Ramón Serrano Suñer, nado en Cartaxena o 12 de setembro de 1901 e finado en Madrid o 1 de setembro de 2003, foi un político e avogado español, coñecido polo seu papel durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura franquista.

Durante a Segunda República foi deputado nas Cortes republicanas. Neses anos mantivo contactos con numerosas personalidades políticas da época, como José Antonio Primo de Rivera ou José María Gil Robles, líder da CEDA. Tras o estalido da Guerra Civil foi detido e encarcerado, aínda que conseguiría escapar á zona sublevada.

Era coñecido popularmente como o Cuñadísimo (era cuñado de Carmen Polo, esposa de Francisco Franco). Ramón Serrano Suñer foi o principal autor da construción do «Novo Estado» organizado arredor da figura de Franco, o que incluíu numerosas leis e decretos. Entre 1938 e 1942 foi seis veces ministro nos primeiros gobernos franquistas. Ocupou as carteiras de Gobernación e Asuntos Exteriores e presidiu a Xunta Política da Falange Española Tradicionalista y de las JONS nese período. Tamén participou na fundación da ONCE e a Axencia EFE.

Durante a segunda guerra mundial mantivo unha estreita relación coa Alemaña nazi e promoveu o envío da División Azul, unha unidade militar integrada na Wehrmacht, para loitar contra a URSS. Froito do seu labor diplomático reforzouse a cooperación política e policial entre ambos Estados. Estivo presente na Entrevista de Hendaia entre Franco e Hitler o 23 de outubro de 1940.

O seu papel no goberno e na Falanxe xeroulle moitos inimigos dentro do Réxime. Co declive da Alemaña nazi tamén decaeu a súa boa estrela política. Foi destituído en 1942 e marxinado polo Réxime.

Traxectoria Primeiros anos Nado en Cartaxena, era fillo de José Serrano Lloveres e de Carmen Suñer Font de Mora. A familia paterna era orixinaria de Tivissa (Tarragona) e a materna de Gandesa (Tarragona). O pai era un enxeñeiro de camiños destinado temporalmente en Cartaxena. Tamén o estivera en Castelló de la Plana e finalmente en Madrid. Precisamente, na Universidade Central cursou Ramón a carreira de Dereito, da que se licenciou con premio extraordinario en 1923.

Presidiu a Asociación Profesional de Estudantes. Na facultade coñeceu a José Antonio Primo de Rivera, secretario da mesma asociación estudantil, fillo do ditador Miguel Primo de Rivera e posterior fundador da Falanxe Española. Serrano era bo amigo de José Antonio (xunto con Raimundo Fernández Cuesta sería o seu testamenteiro) e compartía con el o republicanismo inicial e as ideas de subversión do poder establecido. A súa ideoloxía derivou nunha admiración á Italia fascista de Benito Mussolini.

Gañou por oposición unha praza de avogado do Estado cando era aínda menor de idade. Foi destinado a Castelló, mais unhas semanas despois pasou a Zaragoza, onde se instalaría por varios anos. Coñeceu alí a Ramona «Zita» Polo, cuxa irmá, Carmen, estaba casada co xeneral Franco, naquela época director da Academia Xeral Militar. Tras uns anos de noivado, contraeron matrimonio o 6 de febreiro de 1932. A voda tivo lugar en Oviedo, cidade de orixe e residencia da noiva, na igrexa San Juan el Real. Por parte do noivo foron testemuñas Franco e José Antonio Primo de Rivera, quen se coñeceron con ocasión desta cerimonia.

Segunda República Serrano Suñer entrou oficialmente en política en 1931. Presentouse ás Cortes republicanas por Zaragoza para ocupar o escano que deixara libre Niceto Alcalá-Zamora, quen tamén saíu elixido por Xaén e optou por representar esa circunscrición. A súa candidatura, improvisada polo sector máis poderoso da economía local, tomou o nome de Unión de Dereitas de Zaragoza, aínda que finalmente non saíu elixido. Volveu presentarse por Zaragoza nos comicios de 1933. Desta volta logrou un escano coaligado na Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA). Malia inscribirse na minoría parlamentaria da CEDA, non se converteu en membro formal da formación. Iso non lle impediu participar na concentración da CEDA en El Escorial en abril de 1934, onde deu un discurso no que criticou duramente a «dexeneración» das democracias.

