Raúl Vázquez García, coñecido como Raoul Vázquez, nado en Montgat o 19 de marzo de 1997, é un cantante e compositor español. Comezou a gañar notoriedade a finais de 2016 coa súa participación na cuarta edición do programa de televisión La voz. O seu ascenso á fama chegou un ano despois, a finais de 2017, cando participou na novena edición de Operación Triunfo.
É irmán do futbolista Álvaro Vázquez.
Traxectoria
Inicios Naceu na localidade barcelonesa de Montgat, nunha familia de orixe galega, con raíces en Lugo e Portomarín, sendo o segundo fillo de Susana García e Manuel Vázquez. O seu irmán máis vello é o futbolista Álvaro Vázquez. Aos 14 anos mudouse xunto coa súa familia a Swansea, despois de que seu irmán fose cedido do Getafe ao Swansea City. Aínda que sempre quixo ser cantante, non foi ata os 16 anos cando unha mestra o motivou para tomar clases de canto e interpretación e para asistir a audicións. Así comezou a súa formación na técnica vocal que continuaría tralo seu regreso a España. Foi durante a súe etapa en Gales cando engadiu un "o" ao seu nome, converténdoo en "Raoul".
La Voz 2016 En outubro de 2016 presentouse ás "audicións a cegas" do programa de talentos La voz emitido por Telecinco, interpretando "Jar Of Hearts" de Christina Perri, conseguindo que Melendi o seleccionase para o seu equipo. Enfrontouse na fase de batalla contra o seu compañeiro Job Navarrete interpretando a canción "Impossible" de James Arthur, logrando eliminalo e pasar de rolda. Finalmente foi eliminado ás portas dos cuartos de final coa súa interpretación de "I'm Not The Only One" de Sam Smith. Malia ser eliminado, Melendi pediulle a Universal Music que lle cedese a carreira de Raoul para axudarlle a publicar o seu primeiro traballo no mercado. Nesa mesma edición coincidiu coa daquela descoñecida Belén Aguilera.
Operación Triunfo 2017 Na primavera de 2017, mentres traballaba nun hotel de Eivisa transportando equipaxes e como cantante, presentouse ás audicións de Operación Triunfo, programa que volvía a TVE despois de seis anos sen se emitir. En outubro foi seleccionado para ingresar na academia defendendo en directo, durante a primeira gala da edición, «Catch and Release» de Matt Simons. Durante a edición destacou a súa versión de "Million Reasons" de Lady Gaga. Finalmente foi o sétimo expulsado do programa, co 46% dos votos, fronte ao 54% do ourensán Cepeda. Unha vez finalizado o certame, os 16 participantes da edición iniciaron unha xira de 25 concertos por toda España, entre febreiro e decembro de 2018, actuando en escenarios como o estadio Santiago Bernabéu, ante 60.000 persoas, ou tres veces no Palau Sant Jordi, ante un total de 51.000 persoas. Durante os concertos interpretou co resto dos concursantes cancións corais, "Million Reasons" en solitario, e "Manos vacías" de Miguel Bosé a dúo co seu compañeiro Agoney.
2018 - presente Despois de pasar por Operación Triunfo asinou con Universal Music para iniciar a súa carreira como cantante. Durante o primeiro semestre de 2018 traballou xunto a tres compañeiros de OT (Mimi Doblas, Nerea Rodríguez e Agoney) na formación dun grupo musical baixo o nome "Delta". Con todo, o proxecto foi descartado e cada un emprendeu o seu camiño en solitario. miniatura| Raoul Vázquez no Wizink Center de Madrid, CCME 2018. Presentando o seu primeiro sinxelo En outubro de 2018 participou no festival Coca-Cola Music Experience, celebrado no WiZink Center de Madrid, onde estreou unha versión previa do seu primeiro sinxelo "Estaré ahí" ante 15.000 persoas. Ademais, durante ese mesmo mes, uniuse a Javier Calvo e Javier Ambrossi no musical La Llamada, representado no Teatro Lara, onde interpretou a personaxe de Deus desde outubro de 2018, saíndo de xira por toda España durante 2019. En decembro de 2018 lanzou "Tus monstruos" coa súa amiga Belén Aguilera, unha canción composta por ela mesma que xa lanzara en solitario no outono dese mesmo ano. En xuño de 2019 publicou "Estaré ahí", o seu primeiro sinxelo en solitario, unha balada da que é intérprete, compositor e coprodutor, baseada nas vivencias persoais do artista. O videoclip conseguiu máis de 200.000 visualizacións en Youtube ao longo do primeiro día de lanzamento e o sinxelo fíxose co primeiro posto en todas as plataformas de venda dixital. En 2019 estreou xunto a Nerea Rodríguez a canción "Por Ti" que forma parte da banda sonora da película "Terra Willy: Planeta desconocido" cuxos ingresos foron destinados á fundación Pequeño Deseo.
A principios de 2020 realizou unha xira chamada "#3Tour" xunto cos seus compañeiros Nerea Rodríguez e Ricky Merino, ofrecendo catro concertos nas cidades de Barcelona, Bilbao, Málaga e Madrid. En febreiro de 2020 participou como convidado de Nerea Rodríguez en Tu cara me suena para imitar con ela a Shawn Mendes e Camila Cabello na canción "Señorita". En setembro dese mesmo ano, Raoul publicou o sinxelo “Pídeme”, xunto a Mireya Bravo, tamén integrante de Operación Triunfo, que se converteu no número 1 das listas de iTunes España e de Amazon Music. En xuño de 2021, xunto ao DJ Hektor Mass, lanzou o sinxelo "Caníbales" acadando o número 1 das listas de iTunes en España e na Arxentina.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados na provincia de Barcelona Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Españois de ascendencia galega Categoría:Cantantes de Cataluña Categoría:Concursantes de Operación Triunfo