Partille é un concello sueco no condado de Västra Götaland. A súa capital é a localidade de Partille, que dende hai moito tempo fusionouse coa área urbana da cidade de Gotemburgo. No mes de decembro de 2024 o municipio tiña unha poboación de 41 060 habitantes.
É un municipio suburbano diferenciado da área metropolitana de Gotemburgo (Storgöteborg). O concello de Partille está formado por catro partes xeográficas: Partille, Sävedalen, Öjersjö e Jonsered. Partille é un municipio xeograficamente pequeno pero de tamaño mediano en termos de poboación. O municipio está composto nun 60 por cento de natureza protexida.
Nome O nome de Partille pénsase que vén da palabra medieval "Parthaella", que significa "a lousa partida". Que proveña da expresión "Passet mellan bergen" (o paso entre as montañas) tamén é unha interpretación probable, referíndose ás montañas a ámbolos dous lados do val do Säveån. Unha tercera teoría apunta á frase "porten mellan hällarna" (a porta entre os afloramentos), apuntado ao estreito paso que hai onde Jonsered se atopa co lago Aspen.
Xeografía O concello está situado na parte occidental do landskap de Västergötland e limita ao oeste e ao norte co municipio de Gotemburgo, ao sur co de Härryda, e ao leste co de Lerum, todos eles no condado de Västra Götaland.
Topografía e hidrografía A parte central do concello estäendese ao longo do val do Säveån, bordeado por edificios e rodeado de escarpadas ladeiras montañosas e sedimentos fértiles. O terreo máis alto caracterízase por estreitos vales de fractura con marismas e turbeiras. Nas alturas estendense bosques de piñeiros que medran no leito rochoso, en ocasións intercalados con frondosas, sobre todo carballos e, en menor medida, faias.
Protección da natureza En 2025 o concello de Partille contaba con catro reservas naturais. A reserva natural de Knipeflågsbergen ao suroeste constitúe unha meseta montañosa prístina, chea de fendas e cuberta de bosque natural.
Divisións administrativas Ata o ano 2016 para cuestións de informes de poboación o concello estaba dividido en tres congregacións: Furulund, Partille e Sävedalen. A partir dese ano o municipio estäa dividido no seu lugar en dous distritos: Partille e Sävedalen.
Partille é un dos dous concellos do país (o outro é Örnsköldsvik) que ten menos cantidade de distritos que de congregacións. A de Furulund separouse de Partille en 2015, o derradeiro ano con congregacións como unidades para informes poboacionais.
Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Västra Götaland