Jürgen Klinsmann, nado en Göppingen o 30 de xullo de 1964, é un adestrador e exfutbolista alemán, que xogaba como dianteiro. Militou en destacados clubs europeos como o VfB Stuttgart, o Inter de Milán, o Monaco, o Tottenham Hotspur ou o Bayern de Múnic Formou parte da selección de Alemaña Occidental que se proclamou campioa do Mundial de 1990 e da selección alemá unificada que gañou a Eurocopa de 1996. Como adestrador, dirixiu a selección alemá no Mundial de 2006, acadando o terceiro posto e, posteriormente, dirixiu outros equipos, entre eles o Bayern de Múnic e a selección dos Estados Unidos.
Considerado un dos mellores dianteiros alemáns de tódolos tempos, marcou nos seis grandes torneos internacionais nos que participou, desde a Eurocopa de 1988 ata o Mundial de 1998. En 1995 quedou terceiro no premio ao Xogador do Ano da FIFA e en 2004 foi nomeado na lista FIFA 100 como un dos "125 mellores futbolistas vivos". O 3 de novembro de 2016 converteuse no quinto xogador en ser nomeado capitán honorífico de Alemaña.
Traxectoria
Como futbolista
1972–1981: Carreira xuvenil Naceu no distrito de Göppingen, en Baden-Württemberg sendo un dos catro fillos do panadeiro Siegfried Klinsmann e da súa esposa Martha. Aos oito anos comezou a xogar ao fútbol no TB Gingen, un club afeccionado en Gingen an der Fils. Seis meses despois marcou 16 goles nun só partido co seu novo club, pechando a campaña con 102 goles na súa conta persoal. Aos dez anos pasou ao SC Geislingen e aos 14 seu pai mercou unha panadaría en Stuttgart, a capital do estado. A familia mudouse alí, pero Jürgen continuou xogando no SC Geislingen, mesmo despois de ser incluído nunha selección xuvenil de Württemberg. En 1978, con 16 anos, asinou un contrato co Stuttgarter Kickers, o club onde se convertería en profesional dous anos despois. Os seus pais decidiron que primeiro debería rematar a súa aprendizaxe como panadeiro no seu negocio familiar, completándoa en 1982.
1981–1989: Stuttgarter Kickers e VfB Stuttgart ligazón=//upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/18/Bundesarchiv_Bild_183-1989-0419-044%2C_Uefa-Cup%2C_Dynamo_Dresden_-_VFB_Stuttgart_1-1.jpg/220px-Bundesarchiv_Bild_183-1989-0419-044%2C_Uefa-Cup%2C_Dynamo_Dresden_-_VFB_Stuttgart_1-1.jpg|miniatura| Klinsmann (centro) xogando no VfB Stuttgart contra o Dynamo Dresden na semifinal da Copa da UEFA 1988-89 Klinsmann comezou a súa carreira profesional en 1982 no Stuttgarter Kickers, que militaba daquela na segunda división. Na tempada 1982/83 era xa titular habitual e na seguinte campaña marcou 19 goles.
En 1984 fichou polo VfB Stuttgart, da primeira división. Na súa primeira tempada no club foi o máximo goleador do equipo xunto a Karl Allgöwer, con 15 goles cada un. Marcou 16 goles en cada unha das dúas seguintes tempadas e chegou á final da DFB-Pokal en 1986. Marcou un gol na final, pero o seu equipo perdeu por 2-5 diante do Bayern de Múnic, que se impuxo grazas a un triplete de Roland Wohlfarth e a outros dous tantos de Michael Rummenigge. A tempada 1987/88 foi a da súa consagración no fútbol alemán. Foi o máximo goleador da Bundesliga, con 19 tantos, entre eles un conseguido cunha espectacular chilena na vitoria por 3-0 sobre o Bayern. Aos seus 24 anos, foi nomeado Futbolista Alemán do Ano.
Na tempada 1988/89 chegou ata a final da Copa da UEFA. Marcou un dos goles no encontro de volta da final, pero o título foi para o Napoli de Maradona por un axustado resultado global de 5-4. A continuación Klinsmann fichou polo Inter de Milán, co que asinou un contrato por tres anos, uníndose a outros dous internacionais alemáns: Lothar Matthäus e Andreas Brehme.
