Xoguetes para un tempo prohibido (orixinalmente Xoguetes pra un tempo prohibido) é unha novela de Carlos Casares publicada en 1975, gañadora do Premio Galaxia de novela que a editorial convocara para celebrar o seu 25 aniversario.

Trama

Elías Paz é un rapaz do rural da provincia de Ourense que pasa a súa primeira adolescencia nun centro escolar cristián. Alí sofre a represión da moral católica, e decide marchar a Ourense a facer o Bacharelato. Na cidade recupera vellas amizades, bota moza e descobre a sexualidade.

Despois marcha a Santiago de Compostela para iniciar os estudos na Universidade. Ao tempo que segue os estudos e traduce obras literarias doutras linguas, coñece o marxismo, ten relacións amorosas e vive a troula compostelá coas súas amizades.

Narración A novela é un texto rupturista que supuxo unha renovación na narrativa galega, produto dunha nova sensibilidade social e literaria, afastado do costumismo e nun galego sinxelo. Tamén se considera unha novela xeracional de estrutura lineal sobre a represión da posguerra, en que a mocidade culta e activa, ilusionada pola utopía revolucionaria, acaba embarrancada no escepticismo e a amargura.

A obra ten certos trazos autobiográficos, e inclúe numerosas referencias literarias, musicais e cinematográficas.

Recepción Foi un éxito de público e viu catro edicións no seu primeiro ano. En 1976 recibiu o Premio da Crítica española. En decembro de 2005 publicouse a décima edición, a primeira na Biblioteca Carlos Casares da Editorial Galaxia.

Véxase tamén Bibliografía

Con limiares de Rey e Rubido.

Outros artigos Vento ferido Os escuros soños de Clío Ligazóns externas Ficha na páxina web da editorial. Narradores nas súas voces

Categoría:Obras literarias de 1975 Categoría:Novelas en galego Categoría:Novelas ambientadas en Galicia Categoría:Editorial Galaxia Categoría:Carlos Casares