Kalmar é un municipio sueco (kommun) do condado de Kalmar. A súa capital é a cidade de Kalmar, que tamén é a capital do condado. En decembro do ano 2024 o concello tiña unha poboación de 72 704 habitantes.
Ao longo da costa hai un leito rochoso de arenito, pero no interior convértese en granito. A área está dominada por terras forestais, pero o municipio tamén ten unha proporción moi grande de terras agrícolas. A principios da década de 2020 a economía local estaba dominada pola industria de servizos, onde traballaba un 66% da poboación.
Dende a fundación do concello en 1971 a tendencia de poboación vén sendo positiva.
Administración histórica A área do concello correspóndese coa das parroquias de Arby, Dörby, Förlösa, Hagby, Halltorp, Hossmo, Kalmar, Karlslunda, Kläckeberga, Ljungby, Mortorp, Ryssby, Voxtorp, e Åby. Nelas fundáronse concellos rurais co mesmo nome durante a reforma municipal de 1862. Na zona atopábase tamén a cidade de Kalmar que no ano 1863 fundou unha cidade municipal (stadskommun). No ano 1925o concello rural de Kalmar incorporouse á cidade de Kalmar.
Coa reforma municipal de 1952 fundáronse ao redor da cidade seis grandes concellos: Dörby (a partir dos municipios de Dörby, Hossmo e Kläckeberga), Ljungbyholm (de Ljungby e Sankt Sigfrid), Läckeby (de Förlösa e Åby), Mortorp (de Karlslunda, Mortorp e Oskar), Ryssby (de Ryssby), e Södermöre (de Arby, Hagby, Halltorp e Voxtorp). A cidade de Kalmar permaneceu sen cambios, pero no ano 1965 o concello rural de Dörby integrouse nela.
En 1969 partes dos concellos rurais de Mortorp e Ljungbyholm (Oskar e Sankt Sigfrid) integráronse na cidade de Nybro.
O concello de Kalmar naceu coa reforma municipal de 1971 a partir da cidade de Kalmar e dos cinco municipios rurais de Ljungbyholm, Läckeby, Mortorp, Ryssby e Södermöre.
O concello pertence ao partido xudicial de Kalmar dende a súa fundación.
Xeografía O concello de Kalmar está situado na parte sueste da provincia histórica de Småland. Ao leste do municipio atópase o estreito de Kalmar e o mar Báltico. Kalmar limita ao sur co concello de Torsås, ao oeste cos de Emmaboda e Nybro, ao norte co de Mönsterås, e ao leste ten fronteira marítica cos municipios de Borgholm e Mörbylånga na illa de Öland.
O concello de Kalmar atópase en Möre, un dos "pequenos países" tradicionais de Småland.
Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Kalmar