1989–1992: Inter de Milán A pesar das tácticas defensivas do adestrador Giovanni Trapattoni, Klinsmann marcou 13 goles na súa primeira campaña na Serie A, na que o Inter acabou terceiro, sendo o máximo anotador do equipo. Converteuse nun dos futbolistas estranxeiros máis populares de Italia, sobre todo porque aprendera italiano, e gañou o respecto dos afeccionados pola súa aparencia e habilidades lingüísticas.
Na tempada 1990/91 gañou co Inter a Copa da UEFA, marcando tres goles durante a competición, e derrotando na final á Roma, e sumou 14 goles na liga, na que o equipo volveu ser terceiro. Ao ano seguinte só puido marcar 7 goles, nunha desastrosa tempada do equipo que comezou con Corrado Orrico no banco. Este foi cesado cando o equipo ocupaba a novena praza, e a chegada do adestrador galego Luis Suárez só serviu para subir ata o oitavo lugar final. Foi a última campaña de Klinsmann en San Siro.
1992–1994: Monaco Trala Eurocopa de 1992, Klinsmann fichou polo Monaco e os seus 19 goles na súa primeira tempada, contribuíron a que o club lograse o segundo posto na liga francesa. Despois do escándalo de subornos do Olympique de Marsella e a súa posterior descualificación como campión da liga, o Monaco substituíu o equipo marsellés na Liga de Campións 1993–94 e chegou ata as semifinais, onde caeu ante o Milan. Klinsmann debutou na máxima competición europea con catro goles. Na tempada seguinte sufriu unha rotura de ligamentos e o Monaco só puido ser noveno na liga liga. Klinsmann foi utilizado como dianteiro único e comezou a criticar a actitude dos seus compañeiros. En 1994 deixou o club de xeito anticipado, cando aínda lle restaba un ano de contrato.
1994–1995: Tottenham Hotspur Para a campaña 1994/95 foi traspasado por 2 millóns de libras ao Tottenham Hotspur da Premier League. No club inglés recibiu críticas por parte da prensa e dos afeccionados pola súa reputación de finxidor de faltas. No seu debut contra o Sheffield Wednesday, anotou de cabeza o gol da vitoria e inmediatamente gañou aos afeccionados coa súa celebración, lanzándose ao chan de xeito autocrítico. Un xornalista de The Guardian que escribira un artigo titulado "Por que odio a Jürgen Klinsmann", escribiu outro dous meses despois co título "Por que amo a Jürgen Klinsmann". Klinsmann gañou o premio ao Futbolista do Ano da Asociación de Escritores de Fútbol de 1995.
Polo seu humor, pero tamén polos seus logros deportivos e o seu estilo de xogo combativo, fíxose rapidamente moi popular en Inglaterra; vendéndose máis de 150.000 das súas camisetas. A día de hoxe ten un status de xogador lendario nos Spurs e foi incluído no Museo de Cera Madame Tussauds.
Co club de Londres, marcou un total de 30 goles durante a tempada, entre eles o tanto da vitoria contra o Liverpool nos cuartos de final da FA Cup. Tamén marcou nas semifinais, pero os Spurs non conseguiron o pase á final, ao perder 4-1 ante o Everton.
1995–2003: últimos anos Durante as tempadas 1995/96 e 1996/97 xogou no Bayern de Múnic, sendo o máximo goleador do equipo en ambas. Co club bávaro conquistou a Copa da UEFA 1995/96, establecendo un novo récord anotador, con 15 goles en 12 partidos durante a competición (récord que se mantivo vixente ata 2011). Un ano despois gañou a súa primeira e única Bundesliga.
Despois regresou brevemente a Italia para xogar na Sampdoria, pero deixou o equipo no inverno, volvendo ao Tottenham Hotspur. Durante a súa segunda etapa en Londres, os seus goles salvaron ao club do descenso, especialmente os catro que marcou na vitoria por 6-2 sobre o Wimbledon. Disputou o seu último partido no fútbol de alto nivel en 1998, na última xornada da Premier League contra o Southampton.
Trala súa retirada mudouse aos Estados Unidos e no 2003 volveu colocar as botas para xogar de xeito breve no Orange County Blue Star, un equipo modesto da cuarta división do fútbol estadounidense.
Selección nacional Foi 108 veces internacional coa selección alemá, sendo o cuarto xogador con máis partidos da historia do equipo, só por detrás de Lothar Matthäus, Miroslav Klose e Lukas Podolski. É tamén o cuarto máximo goleador da historia de Alemañá, con 47 goles, posto compartido con Rudi Völler, e superado só por Klose, Gerd Müller e Podolski. 11 dos goles marcounos na Copa do Mundo da FIFA, o que o sitúa no sexto lugar de todos os tempos.
