Ely do Amparo, coñecido simplemente como Ely, nado en Paracambi o 14 de maio de 1921 e finado no Río de Xaneiro o 9 de marzo de 1991, foi un futbolista brasileiro, que xogaba como defensa. Foi internacional coa selección brasileira, coa que disputou dúas Copas do Mundo (1950 e 1954).

Traxectoria Comezou a súa carreira no America, en 1939, pasando en 1940 ao Canto do Rio, no que militou durante cinco anos.

En 1945 fichou polo Vasco da Gama, onde formou parte do chamado Expresso da Vitória, o equipo do Vasco que conquistou varios títulos nas décadas de 1940 e comezos de 1950. Disputou un total de 367 partidos co club e gañou cinco veces o Campionato Carioca (en 1945, 1947, 1949, 1950 e 1952). En 1948 proclamouse campión do histórico Campionato Suramericano de Clubs, considerado o antecesor da Copa Libertadores.

En 1953 foi traspasado ao Sport, co que gañou dous Campionatos Pernambucanos antes de retirarse en 1955.

Selección brasileira Foi 19 veces internacional coa selección brasileira, coa que debutou en 1949. Ese mesmo ano disputou o Campionato Suramericano, proclamándose campión tras derrotar na final a Paraguai. Foi parte do equipo brasileiro no Mundial de 1950, onde foi titular no partido inaugural do seu equipo ante México, formando liña defensiva xunto con Augusto e Juvenal. Non disputou máis partidos naquel torneo, no que o seu equipo acabou segundo despois de perder ante o Uruguai no Maracanazo.

Formou parte do equipo que gañou o Campionato Panamericano en 1952. Acudiu coa selección tamén ao Mundial de 1954, pero non chegou a xogar ningún encontro.

Palmarés Vasco da Gama Campionato Carioca (5): 1945, 1947, 1949, 1950, 1952. Torneo Octogonal Rivadávia Corrêa Meyer (1): 1953. Campionato Suramericano de Clubs (1): 1948.

Sport Campionato Pernambucano (2): 1953, 1955.

Selección do Brasil Copa América (1): 1949. Campionato Panamericano (1): 1952.

Notas

Categoría:Nados no estado do Río de Xaneiro Categoría:Nados en 1921 Categoría:Finados en 1991 Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Vasco da Gama Categoría:Xogadores do Sport Club do Recife Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1950 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1954