (1): 1928/29. Copa do Rei (3): 1925, 1926, 1928. Campionato de Cataluña (6): 1923/24, 1924/25, 1925/26, 1926/27, 1927/28, 1929/30.
Como adestrador FC Barcelona Campionato de Cataluña (1): 1934/35.
Venus București Liga I (1): 1936/37.
Colo-Colo Primeira División de Chile (3): 1939, 1941, 1953.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do adestrador en BDFutbol . Datos do adestrador en Transfermarkt . Datos do xogador no sitio web do FC Barcelona . Datos do adestrador coa selección chilena .
Categoría:Nados en 1898 Categoría:Nados en Budapest Categoría:Finados en 1983 Categoría:Futbolistas de Hungría Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do MTK Budapest FC Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores do Recreativo de Huelva Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Hungría Categoría:Adestradores de fútbol de Hungría Categoría:Adestradores do FC Barcelona Categoría:Adestradores do CA Boca Juniors Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Chile Categoría:Adestradores do CA River Plate Categoría:Adestradores do Club Social y Deportivo Colo Colo