En bacterioloxía, un taxon disfrazado (taxon in disguise) é unha especie, xénero ou unidade superior da clasificación biolóxica cuxa historia evolutiva revela que evolucionou a partir doutra unidade de rango similar ou inferior, o que fai que a unidade parental sexa parafilética. Iso ocorre cando unha evolución rápida fai que apareza unha nova especie que é radicalmente diferente do grupo ancestral que xa non se pode recoñecer (polo menos superficialmente) que pertence ao grupo filoxenético parental, que queda como un grao evolutivo.
Aínda que o termo procede da bacterioloxía, existen exemplos paralelos en toda a árbore da vida. Por exemplo, os animais tetrápodos evolucionaron a partir de devanceiros peixes pero desde entón xa non se consideran xeralmente dentro dos peixes, e poden considerarse "peixes disfrazados".
En moitos casos, a parafilia pode resolverse reclasificando o taxon en cuestión dentro do grupo parental. Porén, en bacterioloxía, como en certos casos renomear os grupos pode ter graves consecuencias pola confusión que pode causar en medicina sobre a identidade de patóxenos, coñecidos desde hai moito tempo polo seu nome actual, xeralmente evita facerse isto para algúns grupos.
Exemplos
Shigella
Especies do xénero bacteriano Shigella causan a disentería chamada shigelose, unha infección que pode ser grave, que mata arredor dun millón de persoas cada ano no mundo.World Health Organization. Shigellosis. O xénero (que comprende S. dysenteriae, S. flexneri, S. boydii, S. sonnei) evolucionou a partir dunha bacteria intestinal común como é Escherichia coli, o que fai que esa especie sexa parafilética. A propia E. coli pode causar tamén unha disentería grave, pero as diferenzas en constitución xenética entre E. coli e Shigella causan diferentes condicións e síntomas médicos importantes de distinguir.
Escherichia coli é unha especie non moi ben clasificada porque varias cepas só comparten o 20% do seu xenoma. É tan diversa que debería dárselle un rango taxonómico maior. Porén, as condicións médicas asociadas coa propia E. coli e con Shigella fan que non se cambie a actual clasificación para evitar confusións en contextos médicos. Shigella permanece así como unha "E. coli disfrazada".
Grupo do Bacillus cereus
De xeito similar, as especies de Bacillus do grupo B. cereus (B. anthracis, B. cereus, B . thuringiensis, B. mycoides, B. pseudomycoides, B. weihenstephanensis e B. medusa) teñen unha secuencia do seu ARNr 16S que é similar nun 99-100% (o 97% é o que comunmente se cita como límite axeitado para unha especie) e deberían considerarse unha soa especie. Algúns membros do grupo parece que se orixinaron a partir doutras cepas de Bacillus ao adquiriren un plásmido que codifica proteínas e por iso o grupo pode ser polifilético. Unha vez máis, por razóns médicas, como o carbúnculo (ántrax), a actual clasificación en especies separadas permanece intacta.
Xéneros grandes de microbios
O xénero bacteriano Pseudomonas foi aumentando ao longo de varias xeracións de aplicar os métodos taxonómicos, o que fixo que o seu número de especies chegase a unha cifra alarmante, con arredor de 800 especies recoñecidas na metade do século XX. As bacterias fixadoras de nitróxeno do xénero Azotobacter e as especies Azomonas macrocytogenes evolucionaron a partir dunha especie do xénero Pseudomonas. As súas capacidades de fixar nitróxeno e características diferentes fan que Azotobacter se poida describir como unha "Pseudomonas disfrazada". O xénero Bacillus foi descrito moi cedo na historia da microbioloxía e converteuse nun amplo xénero xeneticamente moi diverso, con 266 especies. Os xéneros Paenibacillus e Brevibacillus son clados que están aniñados dentro de Bacillus. Como Bacillus é importante desde o punto de vista médico e Paenibacillus é un organismo modelo que se usa en investigación, renomealos para reflectir a súa filoxenia real podería causar confusión.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Monofilia Parafilia Polifilia O problema da especie Grao evolutivo Complexo de especies crípticas Sinonimia (taxonomía) Taxonomía LPSNunha lista de nomes aceptados de bacterias e arqueas Filos bacterianos Cianobacteria, un filo importante de bacterias que está aínda pobremente clasificado
Categoría:Taxonomía Categoría:Bacterioloxía Categoría:Evolución