Augusto da Costa, nado no Río de Xaneiro o 22 de outubro de 1920 e finado na mesma cidade o 1 de marzo de 2004, foi un futbolista brasileiro que xogaba como lateral dereito. Desenvolveu toda a súa carreira entre o São Cristóvão e o Vasco da Gama. Foi internacional coa selección brasileira, á que capitaneou no Mundial de 1950, proclamándose subcampión.
Traxectoria
Como futbolista Comezou a súa carreira como futbolista en 1935 no São Cristóvão, club no que xogou durante oito anos e co que gañou o Torneo Municipal en 1943. En 1940, nun partido contra o Atlético Mineiro, unha entrada súa sobre Dondinho, pai de Pelé, lesionou gravemente a este, que non volveu xogar co club mineiro.
Porén, os seus maiores éxitos logrounos co Vasco da Gama, equipo no que xogou de 1945 a 1954 e do que foi capitán. Co Vasco gañou cinco Campionatos Cariocas (1945, 1947, 1949, 1950 e 1952), así como varios torneos en diferentes xiras por América do Sur, incluíndo o Campionato Suramericano de Campións, considerado o precursor da Copa Libertadores. Disputou 311 partidos co Vasco da Gama, nos que marcou 22 goles.
Selección brasileira Foi internacional coa selección brasileira entre 1946 e 1950, tempo durante o que xogou 20 partidos e marcou un gol. Participou en dous Campionatos Suramericanos, gañando o segundo deles, en 1949, tras golear por 7-0 na final a Paraguai. Durante ese campionato marcou o seu único gol co Brasil, nunha goleada por 7-1 sobre o Perú.
Capitaneou á canarinha no Mundial de 1950, disputando como titular todos os partidos, incluída a derrota no encontro decisivo ante o Uruguai no Maracanã, que pasou á historia co nome de Maracanazo. Foi o seu último partido como internacional, pois non volveu ser convocado.
Como adestrador Rematada a súa carreira como xogador, probou sorte como adestrador. Dirixiu o Guará-DF e foi axudante de Martim Francisco no Vasco da Gama. En xullo de 1957 foi contratado polo Belenenses de Portugal para ocupar o lugar de Fernando Riera. Estivo á fronte do equipo durante só oito xornadas, ata que foi substituído por Helenio Herrera.
Fóra do fútbol traballou como policía dende a súa época de futbolista do São Cristóvão. Formou parte da Policía Militar Especial do Río de Xaneiro e tras deixar o fútbol trasladouse a Brasilia, onde ascendeu a tenente-coronel e comandante da GEB (Garda Especial de Brasilia). Tamén traballou como censor federal, censurando obras artísticas como cancións ou filmes antes e durante a ditadura militar.
Palmarés São Cristóvão Torneo Municipal (1): 1943.
Vasco da Gama Campionato Carioca (5): 1945, 1947, 1949, 1950, 1952. Torneo Octogonal Rivadávia Corrêa Meyer (1): 1953. Campionato Suramericano de Campións (1): 1948.
Selección brasileira Campionato Suramericano (1): 1949. Copa Rio Branco (1): 1947
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador no sitio web da Confederación Brasileira de Fútbol . Arquivado dende o orixinal o 7 de febreiro de 2009.
Categoría:Nados no Río de Xaneiro Categoría:Finados en 2004 Categoría:Nados en 1920 Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Vasco da Gama Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1950 Categoría:Policías do Brasil