Waldino Varela Martínez, nado en Teis (Vigo) en 1930 e finado en Vigo o 8 de agosto de 2022, foi un traballador metalúrxico, político e sindicalista galego.
Traxectoria sindical Comezou a traballar como montador de instalacións xunto cun tío seu, de militancia anarquista, quen o introduciu á escoita de emisoras de radio clandestinas, como Radio Moscova Internacional ou Radio Pirenaica. Aos 14 anos ingresou como aprendiz nos estaleiros Vulcano, onde entrou en contacto con traballadores procedentes da zona republicana e mesmo cristiáns concienciados da necesidade dun cambio social. No estaleiro vigués, Waldino Varela e outros traballadores crearon o xermolo do que máis tarde serían as Comisións Obreiras, co obxectivo de infiltrarse no Sindicato Vertical e lograr distintas melloras laborais.
En 1972, con motivo dunha folga xeral que paralizou Vigo entre o 11 e o 26 de setembro dese ano, Waldino Varela foi despedido da súa empresa, igual ca outros case seis mil traballadores (finalmente, catrocentos).
Tras a legalización dos sindicatos en 1977, Varela converteuse no primeiro secretario xeral de CCOO na provincia de Pontevedra. A súa militancia político-sindical valeulle formar parte da lista de persoas fusilables que manexaban os golpistas do 23-F.
Traxectoria política No ámbito político, Varela foi militante do Partido Comunista e concelleiro en Vigo por esta organización na primeira corporación democrática, electa en 1979.
Vida persoal
Os seus pais eran Santos Varela Gómez, patrón de costa natural da provincia de Lugo, e a traballadora da conserva Elodia Martínez Montenegro. Nos anos cincuenta casou con Julia Domínguez, con quen tivo unha filla e un fillo. Faleceu en Vigo o 8 de agosto de 2022, aos 92 anos de idade.
Notas
Categoría:Sindicalistas de CCOO de Galicia Categoría:Concelleiros de Galicia polo PCE Categoría:Concelleiros de Vigo Categoría:Concelleiros de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en 1930 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Finados en 2022 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes