Valerii Ivanovich Voronin (en ), nado en Moscova o 17 de xullo de 1939 e finado na mesma cidade o 22 de maio de 1984, foi un futbolista soviético. Considerado un dos centrocampistas máis completos da década de 1960, militou durante toda a súa carreira no Torpedo Moscova e foi 63 veces internacional coa selección soviética. En ocasións xogaba tamén como defensa central.
Traxectoria
Comezos Comezou a xogar ao fútbol en 1952, no equipo infantil no club da fábrica Kauchuk, e máis tarde entrou no FShM, equipo xuvenil do que saíron outros destacados futbolistas como Igor Chislenko ou Vladimir Fedotov.
Torpedo Moscova En 1958 debutou co Torpedo Moscova na Primeira División da Unión Soviética. Dous anos despois foi un dos artífices da conquista por parte do equipo tanto da liga como da Copa da URSS, tras derrotar na final desta última ao Dinamo Tbilisi. Repetiu título de liga na tempada 1965.
Militou no club moscovita ata 1969, sendo elixido futbolista soviético do ano en dúas ocasións, en 1964 e 1965. Neses dous anos foi tamén incluído pola revista France Football na súa lista dos 10 mellores futbolistas de Europa, no décimo e no oitavo lugar respectivamente.
Selección soviética Foi 63 veces internacional coa selección soviética, coa que debutou en 1960, nun partido contra Hungría. Disputou co equipo da URSS as Copas do Mundo de 1962 e 1966, sendo elixido no Once Ideal do torneo en ámbalas ocasións. Disputou a Eurocopa de 1964 e foi titular na final, onde perdeu ante España.
Voronin estaba considerado un individualista que ás veces entraba en conflito coa ética da selección soviética. Foi expulsado do equipo nacional en 1968 polo seleccionador Mikhail Yakushin, por ter violado o regulamento da selección.
Últimos anos e asasinato En maio de 1968 viuse implicado nun grave accidente de tráfico, cando o Volga que conducía chocou contra un camión. Estivo á beira da morte, pero acabou recuperándose, aínda que precisou de varias cirurxías plásticas. Con todo, o accidente deixouno marcado psicoloxicamente, e só disputou 8 partidos máis, tendo tempo aínda a marcarlle un gol de libre directo ao histórico gardameta do Dinamo de Moscova, Lev Iashin.
Trala súa retirada definitiva abusou do alcohol e en maio de 1984 foi atopado asasinado á beira dunha estrada, cun golpe na cabeza. A investigación do seu asasinato nunca atopou culpables.
Palmarés Torpedo Moscova Primeira División da Unión Soviética (2): 1960, 1965. Copa da Unión Soviética (2): 1960, 1965.
miniatura|Panteón de Voronin no cemiterio de Danilovskii
Notas
Categoría:Nados en Moscova Categoría:Nados en 1939 Categoría:Finados en 1984 Categoría:Futbolistas de Rusia Categoría:Futbolistas da Unión Soviética Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Torpedo Moscova Categoría:Xogadores da selección de fútbol da Unión Soviética Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966