Realizou o seu debut en 1987, coa daquela selección de Alemaña Occidental, nun empate 1-1 contra o Brasil. Participou nos Xogos Olímpicos de 1988, gañando a medalla de bronce, e nas Eurocopas de 1988, 1992 e 1996, chegando á final en 1992 e proclamándose campión en 1996. Foi o primeiro futbolista en marcar en tres Eurocopas diferentes. Outros cinco xogadores - Vladimír Šmicer, Thierry Henry, Zlatan Ibrahimović, Nuno Gomes e Cristiano Ronaldo - igualaron esa marca desde entón.
Klinsmann foi unha peza destacada da selección de Alemaña Occidental durante o Mundial de 1990. Despois de clasificarse para os oitavos de final, Alemaña enfrontouse aos Países Baixos, contra os que perdera dous anos antes na Eurocopa de 1988. Despois de que Rudi Völler fose expulsado no minuto 22, Klinsmann viuse obrigado a xogar como único dianteiro. Marcou o 1-0 e a súa actuación recibiu numerosos eloxios. O xornal alemán Süddeutsche Zeitung escribiu: "Na última década, nin un só dianteiro dun equipo da DFB ofreceu unha actuación tan brillante e case perfecta". Despois das vitorias sobre Checoslovaquia (1–0) e Inglaterra (1–1 na prórroga, 4–3 na quenda de penaltis), proclamouse campión do mundo tras vencer na final á Arxentina por 1–0. Klinsmann é recordado por sufrir unha falta do arxentino Pedro Monzón, que posteriormente foi expulsado, reducindo a escuadra arxentina a dez homes. Moitos críticos cualificaron o incidente como un excelente exemplo de simulación de Klinsmann, unha afirmación que el contradí. Nunha entrevista en 2004 afirmou que a falta lle provocou un corte de 15 cm na súa canela.
Tamén participou coa selección unificada de Alemaña nas Copas do Mundo de 1994 (onde marcou cinco goles) e de 1998 (tres goles). Converteuse no primeiro xogador en marcar polo menos tres goles en tres Mundiais consecutivas, fito que máis tarde conseguiron tamén Ronaldo e Miroslav Klose. Klinsmann é actualmente o sexto máximo goleador histórico das Copas do Mundo e o terceiro máximo goleador de Alemaña nesta competición, por detrás de Klose (16 goles) e Gerd Müller (14).
Como adestrador
Selección de Alemaña En xullo de 2004, e sen experiencia previa como adestrador, converteuse no novo seleccionador de Alemaña, sucedendo ao seu antigo compañeiro de equipo e de dianteira Rudi Völler. Iniciou un proceso de renovación tanto na área técnica como no cadro de xogadores da selección alemá, que viña de realizar unha desastrosa actuación na Eurocopa de 2004. Durante a Copa Confederacións de 2005, fixo rotar aos seus porteiros independentemente das súas actuacións, o que provocou o enfado de Oliver Kahn. En abril de 2006, Klinsmann decidiu finalmente relegar a Kahn ao banco e designou a Jens Lehmann como o seu primeiro porteiro. ligazón=//upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/91/J%C3%BCrgen_Klinsmann_2005.jpg/180px-J%C3%BCrgen_Klinsmann_2005.jpg|dereita|miniatura|180x180px| Klinsmann como seleccionador de Alemaña en 2005
Para o Mundial de 2006, anunciou unha renovada lista de xogadores, a metade dos cales debutaba nun gran torneo internacional. As boas actuacións de Alemaña no Mundial silenciaron as duras críticas que Klinsmann recibira ata entón. O equipo conseguiu tres vitorias consecutivas contra Costa Rica, Polonia e Ecuador na fase de grupos, o que lle valeu o primeiro posto no Grupo A. No primeiro partido das eliminatorias Alemaña gañou por 2-0 a Suecia, e nos cuartos de final o equipo de Klinsmann eliminou á Arxentina na quenda de penaltis.
Nun igualado partido de semifinais, Alemaña acabou perdendo contra Italia na prórroga por 2-0, despois de empatar sen goles no tempo regulamentario, e de que Fabio Grosso e Alessandro Del Piero anotaran nos minutos finais do tempo extra. Despois do partido, Klinsmann eloxiou o rendemento do seu equipo. Gañaron a Portugal por 3-1 no encontro polo terceiro posto, e ao día seguinte foron homenaxeados por unha multitude en Berlín.