O Armstrong Siddeley Sapphire é un motor turborreactor británico producido por Armstrong Siddeley nos anos 50. Foi o derradeiro desenvolvemento do traballo que comezara como o Metrovick F.2 en 1940, evolucionando cara a un deseño de fluxo axial cunha cámara de combustión anular que desenvolvía máis de 49 kN. Equipou ás primeiras versións dos Hawker Hunter e Handley Page Victor, e a todos os Gloster Javelin. Tamén foi fabricado baixo licenza nos Estados Unidos por Wright Aeronautical como o J65, impulsando a varios deseños estadounidenses. O principal competidor do Sapphire foi o Rolls-Royce Avon.
Deseño e desenvolvemento A evolución do deseño do Sapphire comezou en Metropolitan-Vickers (Metrovick) en 1943 como un derivado do proxecto F.2. Co F.2 acadando en voo uns 7 100 N, Metrovick cambiou a produción a deseños máis grandes, tanto un F.2 ampliado coñecido como o Beryl, como o moito máis grande F.9 Sapphire. Os nomes escolléronse tras unha decisión de usar xemas para futuros nomes de motores. O Beryl finalmente desenvolveu 18 kN de pulo, pero o único proxecto que o seleccionou, o Saunders-Roe SR.A/1, foi cancelado. O Ministerio de Abastecemento designou ao F.9 como MVSa.1.
En 1948 Metrovick saíu da industria dos motores a reacción."armstrong siddeley | gloster javelin | 1956 | 0017 | Flight Archive". www.flightglobal.com.Gunston 1989, p.102 Armstrong Siddeley, que xa tiña un desenvolvemento de turbina propio, o ASX, fíxose cargo do MVSa.1, agora chamado ASSa.1.
Tras un redeseño xurdiu como o ASSa.2. En decembro de 1949 o ASSa.2 completou unha proba de aceptación a 32 800 N. O seu competidor, o Avon Ra.3, tiña un pulo de 29 000 N nesa época. Varias compañía amosaron interese no Sapphire, e considerouse o motor principal ou de respaldo para moitos deseños británicos de finais dos 40 e principios dos 50.
O ASSa.5 con 33 000 N de pulo usouse só no English Electric P.1A, prototipo do Lightning. Instalouse unha tobeira simple fixa con posqueimador para ampliar o límite de rendemento para as probas de estabilidade e control dende aproximadamente Mach 1,1 ata máis aló de Mach 1,5. Versións futuras do Lightning equipáronse co Avon.
O ASSa.6 de 37 000 N usouse nos Gloster Javelin FAW Mk.1, Hawker Hunter F.Mk.2 e F.Mk.5, e no prototipo do Sud Ouest SO 4050 Vautour. O ASSa.7 de maior pulo, 49 kN, foi o primeiro motor británico en ser cualificado por riba dos 44 kN e equipou aos Gloster Javelin FAW Mk.7, Handley Page Victor B.Mk.1 e a un prototipo do cazabombardeiro suízo FFA P-16.
O compresor do Sapphire funcionaba ben, sen sobretensións, en todo o seu rango de RPM sen a necesidade de álabes guía de entrada variables (VIGV) ou purga. Porén, as primeiras etapas do compresor sofrían de fatiga debido á parada rotatoria a baixas RPM e tiveron que incorporarses varios arranxos, como arames de amarre. Curtiss-Wright introduciu ramplas variables no Wright J65 na entrada do compresor para evitar o estancamento e a oxcitación dos álabes. Armstrong-Siddeley probou unha solución semellante no Sapphire pero incorporou cambios nos álabes en vez de reducir a resposta dos mesmo ao estancamento.
Peter Caygill di que un dos problemas máis serios atopados no Gloster Javelin foi causado polo "peche da liña central" no motor Sapphire. Voar a través dunha nube espesa podía causar que a carcasa do compresor encollese e rozase os álabes causando un fallo catastrófico no motor e a perda do avión. Este problema tamén causou o fallo dun Sapphire nun Victor B.1.
Para o ASSa.7 do Javelin requiríase un posqueimador con impulso limitado, converténdose no ASSa.7LR. Precisábase un 12% de impulso a grandes altitudes para recuperar o rendemento de interceptación de bombardeiros que se perdera ao cargar os novos mísiles de Havilland Firestreak.
Notas
Bibliografía
Gunston, Bill. World Encyclopedia of Aero Engines. Cambridge, England. Patrick Stephens Limited, 1989.
Categoría:Turborreactores