Tranquility Base Hotel & Casino é o sexto álbum de estudio da banda inglesa de indie rock Arctic Monkeys, publicado o 11 de maio de 2018 a través do selo Domino Recording Company. Foi composto polo líder do grupo Alex Turner en 2016 nun piano Steinway Vertegrand na súa casa dos Ánxeles. Gravouse nos Anxeles, París e Londres coa produción do habitual colaborador da banda James Ford e de Turner, xunto con varios músicos invitados como Tom Rowley, Loren Humphrey, James Righton, Zach Dawes, Tyler Parkford e Cam Avery. Turner deseñou tamén a portada do disco, que representa o resort con recortes de cartón e un gravador de cinta. O seu título fai referencia a Tranquility Base, o lugar da aluaxe do Apollo 11 en 1969.

Tranquility Base Hotel & Casino afástase bastante do anterior son guitarreiro da banda, sendo menos accesible que o seu exitoso predecesor AM (2013). Conta cun son rico que encarna ao pop psicodélico, lounge pop, space pop, e glam rock, e ten tamén elemento do jazz. Tamén ten influencias de soul, rock progresivo, funk, pop francés e música de películas dos 60. Instrumentalmente incorpora sintetizadores vintage e teclados, incluídos órganos, pianos, clavicémbalos e dolceola, ademais de Orchestron, Farfisa e RMI Rocksichord. A banda introduciu en varios temas guitarra barítona e lap steel, ademais de guitarras acústicas e eléctricas usadas normalmente polo grupo, xunto con distintos instrumentos de percusión como timbais rotatorios e vibráfonos. O seu contido lírico está fortemente influenciado pola ciencia ficción e o cine, explorando consumismo, política, relixión e tecnoloxía a través do concepto dun resort de luxo na Lúa fala dende a perspectiva de varios personaxes, como o cantante da banda residente en "Star Treatment" ou o recepcionista do hotel no tema "Tranquility Base Hotel & Casino".

A pesar de que a súa desviación estilística polarizou aos oíntes, Tranquility Base Hotel & Casino tivo polo xeral boas críticas e foi nomeado mellor álbum de 2018 pola revista Q. Foi nomeado ao Mercury Prize de 2018 e ao Grammy a mellor álbum de música alternativa. O sinxelo "Four Out of Five" foi nomeado ao Grammy a mellor interpretación de rock. Converteuse no sexto número 1 consecutivo da banda no Reino Unido, o vinilo máis rapidamente vendido no país en 25 anos, e o terceiro top 10 nos Estados Unidos. O disco tamén chegou ao número 1 nas listas de Australia, Bélxica, Países Baixos, Francia, Grecia, Portugal, Escocia e Suíza. Tras o seu lanzamento, o álbum foi promovido polos sinxelos "Four Out of Five" e "Tranquility Base Hotel & Casino", así como por unha xira global e múltiples aparicións en televisión.

Listaxe de cancións

Notas

Categoría:Álbums de Arctic Monkeys Categoría:Álbums musicais de 2018 Categoría:Álbums producidos por James Ford Categoría:Álbums de Domino Records