A batalla de Rande foi unha importante batalla naval librada no estreito de Rande e na enseada de San Simón, no interior da ría de Vigo, o 23 de outubro de 1702. Enfrontou ás escuadras das coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa, dentro do contexto da guerra de Sucesión española.

A batalla

A Frota de Indias, composta por 19 buques escoltados por 22 navíos franceses, partira o 11 de xuño desde A Habana cara a Cádiz cun gran cargamento. Á metade de travesía foron informados de que unha poderosa escuadra anglo-holandesa os agardaba no cabo San Vicente, polo que o almirante Manuel de Velasco decide desviarse cara á ría de Vigo, onde entran o 22 de setembro.

miniatura|esquerda|Ilustración da batalla de Rande en Vinte mil leguas baixo dos mares, de Jules Verne, na edición de Pierre-Jules Hetzel. O comboi buscou refuxio na enseada de San Simón, e axiña se preparou a defensa ao tempo que se requisaron 1.200 carros do país para transportar as mercadorías cara a Madrid. O paso de Rande foi obstruído por unha barreira de toros, cables e pequenas embarcacións, e foron recrutadas milicias para reforzar os dous pequenos fortes situados aos dous lados do estreito.

O 2 de outubro, mentres os ingleses dirixidos por George Rooke atacaron sen éxito Cádiz, a frota española comeza a desembarcar o seu cargamento en Baiona. O 17 de outubro o capitán Hardy, a bordo do Pembroke, informa a Rooke de que a Frota de Indias se retirara cara ao norte pola costa portuguesa, información recollida polo seu Capelán, e o día 18 convocouse un consello de guerra no buque insignia Royal Sovering no que se decide dirixir a escuadra cara á ría.

O 21 de outubro, o marqués de Châteaurenault, que tiña ao seu cargo a custodia da frota española, decide refuxiarse no fondo da ría, dispoñendo as súas naves para a defensa dos galeóns españois. O día 22 a escuadra anglo-holandesa entra na ría, e fondea pola tarde, baixo o incesante bombardeo do forte de Vigo.

O día 23 o duque de Ormond desembarca en Teis con 2.000 homes, e Churchill fai o mesmo en Domaio co obxectivo de atacar e paralizar o bombardeo dos fortes de Corbeiro e Rande. Silenciados os canóns, comezou o ataque por mar.

A artillaría francesa contivo os primeiros ataques, pero Hopson logrou romper a barreira que impedía o paso do estreito a bordo do Torbay, o buque insignia británico, armado con picos. A frota anglo-holandesa logrou así penetrar no fondo da ría, e ante a falta de espazo para as manobras recorreuse á abordaxe. A loita corpo a corpo combinouse co uso de material incendiario, decidíndose a vitoria pola gran diferenza numérica entre as escuadras.

O marqués de Châteaurenault ordenou incendiar os propios barcos cando estaba todo perdido para evitar que caesen nas mans do inimigo. Mentres, Gaspar Antonio de Zúñiga, o príncipe de Brabanzón, capitán xeneral de Galicia, ordenou poñer a salvo o pouco que quedaba por descargar do quinto real, transportándose ata Lugo e dende alí a Segovia.

Morreron uns 2.000 homes do bando hispano-francés e uns 800 do anglo-holandés. Ademais, os franceses perderon os seus mellores buques de guerra, e os españois quedaron sen barcos para a carreira de Indias.

Se ben a batalla foi axiña silenciada en España (en parte polo éxito no balance total da guerra de Sucesión, coa consolidación dos Borbóns no trono), a vitoria de Inglaterra e Holanda acadou enorme difusión en toda Europa. En Londres existe a Vigo Street, en conmemoración da batalla, e Jules Verne falou dos tesouros de Rande na novela Vinte mil leguas baixo dos mares.

Tesouro de Rande

Tense especulado sobre as riquezas que levaban os barcos afundidos, sendo moitas as expedicións que o buscaron. Seguramente a parte máis valiosa do cargamento fora xa transportada a Castela durante o tempo que estivo a frota na ría, pero non se pode descartar que unha parte importante permanecese aínda nas adegas das naves.

A frota vencedora levou un botín de catro millóns de pesos, amais de sete buques de guerra e seis galeóns capturados.

Pegada na numismática galega miniatura|esquerda|Moeda a nome da raíña Ana co topónimo "VIGO" baixo o bustominiatura|Medalla de 1702 conmemorativa da Batalla de Rande O que si que se coñece é que parte do metal requisado foi trasladado ás Illas Británicas e destinouse á emisión de moedas pola casa da moeda de Londres (daquela dirixida por Isaac Newton), de prata con valores de 1 penique, 6 peniques, 1 xilin, media coroa e unha coroa, e de ouro con valores de media guinea, unha guinea e cinco guineas.“Dos monedas de ´Vigo´, adjudicadas por más de un millón de euros en Londres”. En Faro de Vigo. 16 de xaneiro de 2019.

Co gallo de conmemorar esa importante vitoria, nos anversos destas moedas amósase, baixo o busto da raíña Ana, a inscrición "VIGO".

Ademais destas moedas, batéronse tamén medallas en ouro, prata e bronce, conmemorativas do suceso. En todos os casos amosan, entre outros motivos, imaxes da ría e do porto de Vigo, e da destrución da frota defensora hispano-francesa."Emisións da Raíña Ana de Inglaterra". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999). Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela. ISBN 84-605-9958-2. pp. 173-176.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Museo da Batalla de Rande José Sarmiento Valladares Vigo Street (Londres).

Ligazóns externas «A Batalla de Rande 1702-2002» Sociedade Galega de Historia Marítima.

Rande Rande Categoría:Historia de España Categoría:Historia militar en Galicia en 1702 Categoría:Numismática de Galicia Rande Categoría:Historia de Vigo Categoría:Redondela