20 centavos de dólar "20 Cents "Seated Liberty"". Numista.com120x120px120x120pxA/: Liberdade sedente ollando á esquerda con escudo e barrete frixio nunha lanza. 13 estrelas Data. Lendas: IN GOD WE TRUST / LIBERTY.R/: aguia de fronte coas ás abertas, que sostén frechas e pólas de oliveira coas súas gadoupas. Lendas: E PLURUBUS UNUM / ONE CENT / UNITED STATES OF AMERICA Datas: 1875-1878 Cecas e marcas: Filadelfia (sen marca), Carson City (CC) e San Francisco (S). Gravador: Christian Gobrecht (A/) e William Barber (R/). Aliaxe: prata (90%) e cobre (10%). Diámetro: 22,00 mm. Peso: 5,00 g. Canto: liso.

A moeda de 20 centavos de dólar estadounidense é unha moeda de prata co valor facial de 20 centavos, cuñada entre 1875 e 1878 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos. A súa existencia foi moi efémera, entre outras cousas por mor da confusión que xeraba coa moeda de 25 centavos ou un cuarto de dólar, tanto no seu valor como na súa aparencia e no seu tamaño.

En 1874, o senador por Nevada John P. Jones presentou un proxecto de lei para a creación dunha moeda de prata de 20 centavos que, segundo el, aliviaría a escaseza de moeda miúda no Vello Oeste. Este proxecto de lei foi aprobado polo Congreso e, en consecuencia, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Henry Linderman, escolleu tanto para o anverso como para o reverso modelos similares aos doutras moedas de prata en circulación e ordenou a súa cuñaxe en 1875.

Malia teren un canto liso, como elemento diferenciador doutras moedas de prata do sistema, a nova moeda aproximábase moito á dun cuarto de dólar, ata o punto de que se confundía con ela. Ademais, o anverso de ambas as moedas era case idéntico. Logo do primeiro ano en circulación, 1875, no que se cuñou máis dun millón de exemplares, a súa demanda por parte da poboación foi moi escasa. O segundo ano a tiraxe foi de arredor de 25.000 exemplares, e os dous seguintes só se cuñaron uns centos de exemplares cun acabamento especial para os coleccionistas, ata que en 1878 se determinou a súa cancelación. Polo menos un terzo da produción foi fundido posteriormente polo Goberno.

O numismático Mark Benvenuto cualificou a moeda de 20 centavos de dólar como "un capítulo da historia da moeda estadounidense que se pechou case antes de comezar".Benvenuto, T. (2003). Páxina 60.

Antecedentes Xa en 1791 xurdira unha proposta encamiñada á creación dunha moeda de 20 centavos de dólar, e outra novamente en 1806, mais ambas foran rexeitadas.Breen, W. (1988). Páxina 335. O proxecto de lei de 1806, presentado polo senador por Connecticut Uriah Tracy, procuraba tanto unha moeda de dous centavos de billón como unha de 20 centavos de prata, que el denominaba como double dime —dime é como se coñece en inglés a moeda de 10 centavos—. Este proxecto de lei foi aprobado en dúas ocasións polo Senado, en 1806 e en 1807, mais non logrou ser aprobado na Cámara de Representantes.Taxay, D. (1983) . Páxina 141. Malia non emitirse ningunha moeda de 20 centavos de dólar con anterioridade á década de 1870, a poboación estaba moi afeita a esa denominación, dado que a moeda española de dous reais de prata —coñecida nos Estados Unidos como piastreen—, se utilizaba adoito nos Estados Unidos co valor de 20 centavos de dólar.Julian, R. W. (2014). Páxina 56.

