Ignacio Arroyo Lambarri, nado en Muskiz o 2 de xullo de 1942, é un exfutbolista español, que xogaba como centrocampista.
Traxectoria Comezou a súa carreira como futbolista no Somorrostro e no Sestao River, fichando en 1963 polo Athletic de Bilbao. A continuación saíu cedido ao Indautxu, co que debutou na Segunda División na primeira xornada da tempada 1963/64, contra Osasuna. Xogou un total de 25 partidos oficiais co club do barrio bilbaíno de Indautxu, marcando dous goles. En 1964 trasladouse a Ferrol para realizar o servizo militar, e mentres tanto foi cedido ao Racing de Ferrol, de Terceira División, club no que militou dous anos, proclamándose campión da categoría na tempada 1965/66.
Tralo ascenso co equipo galego regresou ao Athletic, co que debutou na Primeira División o 11 de setembro de 1966, na primeira xornada da tempada 1966/67 contra o Atlético de Madrid en San Mamés. Formou na dianteira xunto a Koldo Aguirre, Arieta II, Argoitia e Txetxu Rojo. Xogou 16 partidos esa tempada, na que marcou o seu único gol na máxima categoría, nun partido ante o Sevilla no Ramón Sánchez Pizjuán. No verán volveu vestir a camiseta do Racing de Ferrol para reforzar o club departamental na 22ª edición do Trofeo Teresa Herrera. Marcou un gol na vitoria por 3-0 da final contra o Celta de Vigo, contribuíndo á conquista do título.
Comezou a tempada seguinte como titular, pero sufriu unha lesión na primeira rolda da Copa de Feiras contra o Frem dinamarqués, despois de marcar o único gol do encontro. Non volveu a vestir a camiseta do Athletic ata cinco meses despois, cando reapareceu nun encontro ante o Pontevedra. Ao remate da campaña quedou desvencellado do club vasco e asinou polo Racing de Ferrol.
A súa segunda etapa en Ferrol durou algo máis de catro anos, nos que foi titular indiscutible, disputando máis de 150 partidos oficiais. Militou catro tempadas co club na Segunda División, descendendo ao remate da 1971/72. Comezou a seguinte campaña nas filas do club verde en Terceira, pero a finais de outubro de 1972 foi traspasado ao Cádiz, co que xogou durante os dous seguintes anos en Segunda. A continuación disputou unha última campaña co Racing Portuense antes da súa retirada.
Palmarés Racing de Ferrol Terceira División (1): 1965/66.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Athletic Club .
Categoría:Nados en Muskiz Categoría:Nados en 1942 Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Sestao River Club Categoría:Xogadores do Athletic Club de Bilbao Categoría:Xogadores da SD Indautxu Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Cádiz CF