Serrano Suñer alcanzaría a madurez da súa formación política e ideolóxica durante a Segunda República. Tal e como sinala Gonzalo Redondo, era unha persoa eminentemente conservadora e de dereitas, procedente das filas do maurismo, e na práctica máis próximo aos postulados de Acción Española que da CEDA.

Coñeceu ben a José María Gil Robles, aínda que non chegaron á amizade polas súas diverxencias ideolóxicas e metodolóxicas. Seguiu en contacto con José Antonio Primo de Rivera, que entón xa era deputado nas Cortes e líder da Falange Española de las JONS. Nas eleccións de 1936 Serrano volveu obter acta de deputado por Zaragoza. En datas previas aos comicios (que gañou a coalición da Fronte Popular) organizou unha reunión entre o xeneral Franco e José Antonio Primo de Rivera, encontro que finalmente non tivo éxito. Serrano Suñer comentaría sobre aquela reunión:

As eleccións tiveron que repetirse nas circunscricións de Cuenca e Granada, polo que a CEDA ofreceulle a Franco un posto na lista por Cuenca coa garantía de saír elixido, o cal aceptou. Porén, na mesma lista presentábase José Antonio Primo de Rivera, que non admitiu compartir lista con Franco e vetouno. Por consello de Primo de Rivera, Serrano Suñer viaxou a Canarias (onde se atopaba destinado Franco como comandante xeral do arquipélago) coa misión, en teoría, de convencer o seu cuñado para retirarse. Tras unha longa conversa con Franco, malia os titubeos do seu cuñado, Serrano logrou finalmente que este renunciase a presentarse. Franco, con todo, non quedou satisfeito coa situación e, de feito, a súa opinión sobre Primo de Rivera empeorou.

Daquela José Antonio atopábase en prisión e as actividades da Falanxe ficaran suspendidas por orde xudicial. Serrano Suñer visitou o seu antigo amigo no cárcere, mentres que nas Cortes realizou unha decidida defensa da acta de deputado que Primo de Rivera non lograra por Cuenca por apenas uns centos de votos. Amais realizou algunha xestión ante o presidente das Cortes, Diego Martínez Barrio, para conseguir o traslado de Primo de Rivera a unha prisión no norte, como Burgos ou Gasteiz. Malia non converterse formalmente en membro de Falange Española de las JONS, na primavera de 1936 animou a militancia das Juventudes de Acción Popular a unírense en masa á Falanxe.

Serrano tivo coñecemento da conspiración cívico-militar que estaba en marcha contra o goberno da Fronte Popular. O 14 de xullo (o día seguinte ao asasinato de José Calvo Sotelo) reuniuse en Madrid co seu amigo José Finat para entregarlle uns documentos confidenciais que debía entregarlle ao líder principal da conspiración, o xeneral Emilio Mola, con quen de feito se entrevistaría Finat en Pamplona.

A guerra civil O estalido da guerra civil sorprendeu a Serrano Suñer en Madrid, xunto á súa familia, debido ao recente falecemento do seu pai. Tras comprobar a difícil situación que existía na cidade polo fracaso da sublevación alí, aceptou o ofrecemento do exministro republicano Ramón Feced de aloxarse con el na súa vivenda, o que lle ofrecía unha certa garantía fronte a posíbeis perigos. Porén, malia a súa condición de parlamentario, axiña foi detido. Foi recluído no Cárcere Modelo polas autoridades republicanas, onde xa se atopaban numerosos presos dereitistas e falanxistas.

