La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. É a cabeceira hexemónica en Galicia co 63% da cota do mercado. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal e converteuse no terceiro diario de información xeral de España tanto en difusión como en audiencia con 395.000 lectores no estado, segundo datos da segunda onda do Estudio General de Medios de 2024. A propiedade da empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, mantívose sempre nas mans da mesma familia ata a morte do seu accionista maioritario e único Santiago Rey Fernández-Latorre, neto de Juan Fernández Latorre, momento no que pasou á Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.
Historia e evolución Segundo datos da Oficina de Xustificación da Difusión (OJD), La Voz de Galicia tivo unha tiraxe media diaria, no período comprendido entre xaneiro e decembro de 2017 de 74 602 exemplares, cunha difusión de 65.390, o que representou un descenso sobre os datos do ano 2005, no que tivera unha difusión de 119 615 e 103 399 exemplares, respectivamente. No ano 2006, a edición dominical do diario tivo unha tiraxe de 160 400 exemplares, de media, e unha difusión de 138.970. La Voz de Galicia é un xornal coñecido en Galicia pola súa difusión sendo moi superior ás súas vendas xa que está presente en moitos lugares públicos: institucións, bancos, centros de hostalería, locais sociais etc.
A cabeceira da Corporación Voz ten a súa sede e redacción na Coruña e rotativa en Sabón (Arteixo), inaugurada en 1992. O grupo ademais do citado xornal é propietario de emisoras de radio (RadioVoz) que dan cobertura a toda Galicia, unha produtora audiovisual (Voz Audiovisual), unha empresa de estudos de sondaxe de opinión (Sondaxe), unha distribuidora (Distribuidora Gallega de Publicaciones) e unha planta de impresión (Galicia Editorial). La Voz de Galicia tamén tivo proxectos para expandirse fóra de Galiza, así creou edición nacional en Madrid e as súas emisoras de radio estiveron a emitir programación con grupos como Antena 3.
Presidentes Dende a súa fundación, tivo sete presidentes:
Juan Fernández Latorre (1882-1912) José María Ozores de Prado (1912-1927) José Fernández-España y Vigil (1927-1927) Enrique de la Torre Gosálvez (1927-1946) Emilio Rey Romero (1946-1987) Emilio Rey Fernández-Latorre (1987-1988) Santiago Rey Fernández-Latorre (1988-2024). Lois Blanco Penas (2024)
miniatura|Rotativa en Sabón, Oseiro, Arteixo.
Edicións locais O modelo de edicións que caracteriza a La Voz comezou a xestarse na década de 1960 coa idea non só de achegar información local, achegando tamén a cada comarca as súas novas. Nesa época estaban a xurdir xornais nas cidades centrados en informar no ámbito local e ían pechando outros ao tempo. As preto de 60 páxinas do corpo central, con portada en cor e un número variable no interior de páxinas en cor, conteñen unha escolma de novas de ámbito xeral, mentres que un caderno pequeno de doce a dezaseis páxinas intercala en cada edición, ofrecendo aos lectores a información máis próxima, á súa cidade, comarca ou provincia. Cada comarca recibe así un pequeno xornal co título de La Voz de, e o nome da comarca. A información complétase con colaboradores locais.
As seccións reciben os nomes das principais comarcas de Galiza: miniatura|A delegación de La Voz de Galicia en Vigo está no edificio Vista Alegre, na rúa García Barbón.
A Coruña Arousa Barbanza Bergantiños Carballo Deza-Tabeirós Ferrol Lemos A Mariña Lugo Ourense Pontevedra Santiago Vigo
O uso do galego no xornal está limitado a novas concretas sobre temas galegos e ao uso que del fan colaboradores habituais ou artigos de opinión de xornalistas, políticos ou xente da cultura.
Edición dixital La Voz de Galicia iniciou a súa edición dixital o 17 de maio de 2000. Dende os seus inicios a páxina foi unha das máis seguidas en Galiza entre os xornais informativos. Foi ampliando contidos, nos inicios limitábase a ofrecer un resumo das novas máis destacadas do xornal e algunha información local. Existe unha versión de pago con acceso a todo o contido do xornal. La Voz de Galicia ten rexistrados en Internet lavozdegalicia.es, lavozdegalicia.com, lavoz.com e avoz.com. Na páxina web, ademais de en castelán, pódense consultar os contidos en galego por obra dun tradutor automático.
En decembro de 2015, a edición dixital superaba os 8,5 millóns de usuarios mensuais.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Biblioteca Gallega Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia Biblioteca Galega 120 Diccionario enciclopédico galego universal Son de Galicia Biblioteca Gallega de Autores en Castellano Biblioteca Galega de Clásicos Universais A gran historia de Galicia V Televisión Ligazóns externas La Voz de Galicia RadioVoz