Foron varios os factores que converxeron para a creación da moeda de 20 centavos na década de 1870. Un deles foi a escaseza de moeda miúda no Vello Oeste, onde non circulaban as moedas de metais básicos. Os pagamentos do Goberno en prata e en ouro suspendérase durante o caos económico ocasionado pola guerra civil, xa que as moedas destes metais se atesouraban —excepto na costa do Pacífico— e non se utilizaban no comercio ao seu valor facial. A moeda de menor valor en prata era a de 5 centavos (half dime), que aínda que non circulaba no Leste era cuñada en cantidades importantes na Casa da Moeda de San Francisco; esta moeda foi abolida pola Lei da Moeda de 1873, o que ocasionou unha escaseza de valores pequenos na circulación, tendo en conta ademais que as moedas de 10 centavos se utilizaban no comercio da xoiaría. Os clientes queixábanse de que non lles podían dar a volta exacta por un artigo que custaba 10 centavos cando pagaban cunha moeda dun cuarto de dólar. O numismático David Lange afirma que esta situación se tería arranxado cun envío masivo ao Oeste de moedas de 5 centavos de níquel, de uso moi común no Leste, aínda que tamén é probable que non fosen aceptadas, por mor dos prexuízos que alí había contra o diñeiro carente de contido de prata ou de ouro.Breen, W. (1988). Páxina 334.Lange, D. W. (2006). Páxinas 118-119.Shavorinsky, D. (1974). Páxina 69.

Outro factor que favoreceu a creación da moeda de 20 centavos foi a ansiedade do Congreso por ver máis prata convertida en moeda, debido substancialmente á presión das compañías mineiras, e tamén a outros intereses económicos. A Lei da Moeda de 1873 puxo fin á práctica de permitir aos produtores de prata a conversión dos seus lingotes en dólares de prata na Casa da Moeda. Aínda que os produtores non optaran moito por esta práctica nos anos anteriores a 1873, por mor do elevado prezo da prata no mercado, o antigo director da Casa da Moeda, Henry Linderman, previu que estes prezos baixarían á medida que as minas fosen máis accesibles, debido á finalización do ferrocarril transcontinental que atravesaba os Estados Unidos, e que a cuñaxe resultante inflaría a moeda. En efecto, ao cabo dun ano os prezos da prata baixaron e os produtores intentaron en van depositar os seus lingotes na Casa da Moeda para os converter en moeda, mais isto xa non lles era posible. Nesta situación, os mineiros procuraron outras vías para lle vender a prata ao Goberno.Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxinas 21-23. miniatura|244x244px|O senador por Nevada John P. Jones, promotor da moeda de 20 centavos de dólar.Neale, W. (1899). Autobiographies and portraits of the President, Cabinet, Supreme Court, and Fifty-fifth Congress. 1. The Neale Company, Washington. Páxina 150. O terceiro factor era o interese dos Estados Unidos por aliñar a súa moeda coa Unión Monetaria Latina e por adaptar os seus padróns ponderais da moeda ao sistema métrico decimal. En varias ocasións, nas décadas de 1860 e de 1870, a Casa da Moeda dos Estados Unidos cuñou exemplares en proba por se esta aproximación se chegase a producir. A moeda de 20 centavos debía ser equivalente á dun franco francés desa época e, se se facía en proporción ás moedas máis pequenas que se estaban a cuñar, pesaría 5 gramos, un feito que atraeu os defensores do sistema métrico no Congreso.Brown, V. L. (1970). Páxinas 41-42.Bureau of the Mint (1904). Páxina 54. Outra finalidade dunha emisión masiva de moedas de prata, independentemente do seu valor facial, era retirar a "moeda fraccionaria" —papel moeda de valores baixos, coñecido como shinplasters—. O Congreso aprobou en 1875 e en 1876 unha lei para a emisión de grandes cantidades de moeda de prata con este fin.Olds, R. (1978). Páxina 44.