O 22 de agosto de 1936 unha turba violenta asaltou a prisión e provocou unha matanza de prisioneiros. Alí foi testemuña do fusilamento dos falanxistas Fernando Primo de Rivera e Julio Ruiz de Alda, amigos seus. Meses despois conseguiu a través de amigos o traslado baixo custodia a unha clínica privada, por unha presunta ou real úlcera gástrica. O ministro sen carteira Manuel de Irujo autorizou dito traslado. O 20 de xaneiro de 1937 logrou fuxir vestido de muller e refuxiouse na legación diplomática dos Países Baixos. Desde alí, cun falso salvoconduto de militar republicano, chegou até Alacant para reunirse coa súa muller e cos seus fillos, José e Fernando. Trasladado ao consulado arxentino, posteriormente embarcou nun buque de guerra arxentino, o destrutor Tucumán, que o levou a Marsella.

Serrano aínda descoñecía que os seus irmáns máis vellos, recluídos no cárcere de Las Ventas, foran sacados e asasinados nas tapias do cemiterio de Aravaca. Este asasinato afectouno profundamente e provocou nel un profundo resentimento cara ao bando republicano. Segundo o historiador Hugh Thomas, a embaixada francesa rexeitara concederlles asilo político, o que acabaría xerando en Serrano Suñer un forte odio cara a Francia.

Desde Marsella cruzou o sur de Francia até chegar a Biarritz e pasou á zona baixo control franquista a través do posto fronteirizo de Hendaia. Conseguiu chegar a Salamanca, capital provisional do bando sublevado, o 20 de febreiro de 1937. Alí foi acollido polo seu cuñado, recentemente nomeado Xefe do Estado e «Xeneralísimo dos Exércitos». Serrano e a súa familia serían instalados por Franco nunha dependencia do palacio arcebispal. A través da relación entre Carmen Polo e a súa irmá Zita, Serrano Suñer empezou unha estreita relación con Franco. Ambos adoitaban manter frecuentes faladoiros políticos. Coa súa formación xurídica e a súa experiencia política, Serrano foi influíndo de forma decisiva sobre o seu cuñado. En pouco tempo desprazou a Nicolás Franco como primeiro conselleiro do «Xeneralísimo» e o seu crecente poder fixo que a poboación se referise a el como «Cuñadísimo».

Aínda que Franco era o xefe absoluto, na zona sublevada aínda continuaban activos varios grupos políticos. Na primavera de 1937 xa había en curso negociacións entre estes para acadar a unificación política, malia seguiren a existir fortes diverxencias ideolóxicas entre falanxistas e carlistas. Serrano mostrábase partidario da devandita unificación, e de feito a súa chegada a Salamanca acelerou o proceso. O propio Serrano mantivo varias entrevistas con dirixentes políticos e militares da zona sublevada, con quen coincidiu na necesidade da unificación. Algúns autores tamén sinalaron ao tenente de enxeñeiros Ladislao López Bassa como un dos autores ideolóxicos do estabelecemento dunha «Falanxe unificada e franquista».

Aproveitando un conflito no seo da Falanxe, o 19 de abril o Cuartel xeral de Franco promulgou o Decreto de Unificación que fusionou a Falanxe coa Comuñón Tradicionalista nun novo partido único: a Falange Española Tradicionalista y de las JONS (FET y de las JONS). O resto de formacións políticas desapareceron ou integráronse no novo partido. Pola súa banda, o líder falanxista Manuel Hedilla e os seus partidarios resistíronse ás disposicións do decreto, polo que acabaron sendo detidos. Máis adiante Hedilla foi xulgado e condenado á morte, aínda que Franco acabou por lle conceder o indulto, entre outros, por consello de Serrano.

Xa convertido nun estreito colaborador de Franco, Serrano desenvolveu diversas e importantes responsabilidades malia non ocupar ningún cargo. Como dirixente político, chegou a fabricarse un pasado «falanxista», o cal reforzaba a través da amizade que mantivera con José Antonio nos anos de Universidade. Serrano converteuse no home forte da consolidación do incipiente réxime franquista.