María Luisa Palop, nada en Benissa (Alacant) en 1900 e finada na mesma localidade en 1973, foi unha pintora alicantina.

Sentíase atraída pola paisaxe mediterránea e a comarca de La Marina. Reproduciu coa técnica do impresionismo o Penyal d'Ifac, as montañas da Serra d'Aitana, a montaña de Puigcampana e paisaxes e escenas tradicionais. Na súa obra vense influencias do impresionismo local co esquematismo e a sinxeleza do modernismo. Traxectoria

María Luisa estudou na Real Academia de Belas Artes de San Carlos de Valencia na década de 1920. Discípula do pintor Ramon Stolz, participou en diversas exposicións colectivas no Cercle de Belles Arts e na Sala Blava. En 1926 gañou un premio extraordinario na Exposición do Círculo de Belas Artes por un tapiz pintado, copia dunha Madonna de Rafael. En 1932 presentou a obra Flores y frutas na Exposición Nacional de Bellas Artes de Madrid e en 1933 formou parte da I Exposición de artistas valencianos reunidos nas Galeries Empòrium de Barcelona.

En 1934 presentou a obra Cactus na Exposición Nacional de Belas Artes, que ilustraba o catálogo do certame. Participou de novo na primeira edición despois da Guerra Civil en 1941, cun bodegón de flores e froitos. Nesa edición coincidiu con artistas como Xulia Minguillón (quen gañou a primeira medalla), Marisa Roesset (medalla de segunda categoría), María Revenga, María del Carmen Corredoyra, Carlota Fereal e Rosario de Velasco. En 1945 participou na exposición Pintores Valencianes, organizada pola asociación cultural Lo Rat Penat.

Na actualidade moitas das súas obras pertencen a coleccións privadas ou están expostas en museos de varios países.

Notas

Categoría:Escultores da Comunidade Valenciana Categoría:Nados en 1900 Categoría:Nados na provincia de Alacant Categoría:Finados en 1973 Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Escultores do século XX