Limnodromus semipalmatus é unha especie de ave caradriformes da familia dos escolopácidos, unha das tres incluídas no xénero Limnodromus.
Taxonomía Descrición A especie foi descrita en 1848 polo zoólogo e químico inglés Edward Blyth,Limnodromus semipalmatus (Blyth, 1848) no GBIF. Consultado o 5 de decembro de 2022. baixo o nome de Macrorhamphus semipalmatus.
Sinónimo Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polo sinónimo: Macrorhamphus semipalmatus Blyth, 1848 (protónimo)
Características Os adultos teñen as patas escuras, e o pico recto longo e escuro, pero algo máis curto que do mazarico escolopáceo (Limnodromus scolopaceus). A plumaxe é de cor marrón polas partes superiores e avermellada polas inferiores na época da reprodución. A cola ten un patrón listado branco e negro. A plumaxe de inverno é en gran parte gris.
Distribución O seu hábitat de reprodución son as zonas húmidas cubertas de herba no norte do interior de Asia (Siberia e Manchuria). Migra no inverno ao sueste de Asia, e tan ao sur como o norte de Australia, aínda que as áreas tanto de reprodución como de invernada son pouco coñecidas. Encóntrase sempre nas costas durante a migración e a invernada.
Dieta Aliméntanse mediante sondaxe en augas pouco profundas ou no barro húmido. Comen principalmente insectos, moluscos, crustáceos e vermes mariños, pero tamén un pouco de material vexetal.
Ameazas Limnodromus semipalmatus pode ser particularmente vulnerábel á perda de hábitat nos seus lugares de cría como resultado da drenaxe das zonas húmidas para a agricultura, ou o seu secado como consecuencia do cambio climático.
Tamén pode ser vulnerábel á caza, á contaminación e outras presións, tanto nos lugares de cría como de invernada. A perda e degradación das zonas húmidas ao longo da súa ruta migratoria é unha ameaza potencial, especialmente no mar Amarelo, onde o 40 % está en fase de migración cara ao norte.Mark Barter (2002): Shorebirds of the Yellow Sea. Importance, threats and conservation status. Canberra: Wetlands International. ISBN 9-0588-2009-2.
Estado de conservación A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais cualifica o status desta especie como NT (case ameazada) porque, aínda que está bastante estendida, ten unha poboación en xeral moderadamente pequena e pénsase que esta está en declive, debido principalmente á destrución dos seus lugares de invernada. No futuro pode producirse un descenso da poboación aínda máis rápido debido ao cambio climático.BirdLife International (2016): Limnodromus semipalmatus na Lista vermella da UICN. Versión 2022.1. Consultada 6 de decembro de 2022.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía del Hoyo, Josep; Andrew Elliott & Jordi Sargatal, eds. (1966): Handbook of the Birds of the World. Volume 3. Hoatzin to Auks. Barcelona: Lynx Editions. ISBN 978-84-8733-420-7. Peter Hayman, John Marchant & Tony Prater (1991): Shorebirds: An Identification Guide to the Waders of the World. Boston: Houghton Mifflin. ISBN 978-0-3956-0237-9.
Outros artigos Escolopácidos Limnodromus
Categoría:Escolopácidos Categoría:Aves de Asia Categoría:Aves de Australia Categoría:Animais descritos en 1848