miniatura|Impresión, sol nacente (1874). Claude Monet tamén coñecido como Oscar-Claude Monet ou Claude Oscar Monet, nado en París o 14 de novembro de 1840 e finado en Giverny, Francia, o 5 de decembro de 1926, foi un pintor impresionista francés e un dos creadores deste movemento.

As súas primeiras obras son de estilo realista, e na metade da década de 1860 comeza a pintar obras impresionistas. Este cambio provocoulle problemas económicos, xa que se desviaba do gusto marcado polas academias de arte da época.

Traxectoria Nos anos inmediatamente anteriores á guerra de 1870 un grupo de pintores, Monet, Camille Pissarro, Alfred Sisley e Pierre Auguste Renoir sitúanse á marxe de calquera remedo das tendencias precedentes e realizan unha nova pintura, que o crítico Louis Leroy denominou despectivamente no xornal Le Charivari impresionismo, inspirándose no título dunha obra de Monet exposta en 1874, Impresión, sol nacente.

miniatura|Regatas en Argenteuil (1874). A xustaposición de pinceladas de distinta cor busca lograr que a retina compoña logo as verdadeiras tonalidades que conduza a un novo realismo.

Monet foi o pintor máis orixinal e principal representante das conquistas técnicas e estéticas do grupo. Sen os matices políticos ou sociais dos realistas, por medio dunha concepción estritamente pictórica, Monet busca a realidade cromática e formal baixo os efectos da luz. Na base da súa arte está o desligarse do estudo de pintura, buscando o aire libre para pintar e o colorido claro; a luz transforma e altera as cores e tamén as propias formas, de tal xeito que a paisaxe e os seus elementos xorden como visións instantáneas que non se volverán repetir. Unha preocupación primordial para Monet vai ser o estudo dos reflexos da luz na auga (coma na súa serie de óleos As ninfeas), que ten unha consistencia real semellante á dos elementos reflectidos. Esta linguaxe acadou a súa maior pureza nos anos que pasou en Argenteuil (1872-1878).

Influencia As obras de Monet foron unha gran fonte de inspiración para pintores impresionistas coma Pierre-Auguste Renoir, e outros máis contemporáneos coma Mark Rothko, Willem de Kooning ou Jackson Pollock (as súas grosas texturas de cor recordan as obras tardías de Monet).

Na literatura O novelista francés Marcel Proust deixouse inspirar pola obra de Monet. Proust era afín ao impresionismo en xeral e en particular admiraba as obras de Monet, aínda que nos seus libros non mencionaba ningunha obra en concreto. O novelista describe na súa obra En busca do tempo perdido os fenómenos que Manet capturaba no lenzo, o narrador dá as súas impresións das nubes e o mar no balneario fictício de Balbec. Na novela Jean Santeuil, menconase a Monet en varias ocasións cando un coleccionista de Ruán compra algúns dos seus cadros. O narrador describe con este motivo os sentimentos que nel despertan as obras do pintor.

No cine Na película Ceux de chez nous, do director Sacha Guitry móstrase a vida cultural francesa da primeira guerra mundial. Está centrada sobre todo en Renoir, pero tamén se pode ver a Claude Monet pintando un dos cadros da famosa serie As ninfeas.

Fanse referencia a algunhas das súas obras no filme do ano 2001 Vanilla sky, do director Cameron Crowe e en The Thomas Crown Affair, dirixido por John McTiernan en 1999.

No cómic En 2017 publícase unha novela gráfica que narra os primeiros anos do pintor ata o seu establecemento en Giverny, obra do guionista Salva Rubio e o debuxante Ricard Efa, pintada enteiramente en gouache. En España foi publicada por Norma Editorial.

Notas

Véxase tamén Impresionismo

Categoría:Pintores de Francia Categoría:Pintores impresionistas Categoría:Nados en 1840 Categoría:Finados en 1926 Categoría:Nados en París Categoría:Finados por cancro de pulmón