Asier ETA biok é un filme documental vasco-ecuatoriano de 2013 que trata sobre a amizade entre o director do filme Aitor Merino co membro da organización terrorista ETA Asier Aranguren. O filme foi gañador do premio Irizar ao Cinema Vasco no Festival Internacional de Cinema de Donostia de 2013.

O título do filme en éuscaro Asier ETA biok é un xogo de palabras, pois a palabra “eta” non soamente é o acrónimo desa organización senón que ademais equivale, nese idioma, á partícula copulativa “e” en galego.

Sinopse Asier e Aitor son dous mozos que se coñeceron na ikastola e medran xuntos no País Vasco dos anos 80. Ao cabo duns anos, Aitor foise a Madrid a cumprir o seu soño de ser actor mentres que Asier, tras a marcha do seu amigo, ingresa na banda terrorista ETA. O filme, que trata sobre certos xuízos de valor, tenta explicar como unha persoa pode ser amigo dun etarra sen compartir as afinidades da banda armada e como afrontar esta situación ante terceiras persoas.

Dirección e protagonistas O codirector Aitor Merino traballou en numerosos filmes e con varios artistas como Montxo Armendáriz, Vicente Aranda ou Pilar Miró. O seu primeiro filme é a curtametraxe El pan nuestro, que foi nomeado nos Premios Goya en 2008. A súa irmá e codirectora Amaia Merino é guionista e editora de documentais en Ecuador, traballando en máis de dez longametraxes.

O protagonista, Asier Aranguren, é un exmembro de ETA que estivo en prisión durante oito anos e que, tras a súa saída do cárcere, pasou a incorporarse ao grupo da esquerda abertzale de interlocutores do colectivo de presos de ETA, xunto a Arantza Zulueta, entre outros, para atopar unha solución ao conflito vasco. Aitor, amigo da infancia de Asier, propúxolle crear un filme biográfico baseada na súa amizade a pesar das actividades terroristas deste.

Elenco Ademais dos seus dous protagonistas principais, no filme tamén aparecen Juan Diego Botto, Pilar Castro e Guillermo Toledo, amigos do director que expoñen o seu punto de vista como persoas alleas ao conflito.

Notas

Categoría:Filmes de 2013 Categoría:Filmes en lingua castelá Categoría:Filmes en lingua éuscara Categoría:Filmes do País Vasco Categoría:Filmes de Ecuador Categoría:Filmes sobre ETA