Autorización O promotor final da moeda de 20 centavos de dólar foi o senador por Nevada John P. Jones, copropietario da mina Crown Point, que accedera ao seu posto no senado en 1873. Unha das súas primeiras propostas lexislativas consistiu na presentación, o 10 de febreiro de 1874, dun proxecto de lei para autorizar a moeda de 20 centavos.Brown, V. L. (1970). Páxina 42.LaMarre, T. (2003). Páxina 10. Ao defender a súa proposta citou o problema da falta de moeda miúda no Oeste. O director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Linderman, apoiou a creación da moeda."Proposed Issue of a Twenty-Cent Coin". United States Mint. Segundo o historiador numismático Walter Breen, "outros lexisladores apoiaron tamén o proxecto de lei, en gran medida como un favor ao senador Jones". Finalmente, o proxecto de lei foi aprobado e posteriormente asinado polo presidente Ulysses S. Grant, o 3 de marzo de 1875. Do mesmo xeito que ocorría con outras moedas de prata de diversos valores, o curso legal desta moeda estaba limitado á cantidade e cinco dólares.Bureau of the Mint (1904). Páxina 69.

Preparación e deseño En previsión da inminente aprobación da lei, o director da US Mint, Linderman, mandou preparar probas de diferentes deseños da moeda. En agosto de 1874, O superintendente da Ceca de Filadelfia, James Pollock, envioulle a Linderman unhas probas que amosaban no reverso a imaxe da Liberdade sedente gravada polo escultor de Filadelfia Joseph A. Bailly cun reverso creado polo gravador xefe da Casa da Moeda, William Barber. Pollock non aprobou a proposta de Bailly, por considerala demasiado semellante ao deseño da Liberdade sentada que aparecía daquela en todas as moedas de prata do país, co que a nova moeda sería difícil de distinguir da dun cuarto de dólar. O 31 de marzo e o 12 de abril de 1875 , xa despois da aprobación do proxecto de lei de Jones, Pollock enviou a Linderman novas probas, todas creadas por Barber. Pollock desaprobou un deseño de reverso cun escudo, mais a Linderman gustoulle e declarou que se tería aprobado de non ser porque a lei esixía que aparecese unha aguia nas moedas de prata de valor facial superior aos 10 centavos. Finalmente, Linderman seleccionou un anverso case idéntico ao das demais moedas de prata que se estaban a cuñar —ata 1916, as moedas de prata tiñan unha aparencia similar—.Taxay, D. (1983) . Páxinas 262-263.Hammer, T. R. (1947). Páxina 167.

Este deseño, do defunto gravador xefe Christian Gobrecht, creado a partir dun deseño de Thomas Sully e de Titian Peale, utilizárase por vez primeira en 1836, e en 1840 aparecía en todas as moedas de prata cuñadas daquela.Lange, D. W. (2006). Páxinas 46-47. Pola súa banda, a aguia do reverso é case idéntica á que Barber realizara para o dólar de comercio, que comezara a cuñarse en 1873.Vermeule, C. (1971). Páxina 73. Linderman decatárase de que a diferenza de tamaño entre a nova moeda e a dun cuarto de dólar era pequena, e pensou que unha versión reducida do deseño do dólar de comercio resultaría adecuada para a moeda de 20 centavos, o cal se aplicou para o reverso.LaMarre, T. (2003). Páxina 11. A aguia leva as frechas da guerra na súa pouta dereita, a dominante, e a póla de oliveira na esquerda, polo que nesta heráldica se lle dá preferencia á guerra sobre a paz.Young, R. (1979). Páxina 56. miniatura|198x198px|Deseño orixinal da "liberdade sentada" de Thomas Sully (1835), no que se baseou Barber. O historiador da arte Cornelius Vermeule describiu o anverso da moeda de 20 centavos de dólar como "unha síntese agradable de elementos tradicionais". No entanto, non foi tan eloxioso coa aguia do reverso, que cualificou como torpe e como unha versión máis grosa da aguia das moedas estadounidenses do século XVIII. Vermeule admiraba os deseños das probas que presentara Barber para esta moeda, especialmente o anverso que amosa a Liberdade sentada ollando o mar,"20 Cents "1875 1/5 Dollar" Pattern; silver". Numista.com"J1398/P1541 ". Uspatterns.com que segundo o historiador ten unha débeda coas moedas de cobre británicas daquela época, que representaban a Britannia nun xeito similar —Barber era inglés de nacemento—.