José Antonio Lodeiro Piñeiroa, nado en Mondoñedo o 16 de marzo de 1868 e finado na Coruña o 22 de decembro de 1934, foi un músico galego, coñecido principalmente por ser o compositor do primeiro himno do Fútbol Club Barcelona.
Traxectoria Fillo de Benito Lodeiro e Filomena Piñeiroa, naceu no barrio dos Muíños de Mondoñedo. Inicialmente foi aprendiz de carpinteiro e recibiu as súas primeiras leccións de solfexo da man de José Antonio Ramos Gasalla na súa vila natal. Axiña pasou a formar parte como educando na banda de música de Heremenegildo Mancebo.
Sendo aínda mozo marchou de Mondoñedo para ingresar no exército, entrando a formar parte do Rexemento de Murcia en Lugo. Non tardou en ingresar na banda do rexemento, primeiramente como educando e logo de superar as probas, como músico de segunda, xa nun rexemento desprazado en Cataluña, onde posteriormente conseguiría unha praza como músico de primeira.
Estudou na academia que o coruñés José María Varela Silvari abrira en Madrid, onde se preparou para ascender a director de banda, posto que acadaría por oposición.
Durante a súa estancia en Cataluña afeccionouse ao fútbol e fíxose socio do FC Barcelona. Foi o compositor do primeiro himno do club, que se estreou o 17 de xullo de 1910 para celebrar os tres títulos conseguidos na tempada que acababa de rematar. O himno estivo vixente ata 1923, cando foi substituído por outro con música de Enric Morera e letra de Rafael Folch.
Notas
Categoría:Nados en 1868 Categoría:Nados en Mondoñedo Categoría:Finados en 1934 Categoría:Compositores de Galicia Categoría:Militares de Galicia Categoría:Músicos militares Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes